Luar na Lubre: "O 80% dos nosos concertos facémolos fóra de Galicia"

© Luar na Lubre

Luar na Lubre cumpren 30 anos de traxectoria e celébrano cun disco, 'XXX aniversario. Selección especial de temas'. Unha escolma que inclúe temas non tan coñecidos e non incluídos en recompilatorios anteriores. Un repaso por un percorrido por 30 países, 18 discos e uns 1.500 concertos que segue animando o propósito que o grupo tiña en orixe: situar a música e a cultura galega no mapa do mundo. Reivindicar o dereito á diferencia. Mais, opina Bieito Romero, -con quen falamos nesta entrevista-, que se puideron manterse, é porque desde o principio tiveron claro que debían exportar o seu proxecto. Hoxe, o 80% dos seus concertos teñen lugar fóra de Galicia.

Alguén que coñeza a Luar na Lubre pode botar de menos temas como ‘Chove en Santiago’ ou ‘Tu gitana’...

É que a idea era fuxir do recompilatorio tipo porque xa temos dous discos recompilatorios anteriores e non queriamos repetir o que xa está trillado. Para nós, todos os temas merecen que se lles dea o mesmo valor, pero claro, dun disco sempre tes que escoller dous ou tres singles que acaban sendo máis coñecidos por selo, hai tamén temas que se coñecen máis porque saen máis na radio ou polo que sexa… Mais o que queriamos desta volta é salientar os nosos “tesouros agochados” que brillan con luz propia. Temas menos coñecidos. Fuxindo do convencional.

"O que queriamos desta volta é salientar os nosos “tesouros agochados” que brillan con luz propia"

Hai tamén temas coñecidos, como ‘O son do ar’. Mais, parte deles, con versión nova.

Si, os cinco primeiros temas, dos que gravamos unha nova versión, son o máis salientable en canto a iso, ás novidades deste disco. Toda a nosa discografía, agás ‘Ara Solis’, está na mesma compañía, polo que non era difícil xuntalo todo. Así que collemos ‘Dun tempo para sempre’  e ‘O soldado desgraciado’ de ‘Ara Solis’ e gravamos unha versión actualizada, cos membros actuais de Luar na Lubre e cos instrumentos que tocamos agora, pero coa mesma estrutura. Tamén gravamos nova versións de ‘Morrison’s jig’, de ‘O son do ar’.

Mais o máis novidoso é a nosa versión particular de ‘Fonte do Araño’ de Emilio Cao. O seu xeito de facer música, dese tipo de música chamada “celta”, abriu camiño para moita outra xente, coma nós. É un tema que forma parte, ademais, da banda sonora da miña vida. Tamén está, neste disco, ‘O son do ar’, o tema noso do que Mike Oldfield gravara unha versión en ‘Voyager’, e que dalgunha maneira nos marcou o camiño. O resto é unha escolma do que dicía antes: temas non tan coñecidos.

"Emilio Cao, o seu xeito de facer música, abriu camiño para moita outra xente, coma nós"

Non podemos sabelo, pero se non fose por esa colaboración con Mike Oldfield, probablemente a vosa traxectoria tería sido menos internacional. Ou seríao, pero máis tarde.

Foi un punto de inflexión, un padriñado importante, iso é verdade, pero tamén se deu a circunstancia de que vendeu moito. Nós estamos moi agradecidos, por suposto. Mais tamén pensamos que se se non tiveramos un proxecto, un traballo feito con tenacidade, a colaboración con el quedaría nunha anécdota.

Si, claro, non levariades 30 anos.

Hai que ter en conta que a situación da música na actualidade é crítica. Hai grupos que desapareceron e outros que están nunha moi mala situación. Penso que se nós fomos capaces de manternos foi porque, desde o principio, tivemos a visión de tentar exportar o noso traballo. En Galicia o mercado é limitado e ten moitas carencias. O 80% dos nosos concertos facémolos fóra de Galicia. E enchemos teatros, o cal significa que continuamos con boa saúde porque temos un apoio popular moi importante. Sempre tivemos claro que tiñamos que saír do país, tentar ter unha presenza a nivel estatal e internacional. Onde temos máis proxección é a nivel estatal, e tamén internacional, aínda que menos. O noso país é pequeno e desgraciadamente falta profesionalización na música.

