0 Gardados para despois

O vello cárcere de Lugo reabre como espazo de cultura e memoria

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


De espazo de barbarie a espazo de cultura. O vello cárcere do partido xudicial de Lugo, inaugurado en 1887 e que pechou as súas portas en 1981, reabre a súas portas este xoves convertido nun centro cultural, rehabilitadas as súas instalacións. Concertos, danza e unha mostra abrirán a programación dun espazo con biblioteca, ludoteca, salas de exposicións, un centro de investigación arqueolóxico e un pequeno auditorio, situado ademais nun lugar privilexiado, a escasos metros da muralla.

O edificio do cárcere ten un grande valor arquitectónico, recuperado nunhas obras iniciadas en 2012 e que contaron cun orzamento total de 5,5 millóns de euros, cofinanciados por fondos europeos, Deputación e Concello de Lugo. As actuacións incluíron a humanización da rúa Soto Freire, pegada ao inmoble, facéndoa máis accesible. A prisión, deseñada polo arquitecto Nemesio Cobreros, custou 282.000 pesetas, sufragadas polos concellos de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei e Pol. Substituíu o cárcere anterior, situado na rúa Bispo Armañá, que databa de 1750, e permaneceu aberta ata a inauguración de Bonxe. A súa posta en funcionamento levou á apertura, un ano despois, da nova porta na Muralla, a do Hospital, para facilitar o cambio de garda e o acceso ao xulgado.

A prisión representou un gran avance no seu momento. Como explica Cristina Fiaño no monográfico O Vello Cárcere de Lugo, editado por Unión Libre, a concepción do cárcere débese á reforma penitenciaria posterior á revolución liberal de 1868, rachando "co modelo de cárcere dezaoitesco, baseado nun sistema de aglomeración que clasificaba os presos en grandes espazos comúns, pasando a outro modelo no que primaba a individualización conseguida grazas á disposición celular, máis desexada na época por traer consigo melloras de habitabilidade e hixiene". O cárcere lucense, un dos máis modernos de España nese momento, seguía o modelo penitenciario do Panóptico, ideado a finais do século XVIII polo filósofo Jeremy Bentham. Este modelo caracterizábase por ser unha construción circular (o de Lugo é semicircular), onde estarían as celas individuais, e unha torre central, onde se situaría o posto de vixilancia. Cada cela debía ter unha ventá de cara ao corredor e outra cara ao exterior, de maneira que o efecto de contraluz ao atravesar a cela permitise ao vixiante percibir todos os movementos dos presos.

Os anos máis escuros da prisión chegaron a partir de 1936. En boa medida a exposición que se inaugurará este xoves no espazo, Un cárcere, unha porta e un xardín, realizada coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e a Universidade de Santiago, recolle a memoria dese tempo, a través das vivencias dos centos de presos e presas políticas que por alí pasaron nos anos seguintes. Carmen García Rodeja explica que a colaboración da ARMH co Concello de Lugo manterase coa organización de máis exposicións e actividades. Na inauguración, prevista para as 20 horas, participarán familiares dalgúns dos moitos presos políticos que pasaron pola prisión durante a ditadura franquista. Entre eles estará o sobriño de Juan Martínez Fernández, barquilleiro de Ribadeo que pasou dous anos na cadea. Ou o neto de Antonio Reboiro Rodriguez, alcalde de Pobra de Brollón fusilado en 1938. Ou o sobriño e a irmá do médico Rafael de Vega Barrera, fusilado en 1936.

A represión en Lugo foi moi dura, como en todo o país. O 24 de xullo ingresaron no cárcere 42 persoas, boa parte delas importantes personalidades políticas e sindicais como Ramón García Núñez (Gobernador Civil de Lugo), Francisco Lamas (alcalde gobernativo), Roberto Ouro Vázquez (deputado a Cortes), Rafael de Vega Barrera, Luis Peña Novo (secretario do concello), Avelino López Otero (un dos fundadores da Organización Republicana Lucense), José Valín Figueroa (directivo da Sociedade de Peóns) ou José Rey Rey (dirixente da CNT). Ramón García Núñez e Rafael de Vega, xunto con outros (o practicante e secretario do alcalde Perfecto Abelairas Castro, o mestre e dirixente do POUM José Ramos López e o industrial e concelleiro de IR Ángel Pérez López) foron fusilados o 21 de outubro. Especialmente lembrada é a execución de Rafael de Vega, "médico coñecido pola súa xenerosidade cos humildes", destaca Claudio Rodríguez Fer, que subliña a "horrenda inxustiza daquel crime, provocado máis pola envexa doutros médicos e pola intención de descabezar e meter o medo á poboación que por nada que tivese feito tan moderado cidadán e respectado benfeitor".

