"Compostela pode explicarse historicamente a partir dos crimes que se foron producindo na cidade"

A comezos do século XIX podíanse atopar cadáveres pendurados nos arredores da Porta Faxeira CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

"Estamos empeñados en crear unha imaxes das nosas urbes relacionada con determinados fenómenos históricos, por exemplo en Santiago coas peregrinacións. E está moi ben, pero non deixa de ser unha limitación para comprender as outras cidades. Esta cidade pode explicarse historicamente a partir dos crimes que se foron producindo nela".

Do 14 ao 19 de marzo celébrase en Santiago o Festival Atlántica de Narración Oral, que durante cincos días levará a Compostela, pero tamén a Vigo, Ferrol, Lalín, Ourense e A Estrada a contacontos e expertos chegados de Brasil, Alemaña ou Portugal. No marco deste evento o xornalista Manuel Gago guiará un roteiro polos crimes en Compostela (“No rueguen a Dios por él”). O éxito de convocatoria da iniciativa (as 45 prazas fixadas para o xoves 16 enchéronse moi rapidamente) obrigou a programar unha segunda función no día seguinte, venres 17, para a que xa quedan poucos lugares. Nos últimos anos Atlántica ofreceu xa outros roteiros pola cidade (sobre a Guerra Civil, ou sobre os santos das igrexas da zona vella, a cargo de Quico Cadaval).

"Habitualmente, a historia dos crimes válenos para explicar a relación entre clases sociais, que é algo que moitas veces non se conta, e quedamos só falando de monumentos"

Neste percorrido, Gago realizará unha viaxe diacrónica, dende a década dos 80 do século pasado ata a Idade Media, amosando os lugares con que tiveron lugar crimes, mortes e asasinatos que ficaron no imaxinario popular e na historia e explicando os seus detalles e significación. "Habitualmente, a historia dos crimes válenos para explicar a relación entre clases sociais, que é algo que moitas veces non se conta, e quedamos só falando de monumentos. Moita xente cando visita un lugar, o que busca é xente, quere saber como vivía a xente alí, como era, atopar outras persoas, aínda que estean noutro lugar do tempo. E este tipo de roteiros permiten iso, visualizar persoas dunha forma moi tanxible e moi próxima", di.

"Por crimes tamén entendo os sitios de represión que houbo na cidade ao longo dos séculos: as penas de morte, as execucións, o papel da inquisición. A Picota, un dos lugares nos que se axustizaba á xente, durante a Idade Media estaba en Santa Susana, que era o extrarradio da localidade. As picotas poñíanse habitualmente nas fronteiras das vilas, algo que se ve claramente na toponimia de moitos lugares de Galicia", explica. "Porén, a partir do século XVII e no XVIII a morte convértese nun espectáculo público, o que muda a localización destas picotas. Convértese, digamos, en parte da programación cultural. E, polo tanto, nese momento os mortos son traídos á cidade, colocados en lugares ben visibles. Así, a comezos do século XIX, cando entrabas pola Porta Faxeira, podía ser que vises dous ou tres aforcados apodrecendo alí", engade.

"Unha das características, cando menos no século XX, é que moitos dos crimes son cometidos por xente de clase media e de clase media-alta. En cambio, noutros lugares como Madrid, o crime no imaxinario popular está máis vinculado a outras clases"

"Este tipo de roteiros permiten coñecer as outras cidades dentro da cidade. Permítennos entender como funciona unha urbe por dentro e como funcionou ao longo da historia. Compostela é unha urbe moi particular: sobre todo nas últimas décadas tivo unha composición social moi funcionarial, o que leva a un predominio da clase media e a que, aparentemente, haxa moi pouca clase baixa", salienta. Por iso "unha das características, cando menos no século XX, é que moitos dos crimes son cometidos por xente de clase media e de clase media-alta. En cambio, noutros lugares como Madrid, o crime no imaxinario popular está máis vinculado a outras clases".

Houbo, historicamente, moitos crimes en Compostela? "Os datos indican que Santiago, hoxe en día, é unha das cidades máis seguras de Europa, pero a percepción que pode ter a xente de Compostela non é exactamente a mesma", di. "Hai algúns anos, trala morte violenta dun taxista, un alcalde compostelán quixo acougarnos pola radio: 'tranquilos todos, que o asasino non é de Santiago', nunhas declaracións que nunca souben ata que punto tiñan que ser tranquilizadoras. E é que esta cidade reméxese incómoda cada vez que se produce un crime de sangue", sinala.

"En Santiago hai moi poucos asasinatos, en realidade, pero precisamente iso fai que este crimes se acaben convertendo nun tema de debate público tremendo, que se recordan durante moitísimo tempo"

"En Santiago hai moi poucos asasinatos, en realidade, pero precisamente iso fai que este crimes se acaben convertendo nun tema de debate público tremendo, que se recordan durante moitísimo tempo. Ademais, como é unha urbe pequena, todo o mundo ten algún coñecido vinculado máis ou menos proximamente ao asasinato. Os crimes en Compostela vívense de maneira moi intensa, porque afectan a membros da comunidade que coñece moitísima xente", subliña. De igual xeito, engade, "como non hai moitos, os crimes coñécense polo lugar onde foron cometidos. O Crime da Alameda, o Crime da Rapa da Folla, o Crime de Ramírez, o Crime da Balconada... E iso axudou a que quedaran ancorados no imaxinario popular, incorporados ao folclore da cidade".

"Como non hai moitos, os crimes coñécense polo lugar onde foron cometidos. O Crime da Alameda, o Crime da Rapa da Folla, o Crime de Ramírez, o Crime da Balconada... E iso axudou a que quedaran ancorados no imaxinario popular"

O percorrido, que Manuel Gago quere deixar en secreto ata a celebración do roteiro, inclúe estas e outras paradas, algunhas máis coñecidas e outras menos ("É curioso comprobar como algúns crimes son moi coñecidos e outros non o son tanto. E pódese reflexionar sobre os motivos", di). Dende un atentado anarquista con sobre-bomba ata o caso do Camiñante de Boisaca, popularizado nos últimos anos polas investigacións desveladas por Iker Jiménez. 

"Estamos empeñados en crear unha imaxes das nosas cidades relacionada con determinados fenómenos históricos, por exemplo en Santiago coas peregrinacións. E está moi ben, pero non deixa de ser unha limitación para comprender as outras cidades. Esta urbe pode explicarse historicamente a partir dos crimes que se foron producindo nela", conclúe.

 

Cartel do roteiro © Festival Atlántica
O xoves e venres da semana que vén, Manuel Gago fará un percorrido polos crimes de Compostela e os seus lugares © Festival Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.