"Penso que se nós fomos capaces de manternos foi porque, desde o principio, tivemos a visión de tentar exportar o noso traballo"

Que queres dicir con que falta profesionalización na música?

É complicado sobrevivir por varias razóns, entre elas que non temos un circuíto de inverno. No verán temos os festivais, pero son de balde. E a cultura do todo gratis fíxolle dano ao folk. A xente paga por ver un concerto de jazz, ou unha obra de teatro, pero para escoitar folk prefire agardar aos concertos gratis dos festivais. Despois, as axudas son cada vez máis precarias ou nulas, non hai espazos nos que se invista de modo sistemático… porque non vale con tocar só nos bares. Por outra banda, hai certo hábito de que veñan sacarnos as castañas do lume, cando somos nós os que deberiamos facelo.

"A cultura do todo gratis fíxolle dano ao folk. A xente paga por ver un concerto de jazz, ou unha obra de teatro, pero non para escoitar folk"

Artes escénicas e música comparten as axudas á promoción exterior, das que adoitan levar un par de músicos ou grupos a maioría do investimento. É un exemplo.

As axudas á música están moi repartidas e, non sei, dependerá das propostas… De todas maneiras, nós non temos axudas, máis alá de cousas puntuais. Non depender das axudas é un xeito de liberarte. Conseguir autofinanciarte, como empresa, é moito mellor. Aínda que tampouco é verdade que non haxa cartos para cultura. Cartos hai, outra cousa é en que queiran gastalos as administracións. Tamén falla a organización do sector, que non está unido para reclamar o que é un dereito. A ver se coas próximas xeracións isto mellora…

"Tamén falla a organización do sector, que non está unido para reclamar o que é un dereito"

As versións de temas tradicionais son un dos alicerces do voso traballo. Se cadra estaban máis presentes, ou polo menos tiñan máis peso, nos primeiros discos… En que sentido mudou Luar na Lubre, ao respecto do tipo de música que queriades facer, en 30 anos?

Non sei se a música tradicional estaba máis nos primeiros discos…, mais en xeral creo que o noso proxecto é o mesmo co que comezamos hai 30 anos cando gravamos ‘O son do ar’. Despois cada disco responde a un concepto distinto e nós fomos adquirindo experiencia, claro. Mais eu creo que mantivemos uns obxectivos, unha coherencia, e que o público tamén valora iso. O que facemos non é música tradicional: traballamos con temas tradicionais, pero facéndoos á nosa maneira. Reinterpretamos o tradicional para facer folk.

"Eu creo que mantivemos uns obxectivos, unha coherencia, e que o público tamén valora iso"

Si, claro. É o normal. Moitos grupos galegos parten do tradicional para facer outra cousa, que é mestura. “Fusión”, din.

Traballamos co tradicional porque é unha música moi bonita, potente, porque somos galegos, porque temos un patrimonio musical dunha riqueza enorme. Pero tamén traballamos coa música medieval, facemos composicións propias, versións de outros músicos… E todo isto é o que facemos desde o principio. Levamos percorridos 30 países, fixemos uns 1.500 concertos, sacamos 18 discos… O bo, ademais, é que non cesamos a actividade. Cada dous anos, como media, sacamos novo disco. Este ano imos acabalo cuns 60 concertos, que tal como está a cousa non está nada mal.

"Levamos percorridos 30 países, fixemos uns 1.500 concertos, sacamos 18 discos…"

Temos, ademais, un equilibrio dentro do grupo, unha estabilidade… Claro que houbo cambios porque son moitos anos, pero o núcleo central mantense. Pregúntannos se non estamos esgotados, pero non, e o feito de ter tantos concertos é indicativo ao respecto. Claro que hai que traballar moito, que as cousas non caen do ceo. É duro, pero é o que nos gusta, así que estamos encantados. Dentro de pouco, por certo, abrimos na Coruña, no Salvador de Madariaga, unha exposición sobre os nosos 30 anos con discos, cartelería, prensa, materiais, vídeos…  

"Pregúntannos se non estamos esgotados, pero non"

Escocia e Irlanda están presentes neste disco e en toda a vosa traxectoria. Mudou moito a presenza recoñecida a Galicia dentro da chamada “música celta” nestes 30 anos?

