O persoal da Biblioteca Ánxel Casal amosa o seu apoio á directora cesada

Biblioteca Ánxel Casal © Xunta

O venres 31 de marzo a Xunta de Galicia comunicoulles ás directoras das bibliotecas centrais de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Santiago o seu cese, enmarcando a decisión a unha "modificación habitual" dos equipos directivos. Porén, a decisión da Consellería de Cultura sorprendeu por completo ás profesionais afectadas e aos propios traballadores e traballadoras dos catro centros.

Nos últimos días unha vintena de traballadores e traballadoras da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela fíxeron pública unha carta de apoio á directora cesada no seu centro, Carina Fernández Faya. No texto, o persoal cualifica a decisión da Xunta de "golpe inexplicable e inxustificable" e definen o traballo de Fernández Faya como "modélico": "Fixo da nosa biblioteca un referente indiscutible dentro das bibliotecas galegas. O seu bo facer reflectiuse positivamente no servizo público que se ofrece dende a biblioteca, recoñecido e parabenizado pola propia administración, organizacións profesionais e outras entidades"

Afirman que as explicacións ofrecidas polo Goberno galego "non nos convencen polo xeito repentino de como aconteceron os feitos"

Afirman que as explicacións ofrecidas polo Goberno galego "non nos convencen polo xeito repentino de como aconteceron os feitos". E destacan que a directora cesada "consolidou un equipo humano que camiña nunha única dirección, que ten claro que, como servizo público que somos, debémonos aos nosos usuarios e usuarias".

"Cando foi momento de implicarse polo seu persoal, fíxoo sen dubidar, apoiándonos sen ambigüidades pola defensa da especialización profesional, entendendo que era a única vía para o bo funcionamento da biblioteca pública. Nun momento en que unha parte do persoal está en loita polos seus dereitos e dignificación profesional, ela defendía sen fisuras a biblioteca pública e a profesionalidade do servizo bibliotecario", salientan en referencia ás demandas que dende hai tempo manteñen os bibliotecarios e bibliotecarias (especialmente os e as auxiliares de biblioteca) para que o Goberno galego recoñeza a súa categoría profesional e a esixencia de contar cunha formación axeitada para desenvolver as súas funcións.

"Nun momento en que unha parte do persoal está en loita polos seus dereitos e dignificación profesional, ela defendía sen fisuras a biblioteca pública e a profesionalidade do servizo bibliotecario", salientan

A pasada semana Bamad-Galicia "lamentou" a decisión adoptada pola Xunta, "xa que supón apartar das súas responsabilidades a catro profesionais das bibliotecas sen que se teña explicado nin motivado publicamente as razóns destes ceses". Así mesmo, a entidade alertou de que "ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións". E lembrou a súa demanda de que as prazas das direccións das bibliotecas xestionadas pola Xunta "non se cubran mediante o sistema de libre designación, sistema que posibilita o nomeamento e o cese discrecional por parte da administración, senón mediante concurso".

 

Biblioteca Ánxel Casal © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.