0 Gardados para despois

Eva F. Ferreira: "O teatro hai que escribilo desde a epiderme, desde a carne. Sóbranos logocentrismo"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Di o crítico Afonso Becerra que o seu é pura "poesía visual". Que é un dos nomes máis salientables do posdrama galego, sexa iso o que sexa. E algo diso debe haber. Eva F. Ferreira é unha dramaturga de poucas aparicións no centro, no miolo, onde facer cultura dá algo máis de visibilidade. Pero sempre está aí. Coas súas colaboracións en distintas publicacións, como Casahamlet, a casa na que comezou a darse a coñecer. Quedara varias veces finalista do premio de teatro radiofónico do Diario Cultural. E vén de gañalo, por segunda vez. Ten claro o que quere. Fala de desigualde de xénero, ou de clase. De exceso de ruído. De indiferenza. Dun teatro que é entraña, pel, carne. Apegado ao corpo. Á vida. Falamos con ela para repasar a súa obra.

Es dramaturga, directora, filóloga, docente, titulada en arte dramática… Que veu primeiro e que despois?

Primeiro fixen Filoloxía Inglesa en Compostela. Despois empecei o doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Daquela eu ía moito ao teatro, andaba con xente que escribía… e fun a un obradoiro de escrita con Manuel Lourenzo. Comezara a investigar con moita ilusión -interesábanme os cruzamentos entre literatura e cinema-, pero decateime de que a da Universidade era unha perspectiva moi teórica, e deixou de interesarme.

Despois matriculeime na Escola de Arte Dramática de Vigo…, e empecei a escribir. Naquela altura chamáronme para que escribise en Casahamlet… E así foi. Cando comezou o premio de teatro radiofónico do Diario Cultural pareceume moi interesante e decidín presentarme… Quedei de finalista varias veces, despois escribín outras pezas para os Cadernos Laiovento, para a revista Núa, para a Revista Galega de Teatro

"Para min, todo o que fago son textos, non distingo os escénicos dos non escénicos"

Despois marchei para Monforte e desde hai uns meses estou en Sober. Dediqueime a traballar no que puiden, á docencia, a facer unha curtametraxe… e a coidar de Breixo… Fixen tamén algúns textos a partir de fotos de Iván Merayo… e o ano pasado volvín escribir, para presentarme outra vez ao premio do Diario Cultural. Para min, todo o que fago son textos, non distingo os escénicos dos non escénicos.

Entre Ela que come formigas, o teu primeiro texto para Casahamlet, e outras pezas posteriores, como Servizos -que son como anuncios de prostitución-, ou Je-ne-baise-plus, hai unha conexión temática: o crítica do patriarcado e as súas consecuencias. É unha constante no que escribes.

Eu reflexiono moito sobre o que escribo, pénsoo moito antes de enviar un texto… pero os primeiros anos non era moi consciente desas conexións. Sempre falei das mulleres: para min era algo normal, son muller e escribo desde min, desde o que me chama a atención… Mais tampouco era a miña intención facer un statement, unha declaración de principios… Non é que comezase dicindo: son feminista e vou escribir sobre tales temas. Ademais, a min sempre me parecía que non tiña suficientes lecturas para tratar temas tan complexos como, por exemplo, a violencia de xénero.

Pero co tempo si que empecei a darme conta de que iso que dis estaba no que escribía. En Servizos o tema eran os personaxes, entón comecei a tirar polas formas nas que se adoitaba representa a muller na literatura dramática: como dependente do home, muller fatal, mulleres que agardan na casa ou mulleres de xoguete… En Ela que come formigas o tema era o amor, e eu falo dunha muller que fora asasinada polo seu home…

"Creo que si é importante esperar a ter algo que dicir que mereza ser dito"

Despois chega un punto en que si, en que é xa unha escolla máis deliberada. En Je-ne-baise-plus volve aparecer o tema da violencia de xénero. Iván pediume un texto e eu, como che dicía, sempre tivera un pouco de pudor para falar de temas políticos e demais. Parecíame que o tema da violencia de xénero era moi complexo, e ademais non quería dicir o de sempre. Creo que é importante esperar a ter algo que dicir que mereza ser dito.