Non tanto, se cadra. Non é o contexto no que un grupo galego pode tocar facilmente. Non é habitual que a música galega estea presente no ámbito da música celta. Eles son moi seus para iso. Nos festivais escoceses e irlandeses hai sobre todo músicos de alí. Igual que nos bretóns. Como moito hai algunha participación galega, como en Lorient, pero iso despois non se traduce en que os grupos galegos vaian facer unha xira por alí. Falta intercambio e eu creo que é en parte porque falta infraestrutura profesional. Porque as produtoras terían que conseguir que, xa que veñen grupos deles aquí, a cambio fosen grupos nosos alá.

"Non é habitual que a música galega estea presente no ámbito da música celta"

Iso si, das etiquetas que poden poñernos, que son moitas, a de música celta non me desagrada. Eu non sei, porque non o sabemos, que música facían os celtas. Pero si hai un modo de facer música ao que se chama así, unha estética que é recoñecible internacionalmente. E adoptala serve para que a nosa música sexa recoñecida noutros lugares do mundo. Iso é o que importa. Non vou entrar en debates sobre se realmente somos tan celtas ou non.

"Eu non sei que música facían os celtas. Pero si hai un modo de facer música ao que se chama así, unha estética que é recoñecible internacionalmente"

Non creo que ese debate estea moi vivo.

Hai de todo, non creas. Mais a min paréceme evidente que a “música celta” é unha oportunidade para a música galega. Como o é a lusofonía. Claro que non é portugués o que facemos, é galego, pero son circuítos que temos que saber aproveitar. Que nos recoñezan como parte da estética celta é bo para nós, e que nos recoñezan como parte da lusofonía. Son xeitos de situar a nosa música no mundo.

"A min paréceme evidente que a “música celta” é unha oportunidade para a música galega. Como o é a lusofonía"

Terra, mar, sol e lúa. Son elementos, e símbolos, moi presentes nos vosos discos, desde o principio. Como se houbese unha procura dunha sorte de esencia, ou máis ben de orixe, anterior ao cristianismo…

É que somos dun lugar moi determinado que é Galicia. A maior parte de nós vivimos na cidade, pero temos unha influencia moi grande da aldea, da cultura rural, na que o sol, a lúa, o mar, o solsticio, o plenilunio… son o máis normal do mundo. Que haxa unha presenza clara da simboloxía arredor diso no noso traballo tamén ten que ver cunha carencia, que é que moitas veces os propios galegos descoñecemos toda esta riqueza cultural. A min gústame a etnoloxía e a antropoloxía social e cultural, ademais.

A relixiosidade en Galicia está asociada ao paganismo que a precedeu porque se produciu unha fusión dos cultos. Todo está relacionado: o pagán, a influencia cristiá, o medieval,.. e toda esa mestura chega ata hoxe, non é só que nós busquemos o que precedeu ao cristianismo. Para velo, só hai que abrir os ollos. Mais, si, claro, tamén é algo provocado, pola nosa parte, chamar a atención sobre isto. É como un baúl de esencias, un mapa no que recoñecernos, fronte á tendencia do mundo actual a acabar con todo isto. É parte da nosa identidade. O galego pódese aprender na escola, pero se perdemos toda esa tradición oral, toda esa esencia, que é máis profunda, non seremos nós.

"O galego pódese aprender na escola, pero se perdemos toda esa tradición oral, toda esa esencia, que é máis profunda, non seremos nós"

A poesía está, de distintas maneiras, moi presente tamén no que facedes. A poesía popular, a lírica medieval galego-portuguesa, poetas actuais coma Xabier Cordal…

É algo vital na nosa música, si. Cando comezou a música celta por aquí, case non se cantaba. Os grupos que había case non cantaban. Os nosos primeiros discos tamén son moi instrumentais. Pero na nosa tradición había moita música cantada. E despois, claro, na lírica medieval. Por iso no noso traballo está a poesía popular, a lírica tradicional, a lírica medieval galego-portuguesa… e poetas do século XX e de agora: Celso Emilio Ferreiro, Lorca, Farruco Sesto, Raquel Gamallo, Xabier Cordal que é o noso poeta de cabeceira… Son letras que ensamblan moi ben coa nosa música. E se tes unha música, encargarlle unha letra a un bo poeta pode dar resultados moi bos…

