Eroski Paraíso (Chévere) con catro premios, entre eles os de mellor espectáculo e mellor dirección, e O tolleito de Inishmaan (Contraproducións e Fiot Carballo) con cinco galardóns, comezando polo de mellor adaptación/tradución e tres premios actorais, foron as grandes triunfadoras dos Premios de Teatro María Casares. A gran noite da escena galega celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, ante máis de 500 espectadores e espectadoras, nunha gala retransmitida en streaming pola web da CRTVG na que Eduardo Alonso recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e Imma António leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Danza da choiva (Elefante Elegante) gañou o premio ao mellor espectáculo infantil e Raclette (Ibuprofeno Teatro) o de mellor texto orixinal, para Santiago Cortegoso. Tamén recibiu dous galardóns Voaxa e Carmín (ButacaZero e Eme2), e un Foucellas (Talía Teatro).
No seu discurso, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Ernesto Chao, celebrou a produción escénica do curso pasado: “O ano 2016 deunos unha extraordinaria colleita teatral e polo que puiden ver neste primeiro trimestre deste ano que estamos a andar, seguimos a recoller excelentes froitos”. Pero tamén reivindicou o respecto aos convenios colectivos: "En Galicia temos a sorte de contar con dous convenios colectivos. O deber dun actor é respectarse, valorarse a si mesmo. Cada vez que un intérprete rompe estes convenios, estase infravalorando". E, sobre todo, fixo un chamamento “aos guionistas, aos directores e directoras, aos dramaturgos e dramaturgas para que pensen nas mulleres á hora de facer o seu traballo”. “Onde están as nosas Medeas? Onde están as nosas Antígonas? Onde están as nosas Fedras, as Lisistratas, as Electras, as Hecúbeas e tantas ouras? E que non temos hoxe en día heroínas? Coido que si”, concluíu.
Lista completa de premiados e premiadas
- MAQUILLAXE: Trini F. Silva por Voaxa e carmín, de ButacaZero e Eme2
- VESTIARIO: Mari Seoane por Voaxa e carmín, de ButacaZero e Eme2
- ESCENOGRAFÍA: Dani Trillo por Foucellas, de Talía Teatro
- ILUMINACIÓN: Afonso Castro por O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo
- MUSICA ORIXINAL: Terbutalina por Eroski Paraíso, de Chévere
- ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN: Cándido Pazó, Santi Romay e Alberto Rodríguez por O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo
- TEXTO ORIXINAL Santiago Cortegoso por Raclette, de Ibuprofeno Teatro
- ACTOR SECUNDARIO: Evaristo Calvo por O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo
- ACTRIZ SECUNDARIA: Maria Roja por O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo
- ACTOR PROTAGONISTA: Santi Romay por O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo
- ACTRIZ PROTAGONISTA: Patricia de Lorenzo por Eroski paraíso, de Chévere
- DIRECCIÓN: Xesús Ron por Eroski paraíso, de Chévere
- ESPECTÁCULO INFANTIL: Danda da Choiva, de Elefante Elegante
- ESPECTÁCULO: Eroski paraíso, de Chévere