0 Gardados para despois

A RAG edita un libro cos apelidos máis frecuentes para facilitar a corrección de formas deturpadas

Redacción | @prazapublica

Brey, Enríquez, Canabal, Collazo, Quintana, Yáñez... Formas incorrectas para apelidos empregados de forma común en Galicia. A Real Academia Galega vén de editar Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, obra que recolle nunha listaxe normalizada 1.500 apelidos que abranguen en conxunto preto do 90 % da poboación galega. O libro, que se pode descargar de balde, pretende ser unha ferramenta útil para toda a cidadanía, mais de maneira especial para o persoal dos xulgados e dos rexistros civís, responsables dos trámites de regularización lingüística dos apelidos.

O libro é un avance do dicionario de apelidos galegos no que está a traballar o Seminario de Onomástica da RAG, unha obra que, ademais de incrementar a listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou histórico. Cando estea rematado, “xa non haberá razón ningunha para acometer máis antroponimicidios”, salientou o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, na presentación que tivo lugar este mércores, e na que tamén participaron Henrique Monteagudo -secretario da RAG-, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Tamén interveu por videoconferencia a académica correspondente Ana Isabel Boullón, coordinadora do equipo que realizou o traballo, dentro do Seminario de Onomástica.

"Malia manterse esta presión cinco séculos, calcúlase que o total de formas castelanizadas é de apenas o 16 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto social é maior", sinala Boullón

Boullón destacou que a consecuencia de que o galego fose desprazado como idioma instrumental na escrita desde principios do século XVI, os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, "comezaron a ser modificados". No caso dos apelidos, o proceso de deturpación foi "desigual". "Malia manterse esta presión cinco séculos, calcúlase que o total de formas castelanizadas é de apenas o 16 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto social é maior", sinala. "Tamén se dá o paradoxo de que moitas formas normalizadas na toponimia permanecen castelanizadas cando funcionan como apelidos, como sucede con Seijas en lugar de Seixas ou Abeijón por Abeixón", engadiu.

“Preténdese, avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo”, afirmou Boullón, que agarda que o paso dado con esta publicación vaia tamén “acompañado por medidas oficiais que fomenten a recuperación dos nosos apelidos tradicionais”.

Boullón agarda que o paso dado con esta publicación vaia tamén “acompañado por medidas oficiais que fomenten a recuperación dos nosos apelidos tradicionais”

Trala reforma de 1999 a Lei do rexistro civil permite mudar a forma dos apelidos para regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita non se adecúe á gramática e á fonética da lingua correspondente. Con esta obra a RAG quere achegarlles aos rexistros civís "un elenco de formas estandarizadas que permitan aos cidadáns e cidadás exercer o seu dereito ao uso da forma correcta do seu apelido, un dereito que non figura explicitamente nas leis, mais que se infire da Lei de normalización lingüística". "En diante, este trámite será máis fácil, xa que non será preciso entregar no rexistro unha certificación da Academia no caso dos apelidos incluídos nesta listaxe", engade a Academia.
 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.