"Cando comezou a música celta por aquí, case non se cantaba"

A lírica medieval estivo desde sempre, pero máis desde ‘Solsticio’, se cadra…

Si. As cadencias, os ritmos, da nosa música, poden facer pensar na música medieval. Iso sempre. Mais non é que a nosa música sexa medieval, aínda que sempre houbo unha influencia por aí. Pero de xeito máis directo e aberto está, si, desde ‘Solsticio’. Tamén en ‘Mar Maior’, en ‘Camiños da fin da terra’... A lírica medieval galego-portuguesa é das máis importantes de Europa e aquí parece que nin o sabemos. As cantigas de Santa María están pouco traballadas na nosa música, mentres por Europa hai grupos de folk-metal que fan temas con elas. Está de moda.

"A lírica medieval galego-portuguesa é das máis importantes de Europa e aquí parece que nin o sabemos"

Despois pasa que aquí tamén hai algo de crueldade, no sentido de que se valora máis o que se fai fóra. Se vén de fóra é moderno e interesante. Nós sentímonos moi queridos en Galicia, por suposto. Temos o apoio do público. Pero seguramente se non foramos fóra, seriamos menos coñecidos e valorados aquí. En Galicia seguimos a ter carencias na música. Un grupo como Mago de Oz tiña que ser galego… E non digo que non se estea a facer boa música en Galicia. pero faltan cousas.

"En Galicia seguimos a ter carencias na música. Un grupo como Mago de Oz tiña que ser galego…"

Acabades de cambiar de vocalista. Belém Tajes chámase a nova. E xa van unhas cantas. Ben, non tantas, pois son 30 anos.

Ana Espinosa, Rosa Cedrón, Sara Vidal, Paula Rey e Belém Tajes. Con Belém levamos dous concertos e a crítica foi moi boa. Claro que fixemos cambios, pero é normal en tantos anos. Os anteriores foran de violinista, ao incorporarse Antía Ameixeiras, e pola xubilación de Xulio Varela. Mais os cambios non son trauma ningún. Mesmo axudan a mellorar. Belém tiña un perfil interesante para nós desde o punto de vista humano e profesional. Pasou unha proba, funcionou, e aí está. Etapa nova. Ademais, a nosa esencia non muda polo cambio de voces. Dígoo porque moitas veces sobrevalóranse as voces. E claro que son distintos matices, distintos xeitos de interpretar… Cada nova voz é riqueza e achega cousas novas,  pero a nosa esencia, a nosa estética e a nosa sonoridade, son as mesmas.

"Cada nova voz é riqueza e achega cousas novas, pero a nosa esencia, a nosa estética e a nosa sonoridade, son as mesmas"

As versións tamén vos gustan. Neste disco están ‘Gerdundula’, de Status Quo, ‘Mull of Kintyre’ de Paul McCartney… ou cousas máis antigas, como a ‘Schiarazulla Marazulla’ de Giorgio Mainerio.

Si, facemos todo tipo de versións. Tamén fixemos 'El Rossinyol', un tema catalán que xa versionaron autores; 'Txoria Txori', de Mikel Naboa, ou a tradicional castelá La Molinera… Ou ‘El derecho de vivir en paz’ de Víctor Jara, que foi moi bonito cando a tocamos en Chile en directo porque se puxo todo o público de pé. Facer versións ten algo de atrevemento, pero trátase de facer arranxos con respecto polo orixinal… Outro exemplo é un tema maorí, ‘Ao tea roa’, que aprendemos dun escocés… Ou a 'Pandeirada do Che', versión dun tema que gravou un galego en Venezuela, Xulio Formoso, con letra de Farruco Sesto. É unha gravación do 64, na que está Celso Emilio tocando o pandeiro…

Falando diso e, aínda que todo o que facedes é político no sentido do reivindicativo dunha cultura e dunha identidade, hai temas máis abertamente políticos como ‘Olla meu irmão’, con letra de Celso Emilio, ou a do Che… Noutros discos fálase por exemplo da lingua... “O que esquece as súas raíces perde a súa identidade”, di 'Nau' de 'Cabo do mundo'. Ou 'Terra'. Ou a versión de 'O meu país' en 'Hai un paraíso'...

