Este verán gravarase na Coruña o filme Nove de Novembro, que se converterá na primeira longametraxe de temática LGTB rodada en galego. Neste momento está a realizar unha campaña de crowdfunding para completar o seu financiamento. O obxectivo é que a película, protagonizada polos actores galegos Brais Yanek e Ademar Silvoso, se estree en 2018.
"Coa auxe que está vivindo o cinema galego nos últimos anos, cremos de gran importancia que todas as historias sexan contadas e non só as da maioría. A visibilidade do colectivo LGBT debe darse na rúa e nas accións sociais, pero tamén en todas as formas de expresión culturais posibles", destaca o director do filme, Lázaro Louzao (Xove, 1988), con quen falamos.
“Cando comecei a escribir a película, non sabía que ía ser o primeiro filme con temática LGTB. Era simplemente a historia que me interesaba contar. E só ao final alguén me dixo que, en realidade, non había ningunha longametraxe, explica, sinalando que “non é a primeira vez que aparecen personaxes gais ou lésbicos nun filme galego, pero si é a primeira vez que ocupan a centralidade da historia”.
Denuncia que a pesar dos avances en moitos campos, dende o estritamente legal ata a normalización e visibilidade social da homosexualidade, "séguense a atopar barreiras todos os días". "Aínda esta semana un dos actores protagonistas compartiu en Twitter unha das imaxes que ilustra o filme -na que que se ve a dous homes bicándose- e aparecíalle a mensaxe de que a fotografía podía 'ferir certas sensibilidades'”, di.
“Non é a primeira vez que aparecen personaxes gais ou lésbicos nun filme galego, pero si é a primeira vez que ocupan a centralidade da historia”
O filme conta a historia de Roberto e Miguel, que levan dez anos saíndo xuntos, unha década de vida en común que volverá as súas memorias ao longo de catro días de novembro, en 1989. Na película mestúranse os feitos que nese mesmo momento están tendo lugar en Berlín, onde se produce a caída do Muro. O filme trata temas como a homosexualidade e a súa aceptación, as relacións de parella ou a epidemia da SIDA e súa especial incidencia a finais dos anos 80 e busca "presentar unha relación de parella alonxada dos lugares comúns aos que estamos acostumados a ver na pantalla". En paralelo, a través da televisión, os dous personaxes principais asisten aos acontecementos que se desenvolven en Alemaña, "a fin da guerra fría, como metáfora da relación dos protagonistas".
Lázaro Louzao conta que "cando comecei con esta historia, a primeira película que se me veu á cabeza foi Bad Night (Mala noite), o debut de Gus van Sant. Non é que garde moita relación a historia que trataba, pero a forma de narrar e o estilo si que os tiña bastante presente cando estaba escribindo".
A película conta cunha pequena achega económica do Concello de Xove, de algo de máis de mil euros, e outros catro mil euros de investidores privados. Agora, a través desta campaña de microachegas, busca reunir outros oito mil, para sumar un total de 14 mil. "É un filme barato, con poucas localizacións, e quixemos que fose autofinanciados. Pedín a axuda de desenvolvemento de guión de AGADIC, pero non ma concederon. E non quixemos pedir a de produción, para non adiar o proxecto", explica. Polo de agora o filme reuniu 3.358 euros dos oito mil que busca con esta campaña. Entre as recompensas que se ofrecen para as persoas que realicen achegas están a posibilidade de aparecer no filme como extra ou o envío dunha das tres ilustracións orixinais deseñadas para o póster do filme pola artista GalletaMaría.
Esta será a primeira longametraxe dirixida por Louzao, que ata agora realizou tres pezas de menor duración, dúas delas documentais: La luz que no vemos (2015), Crac (2014), unha mediometraxe narrada a través dos poemas que conforman o libro homónimo de Gonzalo Hermo, e Los seres sombríos (2013), un poema visual través das paisaxes industriais de Biscaia.