A Real Academia Galega visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017 estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor.
"Creo que cada vez máis a sociedade galega está facendo súa esta festa, a festa literaria de Galicia, e que o mundo escolar estea presente nela é moi importante porque, entre outras cousas, nel está a perpetuación e a consolidación do noso idioma e da literatura galega", afirmou Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, na presentación da programación deseñada por distintas institucións para conmemorar o Ano Carlos Casares. A Academia celebrará o 17 de maio o seu acto central cunha sesión extraordinaria na vila na que medrou Casares, Xinzo de Limia, na que tres membros de número da Academia pronunciarán cadansúa alocución sobre o escritor.
RAG, Consello da Cultura Galega e Fundación Carlos Casares organizan en novembro un simposio sobre a súa traxectoria vital, literaria e de xestión política e cultural
Xa en novembro, a RAG coordinará -en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Fundación Carlos Casares, e co apoio da Xunta de Galicia- un simposio sobre a súa traxectoria vital, literaria e de xestión política e cultural. A propia sede da Academia, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
A RAG conta desde comezos de ano na súa web cun espazo biográfico dedicado a Carlos Casares. Ofrecerá ademais reportaxes, entrevistas e outros contidos arredor da súa vida e obra, como os publicados sobre Vento ferido o pasado 10 de febreiro, xusto cincuenta anos despois de que se acabase de imprimir o primeiro libro do autor. De igual xeito, Primavera das Letras -proxecto nacido o pasado ano para fornecer de recursos didácticos que permitan traballar de xeito ameno contidos relacionados co 17 de maio- ofrecerá a partir deste 21 de febreiro os seus primeiros contidos sobre Casares.
Outras actividades
Neste 2017 haberá edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos
Ademais, neste 2017 haberá edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos. Actividades que levarán a cabo a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura Galega, o Centro PEN Galicia, a Editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense ou os concellos de Ourense e de Xinzo de Limia.
-
Concursos literarios: O Concello de Xinzo de Limia convocará o I Premio de Xornalismo para artigos de opinión en galego. Ademais,
promoverá o II Concurso Literario Xuvenil de Relato Curto Carlos Casares, e un concurso de deseño de portadas para Vento ferido. -
Exposicións: A Fundación Carlos Casares programa ao longo do ano esta mostra itinerante que presenta máis de 100 exemplares de
distintas edicións d'O Principiño, de Saint-Exupéry, en máis de 60 linguas, xunto con outras pezas. Ademais, unha exposición itinerante promovida pola Fundación Carlos Casares amosará a relación do escritor coa fotografía a través de 70 instantáneas tomadas por
el ao longo da súa vida e de retratos do ámbito familiar e dos amigos. - Edicións especiais: O Consello da Cultura Galega reeditará As laranxas máis laranxas de todas a laranxas e mais un CD-audio con diversas intervencións de Carlos Casares. Así mesmo, o Concello de Xinzo de Limia prepara unha edición dos artigos da sección Á marxe, de La Voz de Galicia, con referencias á vila ourensá.
- Lecturas públicas: O Concello de Xinzo de Limia programa lecturas públicas de Vento ferido para conmemorar o 50º aniversario da súa publicación. O Concello de Ourense tamén organizará lecturas públicas das obras de Casares. A cidade das Burgas organizará tamén unha homenaxe que rematará coa descuberta dunha placa realizada polo escultor Xosé Cid na praza Bispo Cesáreo
- Conferencias: A Editorial Galaxia promove diversas charlas impartidas por Henrique Monteagudo e polo escritor Antón Riveiro Coello para contribuír á difusión social da figura e da obra de Casares entre a cidadanía en xeral e, nomeadamente, entre o alumnado de educación secundaria
- Teatro: O Centro Dramático Galego, en coprodución con Talía Teatro e coa Fundación Carlos Casares, levará á escena Os mortos daquel verán, nunha lectura dramatizada baixo a dirección de Artur Trillo. Será en maio en Compostela
- Música: A Real Filharmonía de Galicia e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica, baixo a dirección de Maximino Zumalave, intepretarán diferentes obras sobre textos de autores galegos ou de temática galega. Será en maio en Ourense e Compostela. Ademais, en Xinzo Emilio Rúa e Carlos Caneiro ofrecerán un concerto-recital sobre textos de Casares (Cantata e fuga para Carlos Casares).
- Tradución: A Secretaría Xeral de Cultura promove a primeira edición en inglés da obra Ilustrísima, nunha coedición da Xunta de Galicia co selo Small Stations Press.
50 anos de Vento Ferido
O 10 de febreiro de 1967 rematouse de imprimir Vento Ferido, primeiro libro de Casares, daquela estudante universitario en Compostela con 25 anos de idades. Casares escribira ese nadal a maior parte dos contos que compoñen a obra, "un auténtico anticipo da prosa sinxela e efectiva, e do gusto polas historias próximas, galegas e ao tempo universais, que foron sinais de identidade da literatura do protagonista do Día das Letras", destaca a RAG nun especial que lle dedicou hai uns días con motivo do 50 aniversario da obra.
O 10 de febreiro de 1967 rematouse de imprimir Vento Ferido, primeiro libro de Casares
"A difusión foi inmediata e Vento ferido correu de man en man entre os universitarios con moito éxito", destaca Camiño Noia, profesora emérita da Universidade de Vigo. Un ano convulso na universidade compostelá, que viviu o seu propio "maio 68" un ano antes que París, no que o propio Casares -membro activo do Asociación Democrática de Estudantes- foi detido, en concreto o 19 de xaneiro (semanas antes da publicación do libro), por presentar unha conferencia do filósofo José Luis López Aranguren no Burgo das Nacións.