Somos un grupo con moitos pensamentos políticos…

Non me refiro a votar a un partido.

Claro, hai esa vertente. Desde o momento en que tes temas como o do Che, ou o de Celso Emilio, ou ‘El derecho de vivir en paz’ ou ‘O meu país’, que facía Miro Casabella con Voces Ceibes, -que non están neste disco-, ou ‘Memoria da noite’ despois do Prestige… Logo ás veces tampouco podes adoptar un posicionamento moi claro… pero a bo entendedor, palabras bastan.

O que si é importante para nós é o compromiso, facer unha achega á nosa cultura, facer que a nosa música teña percorrido fóra. Iso a xente enténdeo e compárteo. E ademais axuda a dar unha visión diferente da convencional sobre os galegos. Menos tópica. A ver, que non somos os Rolling Stones, facemos o que podemos dentro das nosas posibilidades. Pero algo facemos pola nosa cultura e pola dignidade como país.

"O que si é importante para nós é o compromiso, facer que a nosa música teña percorrido fóra"

A que te refires cos tópicos sobre os galegos? Que estereotipos atopades fóra respecto á música galega?

Non me refiro á música en particular. Moita xente simplemente non sabe nada de música galega. Pero se só teñen referencias de Galicia polo que conta a televisión… malo. Nos nosos concertos, ademais, e sobre todo nos que facemos fóra de Galicia, hai moita palabra. Falo moito: de lendas, de historias… Cada canción ten a súa historia. E iso axuda a dar outra visión sobre Galicia. Do lado do compromiso, do amor pola terra.

Outro tema que está na vosa música, relacionado con isto, é a emigración e o reforzo, ás veces descuberta, da identidade galega alí. A identidade de ida e volta. Mar por medio.

Hai moi poucos galegos que non teñan familia emigrada. A emigración ten sempre un lado tráxico, de ruptura, de perda… O disco no que está máis presente isto é ‘Saudade’, e probablemente retomaremos o tema noutro disco. Mais tamén é o pálpito que sentimos nós en América. Todo o que fomos recollendo alí: a Pandeirada ao Che, por exemplo. Os emigrantes levaron a música con eles, e aínda hoxe paseas por Buenos Aires e notas que a pegada galega é moi forte. Tamén pasa en Rio, en São Paulo, en Caracas… pero menos. Houbo, si, moitas achegas musicais de ida e volta. Hai uns enormes arquivos de música galega na emigración que agora están a usar grupos novos para traballar… E tamén queriamos poñer isto en valor.

"Os emigrantes levaron a música con eles, e aínda hoxe paseas por Buenos Aires e notas que a pegada galega é moi forte"

Luar na Lubre entende que a música é un dos máis importantes factores culturais para a afirmación do dereito á diferencia enriquecedora do pobo galego. Isto pode lerse nada máis abrir a vosa web. Supoño que ese dereito á diferencia, á diversidade cultural, é a idea de fondo que move o grupo… En ‘Extramundi’ celebrabades, precisamente, esa diversidade.

Ese texto que dis é como do ano 88, de cando comezamos… e si, é o mesmo. A nosa motivación fundamental é situar a música galega no mapa, que sexa coñecida e valorada, porque moitas veces fóra a xente non sabe nada da nosa cultura…

"A nosa motivación fundamental é situar a música galega no mapa, que sexa coñecida e valorada"

‘Extramundi’, de todas maneiras, foi un proxecto concreto, feito un pouco para agradecer a boa acollida que temos no contexto estatal porque, como che dicía, o 80% dos concertos facémolos fóra. Unha forma de devolver o cariño a outras linguas, a outras culturas do Estado. Mais si, claro, entendemos que a diversidade é fundamental, e é riqueza. Cremos na Europa dos pobos e na España dos pobos. É unha realidade que sempre está aí e que reivindicamos.

© Luar na Lubre
© Luar na Lubre
Belém Tajes, nova vocalista © Luar na Lubre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.