0 Gardados para despois

Ferrolterra homenaxeará o seu 'veciño' Agustín Fernández Paz

Redacción | @prazapublica

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba e pasou unha parte importante da súa vida en Vigo, onde finou o pasado mes de xullo. Polo medio viviu en Xixón, Barcelona, tamén A Coruña, mais tamén en Ferrolterra, concretamente en Mugardos, onde chegou (xunto coa súa dona Inma) a finais dos anos setenta. En todos estes lugares deixou pegada, e se cadra de forma moi especial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que foron o escenario da súa intensa e vitalista actividade nos seus primeiros anos de ensinante, acabado de facer trinta anos.

Non é estraño polo tanto que a primeira homenaxe pública que se lle tributará teña lugar na cidade naval. Será o vindeiro venres 17 de febreiro ás 20.30 horas no Auditorio de Ferrol. A entrada é libre ata completar aforo. Na gala proxectaranse diferentes partes dun documental sobre as súas vivencias na zona de Ferrolterra e haberá actuacións musicais da man de Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, Bellón&Maceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba.

En Mugardos promoveron a creación do Grupo Avantar, movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe á actual Nova Escola Galega

En Mugardos Agustín e Inma traballaron no colexio Unión Mugardesa, centro do que posteriormente el foi director. Alí tamén participaron activamente nas diferentes edicións das Xornadas Pedagóxicas de Mugardos e dende alí promoveron, canda outras persoas mestras da zona, a creación do Grupo Avantar, movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe posteriormente –no 1983- á actual Nova Escola Galega. Foi en Ferrolterra onde empezaron a xurdir as súas primeiras obras, que dende finais dos 80 se converterían nun éxito inmediato, e tamén dende alí Agustín Fernández Paz colaborou na edición de múltiples materiais didácticos, maiormente editados por Edicións Xerais.

"A súa pegada queda tamén nos nosos corazóns e nos de tantos colexios, institutos e entidades culturais que puideron contar sempre coa súa desinteresada e afectiva colaboración"

"De Mugardos marchou vivir a Vigo e son multitude as persoas amigas que deixou nesta zona, ás que sempre tivo no corazón", destacan Xaime Bello (ex alcalde de Ferrol) e Xosé Lastra (mestre e ex concelleiro), integrantes da Comisión Organizadora da Homenaxe, da que tamén forman parte Bernardo Máiz, César Martínez, Emilia Seoane, Mª Carme Bar, Secundino García e Xabier P. Docampo. "A súa pegada queda tamén nos nosos corazóns e nos de tantos colexios, institutos e entidades culturais que puideron contar sempre coa súa desinteresada e afectiva colaboración", engaden.

A recollida de billetes para o acto (desde o xoves 9 ao venres 17 de febreiro) poderá facerse de martes a sábado na billeteira do Teatro Jofre, de 11 a 13h e de 18 a 20h. Ademais, o propio día da gala estarán dispoñibles no Teatro Jofre (de 11 a 13 horas) e no propio Auditorio de Ferrol dende dúas horas antes do evento.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.