O teatro galego pregunta: 'Quen hai aí?'

Imma Antonio © AAAG

Este luns 27 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro que, coma todos os anos, acompáñase dunha mensaxe internacional (redactada nesta ocasión pola francesa Isabelle Huppert) e un manifesto galego, obra desta volta da actriz e dramaturga Imma António, que será lido da gala de entrega dos Premios María Casares, este mércores na Coruña.

O Manifesto Galego titúlase "Quen hai aí?" e nel Imma António escribe que "o teatro porfía en saber quen hai nas entrañas da nosa humanidade, quen hai en nós mesmas na nosa soidade, quen hai na outredade que atopamos na sociedade da que formamos parte. Desde o teatro examinamos con minucia o ser que somos, non só para coñecer a verdade que o fai… tamén para transformalo. Esa é a responsabilidade que asumimos cada vez que subimos a un escenario, cada vez que actuamos, sabendo que pode ser un exercicio implacable pero necesario". 

"Porfiamos. Resistimos. Construímos sobre ruínas. Inventamos outros mundos, posibles e imposibles. Saltamos ao baleiro cun ancho sorriso. Resistimos. Porfiamos. Quen hai aí?: é o noso berro de batalla. A nosa declaración de amor máis sentida e murmurada: quen hai aí? Quen?", engade. Para concluír: "É por iso que o teatro, a cultura, é un dereito humano básico que cómpre defender. Para iso declaramos os dereitos humanos: para garantir a existencia de cada ser humano. Tan simple, tan fundamental e tan necesario: garantir o dereito a vivir co que cada persoa nace. Tan simple, tan fundamental e tan necesario como é saber que o teatro garante a existencia da humanidade que habita en cada ser humano".

A autora subirá o vindeiro mércores 29 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler o seu texto, tal e como en edicións anteriores fixeron os xornalistas Camilo Franco e Montse Dopico, o historiador Ramón Villares, a escritora María Xosé Queizán, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín ou o poeta Cesáreo Sánchez. A Xunta Directiva da AAAG decidiu encargarlle o texto "por ser unha intérprete de longo percorrido e unha das primeiras mulleres que en Galicia se centrou na escrita dramática, sendo así unha auténtica pioneira no sector".

Imma António Souto (A Coruña, 1968) desenvolveu a súa carreira profesional tanto na escena coma no cine, a televisión ou a dobraxe. Ademais, tamén exerceu como responsable de vestiario e de escenografía de diversas montaxes teatrais. Como actriz, ten participado en producións de formacións como Compañía Luís Seoane, Teatro do Noroeste, o Centro Dramático Galego ou Producións Librescena. Como autora teatral, Imma António recibiu o Premio Retrincos en 1983, o premio Galo Salinas no 1985, o Premio de Teatro breve da Escola Dramática Galega en 1987 por Como cartas a un amante, o Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega no 1989 por As áugas mudas, o Premio Arlequín no 1990 por Era nova e sabía a malvaísco e o Premio Rafael Dieste en 2003 por A ciencia dos Anxos.

 

Huppert anima a "seguir resistindo"

No manifesto internacional, que por oitava vez en 55 anos foi encargado a unha muller, Isabelle Huppert animou a teatreiros e teatreiras a seguir "resistindo". "O teatro é moi forte. Resiste e sobrevive a todo, guerras, censores, penuria. O teatro renace sempre das súas cinzas, mudando só as súas convencións anteriores nas súas novas formas: así é como se mantén vivo", escribe.

 

Imma Antonio © AAAG
Isabelle Huppert CC-BY-SA Georges Biard

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.