Aurora Marco recolleu en Elas (A Xanela Editorial) as biografías de 400 mulleres galegas de todas as épocas e ámbitos, moitas delas moi pouco coñecidas. É, como salientou en varias ocasións "o traballo de media vida", anos e anos de procura en arquivos e bibliotecas e de pescuda de fontes e testemuñas orais. Un libro imprescindible para o necesario traballo de recoñecemento do papel desenvolvido polas mulleres en todos os sectores, continuamente silenciado, invisibilizado e esquecido. "O espírito que lle quería dar á publicación é coñecer, recoñecer, facer xustiza a homenaxear as mulleres" recollendo "os contributos de mulleres que se adiantaron ao seu tempo en distintos campos", destacaba Marco en entrevista con Praza o pasado ano.
A obra publicouse nunha moi coidada edición de 155 exemplares numerados, acompañados de serigrafías realizadas por oito artistas plásticas galegas. Este mes de marzo poden verse estes traballos nunha exposición que acolle o Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela.
Hai algún ámbito no que o esquecemento ou o silenciamento das mulleres fose maior?
En xeral, o descoñecemento sobre as achegas das mulleres sempre foi moi grande, sexa no ámbito que for. Iso funcionou como un mecanismo case automático: silenciar máis esquecer, é igual a invisibilizar. Durante moitos anos, co recurso da excepcionalidade semellaba que xa estaba todo feito: para o século XIX, por exemplo respecto ás escritoras, Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán aparecían en enciplopedias, algún libro de texto, nalgún congreso... E insistíase: "É que non hai máis". Claro que había, e moitas... E isto acontecía en todos os campos. De todos xeitos, cando comecei co Dicionario de mulleres galegas, a finais dos 90, decateime que as científicas apenas eran coñecidas. Tamén había un baleiro informativo ben grande sobre as mulleres que tiveran actividades político-sindicais, sobre as represaliadas en xeral e sobre as guerrilleiras antifranquistas, en particular.
"O descoñecemento sobre as achegas das mulleres sempre foi moi grande, sexa no ámbito que for. Iso funcionou como un mecanismo case automático: silenciar máis esquecer, é igual a invisibilizar"
Hoxe mesmo, se preguntamos polo nome dunha científica, cun pouco de sorte, escoitamos "Marie Curie". Das galegas, nada ou moi pouco. Cando falo da invisibilidade que houbo ata hai pouco das guerrilleiras, sempre lembro unha pregunta que me fixo un historiador, non galego, nun congreso sobre a guerrilla en Santa Cruz de Moya (Cuenca). Sabía moito do movemento guerrilleiro en Galiza mais botou un sorriso, que aínda hoxe non sei ben como cualificar, e dixo: "Hóuboas?, De quen vas falar?".
"A semente e os froitos que as mulleres foron deixando ao longo da historia –e houbo períodos de grandes avances para elas, como o da República– comezámolos a recoller sobre todo no derradeiro terzo do século XX, tras a morte do ditador"
Os obstáculos e a invisibilización no século XIX e boa parte do XX son máis coñecidos. Pero ata que punto esas dificultades continuaron en tempos máis recentes, nomeadamente nos corenta anos de ditadura, ou mesmo máis adiante?
A dura etapa que se iniciou tras o golpe militar, ditatorial e patriarcal reduciu as mulleres ao cumprimento dunha serie de roles tradicionais, pola que ficaron excluídas dos mecanismos de participación social. E iso contribuíu á conformación dun modelo ideal de mulleres, tarefa en que foi clave o papel da Sección Femenina e da Igrexa. O que agardaba das mulleres o novo réxime está ben recollido naquelas normas da Falanxe, de 1937, que puñan o acento na súa abnegación e sacrificio; no "obrar heroico", non na acción; non podían atraizoar o seu destino entregándose a "funcións varonís", e tiñan que procurar ser cada día "máis muller", sen esquecer o coidado da súa alma e do seu corpo "para Deus e a Falanxe". Con este ambiente, é doado comprender a incomprensión e persecución para as que traspasaban esas barreiras da domesticidade.
A semente e os froitos que as mulleres foron deixando ao longo da historia –e houbo períodos de grandes avances para elas, como o da República– comezámolos a recoller sobre todo no derradeiro terzo do século XX, tras a morte do ditador. Ese ano de 1975 é importante para a historia do feminino: a proclamación do Ano Internacional das Mulleres, o Decenio de Nacións Unidas para as Mulleres (1976-1985), a emerxencia do movemento feminista e as reformas que viñeron a seguir, os seminarios e cátedras de xénero que comezaron a crearse nalgunhas universidades, as investigacións que se publicaron, os encontros científicos sobre esta temática, o activismo feminista na rúa... foron aliviando a secular invisibilización feminina. Mais, malia estes avances, non desapareceron as barreiras de chumbo que sempre fomos encontrando no noso camiñar, unha andadura que sempre xerou conflitos. Hainos aínda, cando o século XXI xa non é un meniño naipelo, porque xa vai polos 17 anos. Fica moito, moito camiño por andar.
