Xantar un 'Caldo de Gloria' para celebrar o Día de Rosalía

Anxo Angueira e Merchi Rodal, na Casa-Museo de Rosalía Dominio Público @CasadeRosalia

"E na miña horta pequena / unhas coles fun catar. / Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar, / e ca fariñiña munda, / xa tiña para cear. / Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar; / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar". Con estes versos no seu poema 'Miña casiña, meu lar', Rosalía de Castro explica como facer un caldo humilde mentres relata os problemas diarios para a supervivencia e ante a precariedade. 

Os locais de hostalería de Padrón ofrecerán o 24 de febreiro 'Caldo de Gloria' nos seus menús

Este mesmo o caldo será o que todos os locais da hostalería de Padrón farán o vindeiro 24 de febreiro co gallo do Día de Rosalía. Ofrecerán este prato logo da iniciativa da Fundación Rosalía, que convida "a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes" e "acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos" no día do 180º aniversario da escritora. 

A iniciativa foi presentada este venres por Anxo Angueira, presidente da Fundación, e pola concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Cousa, que estiveorn acompañados polos cociñeiros Benigno Campos e Merchi Rodal, do programa Larpeiros da TVG, que serán os encargados de preparar o Caldo de Gloria na Casa de Rosalía o propio 24 de febreiro.

A Fundación Rosalía anima a que "todo o país" celebre o 180º aniversario de Rosalía ucn 'Caldo de Gloria' en casas e restaurantes

A Fundación destaca que quere homenaxear a Rosalía lembrando o poema 'Miña casiña, meu lar' de Follas novas, onde "unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir". "Vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote", destacan. "No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz", insisten. 

"Queremos que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este caldo dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular", di a Fundación, que lembra que na súa web poderase atopar máis información sobre como participar no #CaldodeGloria tanto un particular como un restaurante.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.