"Rosalía practicaba moito a sororidade. Era consciente de que as mulleres ou facían rede ou non tiñan nada que facer"

Ducias de persoas achegáronse este mércores ata o monumento a Rosalía, na Alameda compostelá © Deputación da Coruña

Este venres 24 de febreiro conmemórase o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Lonxe quedan os tempos nos que a súa figura e a súa obra quedaba reducida a un elemento puramente sentimental e morriñento, ao laio acrítico e apolítico e a un símbolo folclorizante no peor sentido do termo. Hoxe nas homenaxes que se lle renden destácase a fondura intelectual dos seus traballos e o carácter netamente feminista da súa obra. E é así, como unha persoa forte e consciente de si, como devén en símbolo universal de Galicia, tanto que mesmo lle dá nome xa ao aeroporto de Compostela.

Queda, iso si, camiño por diante no proceso de coñecemento e recoñecemento a Rosalía, como este mércores lembrou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín: “Moito teremos andado o día en que galegas e galegos nos acheguemos a esta estatua e vexamos unha filósofa, unha pensadora, a poeta, como a ela lle gustaba dicir, pois odiaba a palabra poetisa que daquela significaba a persoa que compoñía versos para as pombas e as flores”. Falamos de todo isto con Encarna Otero, estudosa da obra de Rosalía

Cres que se conseguiu mudar a visión social que podía haber hai unhas décadas sobre Rosalía, a da chorona, a da poeta sentimental...?

Eu coido que si, outra cousa é que esa idea se transmitira o suficiente. Pero é moi destacable a difusión que hoxe se fai da súa obra a través de moitos soportes distintos, dende a música ata o audiovisual, que é capaz de chegar á mocidade. Unha obra moi extensa -poética, novelística ou xornalística- que tiña un obxectivo: situar a Galiza no seu lugar real e tamén situar as persoas sen voz, as máis pobres, que eran a maioría. E dentro delas, sobre todo, as mulleres. Ela quería non só denunciar a situación na que vivían as mulleres, senón tamén reivindicar a través dela mesma que as mulleres estaban capacitadas para facer todo o que quixesen na vida, a pesar das moitas trabas que tiñan.

"Rosalía era filla de nai solteira. É un aspecto do que hoxe non se fala moito, cando isto non era algo tan estraño na Galiza do momento, nin entre as clases populares nin entre as máis acomodadas"

Que aspectos cres que son máis descoñecidos ou nos que se debería aínda afondar máis?

Quizais sería interesante afondar na súa orixe. Rosalía era filla de nai solteira, con pai coñecido. E a súa nai era unha persoa da fidalguía, como denota o seu apelido. É un aspecto do que hoxe non se fala moito, cando isto non era algo tan estraño na Galiza do momento, nin entre as clases populares nin entre as máis acomodadas. Hai outro tema, que non está demasiado estudado e coido que é interesante: Rosalía reivindicou moito a Galiza como territorio para dar soporte á vida, á xente. Ela pertencía a esas mocidades provincialistas que organizaron o Banquete de Conxo, e que pulaban por unha transformación democrática da sociedade. E denunciaba que xa nese momento se estaban a producir destrucións do territorio que eran irreparables, como cando por exemplo denunciou a tala dos carballos en Conxo para a construción do sanatorio psiquiátrico. Era unha mentalidade ecoloxista e consciente da riqueza do territorio e da súa importancia para dar sustento á poboación, un instrumento para acabar coa miseria e evitar a emigración.

"Rosalía reivindicou moito a Galiza como territorio e a súa importancia para dar sustento á poboación"

Atopei tamén algún poema, que me impresionou moito, no que ela louva a modernidade, que me lembra a aquel Curros Enríquez que lle dedica un poema á chegada do ferrocarril. Rosalía ten algún poema louvando os obreiros e as transformacións sociais que se están a producir nesas décadas, que ela interpreta como positivas para a xeración de emprego en Galiza.

"Dentro dese grupo de mozos provincialistas que querían cambiar o mundo, aparece unha Rosalía que sabe francés, que le directamente os socialistas utópicos, que a min me recorda a Flora Tristán"

É importante salientar o carárcter intelectual de Rosalía. Non ficar nunha idea de que cando era reinvindictiva o facía só dende o sentimento, non si?