En 1937 chegaron a amorearse na cadea case un milleiro de persoas, nunha prisión prevista para 140

A obra de Cristina Fiaño analiza con detalle as condicións de vida dos reclusos e reclusas durante a ditadura, un momento no que podían amorearse en cada cela "doce, trece e aínda catorce persoas", sumando en 1937 case un milleiro de presos e presas nunha cadea prevista para 140, consecuencia da caída da fronte do Norte. En 1939 prodúcese un novo pico, por mor da chegada de 490 presos doutros lugares peninsulares, sobre todo procedentes da zona Norte e Madrid. En 1942 comeza a haber datos oficiais sobre a poboación reclusa nas prisións galegas, sumando nese momento máis de sete mil persoas, 490 en Lugo. 

Debido ao amoreamento que se produciu na prisión provincial de Lugo, pouco despois do alzamento militar empregáronse os baixos da Casa Radio como cárcere temporal. Xa no 1939 habilitouse o Balneario como cárcere filial da Provincial. Alí eran trasladados os presos sometidos ao sistema de redención de penas polo traballo, que ao réxime lle servía ao mesmo tempo para reducir as penas dos presos e reducir o seu amoreamento e para conseguir cartos para sufragar os gastos que xeraban os propios reclusos. Os presos do cárcere lucense realizaron obras na Praza de Abastos, o Goberno Militar, o Concello, o Parque Rosalía, o Campo do Polvorín ou o Parque de Automovilismo de Lugo. E o Xeneral Tella mesmo empregou a man de obra dos presos para a construción do seu pazo privado en Adai, parroquia próxima á cidade. Outro dos traballos grazas ao que algúns reclusos conseguían unha redución das súas condenas era a edición do xornal Redención, único permitido no interior das prisións, e que funcionaba como instrumento de propaganda patriótica e vía de adoutrinamento para presos e familiares.

Fiaño explica, así mesmo, que foron moitas as mulleres presas por motivos políticos, 14 en 1936, que se elevaron a 203 en 1940, produto en moitos casos para búsqueda de fuxidos. En 1938 ingresou na prisión de Lugo Consuelo Alonso González, A comunista, "a única muller executada oficialmente na provincia de Lugo entre os anos 1936 e 1940" e a quen Claudio Rodríguez Fer lle dedicou un fermoso poema ("Por quitar quitáronlle/ ata os cabelos da testa/ e chámanlle A Comunista/ Só está afiliada/ ao partido da fame/ e chámanlle A Comunista"). Fiaño sinala que "aínda que foron moitas as mulleres asasinadas en Galicia durante a guerra civil e a posguerra, moi poucas foron fusiladas tras ser xulgadas en consello de guerra, pois as restantes pereceron abatidas sen ningunha clase de xuízo, xeralmente tras ser secuestradas e paseadas". A autora escribe que pasaron tamén polo cárcere de Lugo mulleres libertarias, como a veciña de Cervantes Consuelo Alba Digón e as súas fillas Florinda, de 19 anos, e Domitila Gutiérrez Alba de tan só 14. Tamén amestra guerrilleira Enriqueta Otero, detida en 1946.

En 1938 ingresou na prisión Consuelo Alonso González, "a única muller executada oficialmente na provincia de Lugo entre os anos 1936 e 1940"

A concelleira Ana Prieto destaca como o traballo de rehabilitación do edificio conseguiu manter "a súa estrutura e a súa memoria": todas as celas, as celosías que separaban a homes e mulleres, as reixas das celas "e mesmo as inscricións feitas en paredes e portas" por algúns e algunhas dos reclusos e reclusas. Pero, ao tempo, permitíndolle "ter unha nova vida, cunha función cultural e didáctica", completamente afastada dos seus usos orixinais e da dor e o sufrimento que acolleu.

Son varios os autores e autoras que lle dedicaron algúns versos a esta prisión e aos seus e ás súas ocupantes. En O prisioneiro Luz Pozo Garza escribe "Tódalas noites todas/ o arrepío da chuvia nos ferros/ sentir o corazón chantado no valeiro/ a razón de ser home/ a sinrazón de selo". E de Claudio Rodríguez Fer é o texto "En Lugo/ tras o cárcere infinito/ só puideches ver a luz/ de coller puntos ás medias/ por estreitísimas carreiras/ diminutas/ antes de morrer/ punto/ por/ punto".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.