Actos en todo o país homenaxean a Rosalía no 180 aniversario do seu nacemento

Acto institucional de homenaxe a Rosalía, este xoves en Compostela © Deputación da Coruña

En 1917 inaugurouse na Alameda de Compostela o monumento en homenaxe a Rosalía de Castro, construído grazas ás achegas realizadas por numerosas persoas e entidade. Ao pé desta estatua a Deputación da Coruña celebrou este mércores a súa homenaxe institucional á poeta, acto central dos moitos recoñecementos que nestes días se organizan en toda Galicia conmemorando o 180 aniversario do seu nacemento.

No acto interviron o presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña (Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei), o alcalde de Santiago, (Martiño Noriega), o presidente da Fundación Rosalía (Anxo Angueira), o presidente da AELG (Cesáreo Sánchez) e o investigador Miguel Anxo Seixas, autor do libro publicado pola Deputación arredor da historia do monumento. Nenas e nenos lendo fragmentos da súa obra e o grupo Habelas Hainas poñéndolles música pecharon a cerimonia, na que Valentín González Formoso salientou non só "a faceta como poeta" de Rosalía senón tamén "como persoa valente que alberga o mellor dos galegos”.

"O entusiasmo por Rosalía tamén vive hoxe un momento de esplendor. O aeroporto Rosalía de Castro é o máximo expoñente do que xa foron nomes de rúas, de centros de ensino, de bibliotecas e de tantas mulleres, de tantas nenas", salientou Goretti Sanmartín. “Desde a Deputación da Coruña quixemos facer xustiza histórica, reparar o feito de as deputacións non teren contribuído daquela economicamente a pagar a estatua, e vir aquí co mellor que temos, música e poesía”, sinalou a vicepresidenta e responsable da área de Cultura.

“Entre todos e todas conseguiuse que o aeroporto de Santiago leve o nome daquela tola que soñou un mundo diferente e reivindicou ese país que segue a ser unha causa pendente”, subliñou Martiño Noriega. Anxo Angueira lembrou que hai cen anos se xerou “arredor de Rosalía unha enorme unidade social e esa unidade está tamén hoxe”. “Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda”, dixo Cesáreo Sánchez.

 

Actos da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza un programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, o 24 de febreiro, data do seu nacemento. A AELG busca institucionalizar ese Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día.

  • Friol: Ás 18.30, no Centro Socio Cultural de Friol. Coa colaboración do Concello de Friol, a A. C. Xesta verde e a Asociación de Recreación Histórica Castronela.
  • Vigo: Ás 18.45, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real,12) e Centro Cívico (Rúa Oliva,12), de Vigo. Ofrenda floral na imprenta Juan Compañel, percorrido até o Centro Cívico e lectura pública da obra de Rosalía de Castro. Coa colaboración do Concello de Vigo e da A. C. O Castro. 
  • A Coruña: Ás 19.00, na Biblioteca Municipal Ágora (Lugar da Gramela, 17) da Coruña. Coa colaboración do Concello da Coruña e a Biblioteca.
  • Ferrol: Ás 20.00, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204). Coa colaboración do Ateneo Ferrolán.
  • Vilalba: Ás 20.00, na Casa da Cultura de Vilalba. Coa colaboración do Concello de Vilalba e Culturalia GZ.

 

Actos na RAG e na rede de museos de Lugo

A Deputación de Lugo conmemora este 24 de febreiro os 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro agasallando os visitantes dos museos da Rede Museística (Museo Provincial de Lugo, Museo Pazo de Tor, Museo Fortaleza San Paio de Narla, e Museo Provincial do Mar) e da Capela de Santa María cunha lámina, un poema e unha rosa. A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, subliñou que “Rosalía de Castro foi un exemplo de liberdade para todas as mulleres e un referente de compromiso coa identidade, a cultura, e a lingua galega. Dende o Goberno da Deputación queremos homenaxear a unha das artistas máis importantes da nosa historia que foi, é e será, un símbolo para o pobo galego”. En total entregaranse 250 láminas co poema Adiós ríos, adiós fontes. A ilustración de Rosalía de Castro é de Noemí López Vázquez e pertence a colección da exposición do Centro de Artesanía e Deseño Imaxinando Cantares Gallegos.

Este mércores 22, a Real Academia Galega celebrou un acto musical e literario en homenaxe a RosalíaTrala presentación do acto a cargo da nova académica de número Marilar Aleixandre, Roi Casal interpretou “Ninfa das frescas augas”, a súa lectura musical do poema XXVI de Cantares gallegos. Os académicos Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo achegaron tamén creacións propias en homenaxe a Rosalía. Pola súa banda, Ánxeles Penas deulles voz aos poemas rosalianos “Adiós ríos, adiós fontes” e “Ladraban contra min que camiñaba”, e mais a outro propio titulado “Do mar pola orela mireina pasa”, que toma o seu nome dun dos versos da poesía que lle dedicou Curros Enríquez á escritora tralo seu pasamento. Pola súa banda, Rosalía Fernández Rial leu “Daquelas que cantan”, “Tal coma as nubes” e un fragmento de “Ti a feiticeira”.

 

Cartel do acto organizado en Friol © AELG
Roi Casal e Silvia Ferre, no acto celebrado na Academia © RAG
Ilustración de Noemí López que se entregará nos museos lucenses © Deputación de Lugo
Inauguración do monumento en 1917 Dominio Público Vida Gallega. Tirada de memoriasdecompostela.blogspot.com.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.