Practicando unha das súas paixóns, o ciclismo, e do xeito inesperado en que se acolle a morte de alguén cheo de vida. O economista, enxeñeiro e escritor José Luis Sucasas (Lalín, 1959) faleceu repentinamente este sábado, 1 de abril, tras desplomarse mentres facía deporte coa súa bicicleta na Toxa. Os servizos de emerxencia tentaron, sen éxito, reanimalo.
As mostras de estupor, agarimo e lembranza sucédense para chorar o falecemento de quen foi economista, enxeñeiro, concelleiro do BNG en Lalín e, sobre todo, un galego apreciado, un home querido. Coas súa xente achegada e compañeiros na vida, pero tamén coa infinidade de persoas que o seguían e lían con atención, quedan catro obras de narrativa -O paxaro que ninguén ve (2002), Soñaron buratos na terra (2003), Pena Furada (2012), Nunca foi día de todo (2014)- e mais un ensaio -Outra vaca no millo (2010)-.
Xunto ás palabras de Sucasas plasmadas en libro fican tamén moitas, moitísimas outras. As plasmadas en centos de artigos publicados nos desaparecidos Vieiros e Xornal de Galicia e, dende xullo de 2012, en Praza Pública. A retranca e o amor polo país combinábanse nos textos de Sucasas coa análise económica profunda, a crítica política contundente e irónica e mais as descricións agarimosas das súas queridas terras do Deza ou de territorios máis afastados que marcaran, por diversos motivos, a súa vida.
Entre a dor pola perda, inesperada e cruelmente temperá, fican as súas palabras, os seus coñecementos e a súa visión do mundo. Descanse en paz.