"A finais dos 80 comecei un traballo de respiga perseverante nas hemerotecas, cuxos fondos estaban sen dixitalizar naquela altura, o que esixía unha consulta demorada e cansa –exemplar por exemplar, folla por folla– na procura da presenza feminina"
Supoño que a investigación foi moi longa e traballosa, pola ausencia de arquivos documentais e a necesidade de recorrer a fontes orais, entre outros motivos.
Foi longa e fatigosa, si. A finais dos 80 comecei un traballo de respiga perseverante nas hemerotecas, cuxos fondos estaban sen dixitalizar naquela altura, o que esixía unha consulta demorada e cansa –exemplar por exemplar, folla por folla– na procura da presenza feminina: un poema, un artigo; a referencia dunha conferencia, da estrea dunha peza de teatro, dun poemario, dunha novela; a noticia dunha actuación musical, dunha exposición... Un material de gran valor que foi enchendo cadernos e cadernos e que deu lugar, completado con outras fontes –entre elas as orais–, a unha parte considerábel da miña produción posterior, corrixido e aumentado, cando foi posíbel encontrar máis información.
"Mulleres na guerrilla antifranquista galega significou un punto e aparte na miña actividade investigadora. Non sabía por onde comezar porque, excepto Enriqueta Otero Blanco e unha ou dúas máis, non había fontes en que apoiarse"
Houbo algún caso especialmente difícil e especialmente gratificante por ter conseguido ao final a información buscada?
Hóuboo, si. O libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento, 2012) significou un punto e aparte na miña actividade investigadora. Non sabía por onde comezar porque, excepto Enriqueta Otero Blanco e unha ou dúas máis, non había fontes en que apoiarse. Non tiñamos, como no caso dos guerrilleiros, monografías, documentarios, nin traballos específicos sobre elas, por ese exercicio de ocultamento que as borrou da historia. A lagoa informativa sobre as resistentes que estiveron na clandestinidade, as guerrilleiras do monte, e sobre as enlaces, as guerrilleiras da chaira, era total. Aquela información gardábase na memoria familiar e colectiva, estaba gardada entre os muros das casas...
Na procura de información, o meu home e mais eu percorremos durante catro anos os lugares da memoria resistente, por toda Galiza, mais non só, e falamos con protagonistas daqueles episodios, algunha en Íle de Ré (Francia). Morreran moitas máis coas súas familias e con máis de 60 informantes conseguimos tirar do esquecemento a traxectoria militante e entregada de arredor de 200 guerrilleiras, do monte e da chaira. O libro tivo continuidade, en formato audiovisual, no documentario As silenciadas, que dirixiu o meu fillo, Pablo Ces. Un documentario que nos deu enormes satisfaccións, no humano e no profesional, con dous premios de dereitos humanos, co Premio Mestre Mateo 2012 e, sobre todo, co grandísimo premio que recibimos pola acollida das familias e do público. Seis anos despois da estrea, aínda o seguimos proxectando.
"Sempre houbo profesións onde as mulleres foron visíbeis. E poño por caso, por exemplo, o maxisterio, abondo esquecido na investigación social ata hai pouco"
A invisibilización que sufriron era total? Limitábase ao ámbito público, á historiografía, á academia, ou sucedía o mesmo no ámbito privado, entre as súas familias, veciñanza e amizades?
Sempre houbo profesións onde as mulleres foron visíbeis. E poño por caso, por exemplo, o maxisterio, abondo esquecido na investigación social ata hai pouco. Mais a historiografía, tradicionalmente tan androcéntrica, non considerou os contributos excepcionais de pedagogas da envergadura, por citar tres casos, da compostelá Concepción Sáiz Otero, da coruñesa María Barbeito Cerviño ou da calidade profesional e humana dunha mestra rural como Antonia de la Torre Martínez, nacida en Porto do Son, que chegou á escola de Fruime (Lousame) en 1916 e saíu de alí en 1964, xubilada. Ela era –alén dunha excelente profesional que se mantiña ao día naquel lugar isolado e sen medios de comunicación–, a médica, a consultora, a asistenta social, a muller que resolvía problemas de toda índole, a autoridade moral... "Dona Antonia" segue a ser unha referencia en Fruime. Esa invisibilidade tamén se deu nos medios académicos, xa non digamos na RAG (iso é punto e aparte). E tamén na esfera pública.
