Cans, Curtocircuíto, Cineuropa ou FKM quedan sen axudas da Xunta por un defecto de forma

Ambiente de sábado no Festival de Cans © Alberto P. Barahona

A pasada semana coñeceuse a resolución da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre os eventos que recibiron a subvención sorprendía a ausencia dalgunhas citas que nos últimos anos sempre foran merecedoras da axuda, coma o Festival de Cans, Curtocircuíto ou o Festival de Cinema Fantástico da Coruña (FKM). No caso do Festival de Cans trátase da primeira vez nos seus 14 anos de historia que queda fóra deste tipo de achegas. A Consellaría de Cultura alega que tanto Cans coma outros catro festivais (Curtocircuito, Cineuropa, FKM e Primavera do Cine de Vigo) cometeron un defecto de forma na entrega da documentación.

"Todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requirido"

A documentación debía presentarse "por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia". Esta vía era "obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas e as persoas representantes dalgunha das anteriores", segundo se pode ler na convocatoria. Era a primeira vez que non se permitía a presentación da documentación de forma física a través do rexistro (como si era posible facer, opcionalmente, nas convocatorias anteriores, coma na do 2016).

O equipo responsable do Festival de Cans explica que "todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requirido, pero desde a AGADIC decidiu deixalos fóra da comisión de avaliación". A pesar de este é o primeiro ano que se esixe como vía única de presentación o formulario electrónico e de que esta era a primeira convocatoria do ano, "AGADIC non estableceu ningún medio de asistencia" para unha hipotética situación excepcional de erro na aplicación, sinalan.

Unha vez repartido todo o que correspondía entre os catro únicos festivais aceptados, sobraron 30.000 euros, que quedarán sen repartir

Na resolución, obtiveron axudas o Play-Doc de Tui, a Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (S8), o Festival Internacional de Curtas de Bueu e o Festival do Carballiño (Xociviga 2017), quedando fóra os outros cinco festivais, habituais na súa maioría na concesión destas achegas públicas. Unha vez repartido todo o que correspondía entre os catro únicos festivais presentados, sobraron 30.000 euros, que quedarán sen repartir. A Coordinadora de festivais reunírase hai tres meses coa Xunta solicitando un aumento dunha cantidade global que consideraban xa "insuficiente e moi inferior á outorgada ós festivais de música e de artes escénicas". Ademais, da cantidade outorgada, a administración concedía un adianto de ata o 80% que axudaba a que o festival tivese liquidez nos meses previos. Ao terse feito xa a resolución do convocatoria, os cinco festivais quedan fóra das axudas e non poderán optar tampouco á petición deste adianto.

Advirten que "non dispoñer desta cantidade deixa a Cans nunha situación de incerteza total a dous meses da celebración do seu festival"

O Festival de Cans anuncia que iniciarán "accións legais para a defensa dos seus dereitos e intereses" e consideran que se está a producir "unha situación completamente anómala e non axustada a Dereito". Salientan que AGADIC non tentou buscar unhas vías de solución "que perfectamente puido ter atopado, facendo unha interpretación non formalista das normas". Cans solicitara 29.000 euros de axuda para este 2017 (recibiu algo máis de 22 mil nos dous últimos anos), o que suporía unha cantidade próxima ao 25% do orzamento do festival. Advirten que "non dispoñer desta cantidade deixa a Cans nunha situación de incerteza total a dous meses da celebración do festival", prevista entre os días 24 e 27 de maio.

Ambiente de sábado no Festival de Cans © Alberto P. Barahona
Presentación do Festival de Cinema Fantástico da Coruña © Concello da Coruña
Vista do Teatro Principal de Santiago durante a maratón de Cineuropa © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.