Ela tiña unha inmensa formación. Unha formación autodidacta en gran parte, a pesar das limitacións que atopaban as mulleres naquela época. Tamén grazas a unha institución que naquel tempo existía en Santiago e que tiña participación feminina, a Sociedade Económica de Amigos do País. E grazas tamén ao Liceo de la Juventud, que estaba en San Agustín. Dentro dese grupo de mozos provincialistas que querían cambiar o mundo, que apoian os pronunciamentos liberais, que interveñen na prensa so momento, aparece unha Rosalía que sabe francés, que le directamente os socialistas utópicos, que a min me recorda a Flora Tristán. Hai que ter en conta que Rosalía viviu 48 anos e que tivo que conciliar o seu traballo produtivo, creativo e intelectual coa crianza dos seus fillos, en situacións económicas moitas veces adversas. E mesmo así, tivo a capacidade de formarse, unha gran produción e ademais unha grande intuición para ver o que estaba ocorrendo en Galiza e no resto do mundo.

"Hoxe xa ninguén se atreve a falar da Rosalía chorona e sentimentaloide; pode que haxa alguén que o pense, pero xa non o verbalizan, porque inmediatamente quedarían descualificados"

Que importancia ten o movemento feminista contemporáneo neste traballo de recuperación da figura de Rosalía?

O traballo do movemento feminista galego é clave, sobre a base das investigacións de Francisco Rodríguez ou Pilar García Negro. Ese é o aspecto de Rosalía que máis se conseguiu divulgar e que está máis solidamente asentado: esa Rosalía muller, defensora da muller e claramente feminista. Hoxe xa ninguén se atreve a falar da Rosalía chorona e sentimentaloide; pode que haxa alguén que o pense, pero xa non o verbalizan, porque inmediatamente quedarían descualificados.

"Estas mulleres fixeron moitas propostas, pero tamén fixeron moitas cousas concretas, que é algo que caracteriza moito ás mulleres: que non quedan só na palabra, senón que actúan, aínda que sexa con cousas pequenas"

Na Galicia do seu tempo Rosalía estableceu unha relación moi forte con outras mulleres progresistas e feministas, como Pardo Bazán, Juana de Vega ou Concepción Arenal. Que importancia tivo esta rede?

Hai unha cousa que se debe salientar: unha das primeiras persoas que reivindica a Rosalía é Emilia Pardo Bazán, a pesar da polémica que tiveran entre elas. Rosalía practicaba moito a sororidade; cando ela falaba de todas as penurias que tiñan que pasar as mulleres galegas, ou cando citaba as eruditas de calquera lugar do mundo que ela coñecía pola súa formación, ela era consciente de que as mulleres ou facían rede ou non tiñan nada que facer. Esa rede de mulleres existía en Galiza: había un grupo, no que estarían Teresa Herrera, Juana de Vega, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato... e moitisimas máis, que a finais do século XIX xera un momento a prol dos dereitos das mulleres, a prol dunha práctica de defensa das persoas máis pobres e desvalidas, a prol da educación e do dereito das mulleres a acceder a ela. Estas mulleres fixeron moitas propostas, pero tamén fixeron moitas cousas concretas, que é algo que caracteriza moito ás mulleres: que non quedan só na palabra, senón que actúan, aínda que sexa con cousas pequenas.

"Temos un símbolo de unidade no país, que tanta falta nos fai, e que reivindica o país no seu conxunto, dende a óptica do feminismo pero de forma global"

É un valor que unha muller e unha muller como era Rosalía sexa un dos máis claros símbolos de Galicia?

É unha sorte que temos, e, ademais, un elemento de unidade. A última vez que escoitei a Xoán Carmona, dixo que a revolución en Galiza fora feita polas mulleres: nas fábricas de conservas, na Fábrica de Tabacos, as lavandeiras, as costureiras... Esa transformación que se dá entre o século XIX e XX en todo o mundo, en Galiza foi feita pola man de obra feminina. Temos un símbolo de unidade no país, que tanta falta nos fai, e que reivindica o país no seu conxunto, dende a óptica do feminismo pero de forma global. É un inmenso valor do que ás veces non somos conscientes: unha muller que usaba a pluma e o papel, que usaba a cabeza e o corazón conxuntamente para darlle a este país un nome: Galiza, en maiúsculas e en galego, e sendo feministas, porque o feminismo é un valor transversal que o atravesa todo.

 

Un dos retratos de Rosalía custodiados na RAG Dominio Público Praza Pública
Encarna Otero con Xisela Franco © Xisela Franco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.