"Membros dalgunhas familias contactaron comigo para que lles dixese onde conseguira os datos e para me solicitar a información que tiña. Porque descoñecían todo, talvez por ese "ambiente" de desvalorización que houbo/hai sobre as traxectorias das mulleres"
En canto ao ámbito privado, é moi curioso o que me aconteceu en máis dunha ocasión: tras publicar ou dar a coñecer en palestras ou congresos algunhas investigacións, houbo membros dalgunhas familias (sobre todo a 3ª xeración, a das netas e netos das mulleres biografadas) que contactaron comigo para que lles dixese onde conseguira os datos e para me solicitar a información que tiña. Porque descoñecían todo, talvez por ese "ambiente" de desvalorización que houbo/hai sobre as traxectorias das mulleres. Nalgún caso ese contacto foi máis alá: pedíronme que continuase coa investigación... Mais o que realmente querían era dirixir a orquestra para que eu executase a peza segundo os seus criterios... Como sempre fun libre, dona das miñas decisións e responsábel do que escribo, zafeime, con boas formas, daquelas ofertas...
"Non gosto, para a etapa actual, que se fale de "pioneiras" porque dá a sensación que estamos sempre comezando. Hai que ter coidado con iso"
En que medida é importante o labor das mulleres que abriron camiño en sectores ou profesións que ata hai poucas décadas eran considerados 'masculinos'?
É fundamental, e é de xustiza, recoñecer o labor das mulleres que abriron un camiño polo que agora transitamos. As mulleres de hoxe non chegamos ata aquí por xeración espontánea. Houbo outras que o dixeron antes, que o fixeron antes. Temos con elas unha débeda de recoñecemento e teñen que saír á luz, traballo en que ando empeñada desde hai moitos anos. Sempre hai xente nova, ou xente pouco enteirada, que cre descubrir América... Non gosto, para a etapa actual, que se fale de "pioneiras" porque dá a sensación que estamos sempre comezando. Hai que ter coidado con iso. Porque, querendo descubrir, achegar, estase invisibilizando outras mulleres... Pioneiras, mulleres traballando en sectores considerados "masculinos", sempre as houbo. Había/hai que buscalas. Como outras investigadoras, sigo niso.
"Coas súas accións, o movemento feminista –que sempre estivo/está na avangarda– e colectivos de mulleres que sempre militaron na sororidade, foron pondo no punto de mira a secular discriminación padecida"
Que papel xogaron as outras mulleres (as redes tecidas entre elas, mecanismos de sororidade...) para facer fronte ás dificultades comúns que sufrían?
Un papel fulcral. Coas súas accións, o movemento feminista –que sempre estivo/está na avangarda– e colectivos de mulleres que sempre militaron na sororidade, foron pondo no punto de mira a secular discriminación padecida e foron ofrecendo, á vez, alternativas ás demandas e necesidades femininas derivadas da "cultura do masculino", tradicional e dominante. Porque, con poucas excepcións, esta cultura adoptou/adopta unha actitude de autoridade, de condescendencia paternalistas sen se decatar que o problema tamén é seu. Non só ás mulleres, aos homes correspóndelles igualmente traballar a prol das transformacións, para conseguir unha convivencia básica nunha sociedade moderna, non arcaica. Mais hai quen prefire seguir estomballado nunha poltrona, fumando un puro, e deixar que sigan caendo chuzos de punta, a poder ser, enriba de nós...
"Aos homes correspóndelles igualmente traballar a prol das transformacións, para conseguir unha convivencia básica nunha sociedade moderna, non arcaica. Mais hai quen prefire seguir estomballado nunha poltrona"
Cada mañá, cando nos erguemos, seguimos respirando desigualdade. E non podemos deixar, nin un minuto, as lentes lilas. É certo que se botamos a vista atrás –persoas coma min, que nacín e vivín no franquismo– recoñecemos avances. Mais, se se respectasen os dereitos das mulleres, os seus salarios non serían máis baixos, non asinarían menos contratos indefinidos, as que os asinan; accederían a postos e cargos reservados case sempre aos homes; habería máis reitoras, máis directoras de xornais/revistas... E sobre todo, o que máis nos fai tremer, non habería os asasinatos que hai. Iso de "mateina porque era miña" non se pode tolerar por máis tempo. Como é posible que os orzamentos destinados a combater a violencia machista baixasen, desde hai uns anos, o 26%? Que se poñan as pilas, dunha vez, os señores políticos: masculino plural marcado, non xenérico, porque eu non utilizo a linguaxe sexista.
A túa longa investigación supoño que che abriu numerosas liñas de traballo que sería interesante seguir. Hai algún ámbito ou tema no que creas que é importante afondar?
Debruzarme sobre as investigacións de xénero abriu para min un abano amplo de temas sobre os que traballar. Como a miña área de especialización foi a lingua e a literatura galega e a súa didáctica, nos anos 90 estiven moi centrada no sexismo na linguaxe, nos estereotipos de xénero en dicionarios e nos medios de comunicación... No ano 1991, lémbroo ben, presentei en Madrid, nunhas xornadas do Instituto da Muller, un traballo sobre os estereotipos de xénero nun dicionario escolar galego, que definía, por exemplo, o termo muller así: "Femia do animal que pensa e fala". Había moito sexismo en definicións, ilustracións e exemplos. Tivo repercusión na prensa e a editora, con bo criterio, retirouno da circulación. Pois ben, preguntado un membro dun instituto universitario, responsábel de tal desaguisado, respondeu: "Tonterías de feministas". Gardo ese recorte de xornal para a "Antoloxía Xeral do Despropósito". Despois xa me centrei na recuperación das historias de vida de mulleres galegas.
"A das artistas plásticas tamén foi unha historia borrada, aínda que as mulleres tiveron sempre un gran protagonismo como suxeitos pasivos, como musas ou modelos, non como creadoras"
A exposición que neste mes se pode ver en Compostela é tamén un bo escaparate para artistas plásticas galegas. En que medida houbo historicamente un silenciamento ou un ocultamento do traballo das artistas galegas?
Si, é unha boa oportunidade para as artistas mostraren parte da súa obra. As oito pintoras (Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva, Mª Manuela, Mª Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias e Vanessa Lodeiro) son mulleres moi creativas, moi activas, que participan en moitas exposicións máis. Elas e a exposición que o acompaña penso que ten un "aquel" especial. Todas as persoas que participamos na súa elaboración estamos moi satisfeitas.
"A comezos do século XX produciuse unha paulatina incorporación á vida pública a través das exposicións mais o status de pintoras, entendendo este termo no sentido profesional, ficou reducido ata ben entrado o século XX a moi poucos nomes"
A das artistas plásticas tamén foi unha historia borrada, aínda que as mulleres tiveron sempre un gran protagonismo como suxeitos pasivos, como musas ou modelos, non como creadoras. A comezos do século XX produciuse unha paulatina incorporación á vida pública a través das exposicións mais o status de “pintoras”, entendendo este termo no sentido profesional, ficou reducido ata ben entrado o século XX a moi poucos nomes. Outras pintoras con boas cualidades artísticas tiveron que dedicarse ao cultivo das artes de forma amateur e como simple divertimento ou afección, polos condicionantes de xénero que limitaron o seu acceso á formación artística en igualdade cos homes. Xa o dicía Emilia Pardo Bazán: "Pintar platos, decorar tacitas, emborronar 'un efecto de luna', bueno; frecuentar los museos, estudiar la naturaleza, copiar del modelo vivo, malo, malo”.
"Non se trata dun volume para colocar nun andel e ficar alí como unha figura de cerámica: o libro, coas serigrafías que o acompañan, está nas principais bibliotecas do país e, polo menos, quen tiver interese, pode consultalo"
O libro Elas publicouse nunha edición moi coidada, numerada e de tirada limitada. Tedes previsto realizar unha edición máis masiva?
Ben me gustaría e así o comentei publicamente nalgunha presentación. Mais entendo a resposta do editor: A Xanela Editorial comezou e seguirá con estes libros artísticos porque ese é o obxectivo de Xosé Manuel Calviño, que coñece ben o mundo en que traballa porque antes de fundar a súa editora, traballaba no sector comercial con libros deste tipo. Ese sería o meu desexo e o doutras moitas persoas que así o verbalizaron nas diferentes presentacións. De todos xeitos, non se trata dun volume para colocar nun andel e ficar alí como unha figura de cerámica: o libro, coas serigrafías que o acompañan, está nas principais bibliotecas do país e, polo menos, quen tiver interese, pode consultalo. E, da xente que o adquiriu, cónstame que xa se está lendo... E algo máis: para quen fixo algún comentario sobre Elas, en petit comité, direi dúas cousiñas: un, é un libro sen subsidios de ningún tipo; e dous, non merecen as galegas unha edición de luxo? Meréceno, si.