Supoño que en Ofelia algo habería diso tamén. Que está, por outra banda, aínda que doutra maneira, en Como eliminar as manchas de vómito, sobre unha moza cun transtorno alimentario.

Ofelia é un personaxe que raras veces é protagonista nos temarios de literatura ou das escolas de arte dramática. A min parecíame que sempre era tratada como unha pobre nena, coas flores na auga, como o tópico da famosa pomba dourada de Cunqueiro… Analicei as representacións de Ofelia: unha pobre louca, unha muller sempre á sombra dun home… e traballei a partir de aí. Foi un proceso semellante, niso, ao de Servizos, no que tamén traballei cos personaxes de mulleres tal como son retratadas, dunha forma tan nefasta, nos medios, no cinema… En Como eliminar as manchas de vómito falo a partir do que eu mesma vivín en relación á bulimia e aos transtornos alimentares.

Hai tamén unha conexión entre Como eliminar as manchas de vómito e Isto non é Dinamarca. Na segunda, Ela quere ser libre e voar contra o vento e a Manequín acepta que a leve a corrente. En Como eliminar as manchas de vómito a médica ten unha relación paternalista coa paciente, privada de liberdade…

En Como eliminar as manchas de vómito puiden falar, como che dicía, desde min, desde a miña familiaridade co tema, coa literatura científica sobre a enfermidade e coa actitude da medicina e a psiquiatría para coas persoas que diverxen da suposta normalidade ou que non cumpren cos parámetros establecidos de saúde mental… Son consciente da maneira paternalista, ou maternalista, na que tratan as persoas, minimizándoas, ou co discurso de “pobriña”..., en vez de encamiñarte cara á autonomía.

"Asumímonos como xente enferma, ansiosa, multitarefa e esperamos a que nos curen, a que nos salven"

E eu penso que pasa moito unha cousa, que é nos queixamos moito, asumímonos como xente enferma, ansiosa, multitarefa e esperamos a que nos curen, a que nos salven. Apegámonos a outras persoas, queremos que nos leven da man… Eu vexo iso moito: moitas mulleres dependen, ou dependemos, da aprobación dos demais, de alguén que lles diga o que poden e non poden facer.

En Isto non é Dinamarca, que era unha encarga de Casahamlet para o número sobre Cunqueiro, collín frases de Don Hamlet -por que non Dona Ofelia, ou só Ofelia- e tentei darlles a volta. Aínda que hoxe non estou moi convencida desta obra, penso que se cadra é demasiado fácil. Falo sobre unha muller, metida nun ambiente claustrofóbico, que precisa aire, porque respira un aire viciado… E tamén penso que nos pasa iso co teatro. Estamos moi apegados aos textos canónicos, volvemos a eles, queremos reinterpretalos… Pois eu optei por situar as personaxes nunha praia, onde corre o aire, e non nun castelo con mulleres encorsetadas e cheas de somníferos.

"Estamos moi apegados aos textos canónicos, volvemos a eles, queremos reinterpretalos…"

Hai pouco vin o filme A moza danesa, sobre os artistas Einar e Gerda Wegener. Lera algunhas críticas desde o punto de vista do tratamento do xénero e tiña curiosidade por vela. Efectivamente, fálase del, pero a ela preséntana como a muller del, centrada en apoialo a el… Non se di que tamén era lesbiana, que facía pintura erótica… só se fala do pintor que descobre que é muller. Pois iso é o que pasa coa representación das mulleres, que demasiadas veces preséntanse como entidades planas, e escóllense os rasgos que máis se acomodan aos mesmos relatos de sempre. E eu non teño ganas de canonizar a Cunqueiro, coas súas pombas douradas, nin a ninguén. Estou en contra da canonización, da tendencia aos monográficos. Non creo que teñamos que seguir dándolle tantas voltas a algo ao que xa se dedicou tanto pensamento. Hai tantas cousas das que falar, que están sucedendo hoxe... Agora mesmo.

"Non creo que teñamos que seguir dándolle tantas voltas a algo ao que xa se dedicou tanto pensamento"

En Instalación audiovisual para dúas actrices sobre fondo branco, de 2012, xa es máis ti. Tira máis a iso que lle chaman “posdrama”. Manuel Vieites encáixavos a autoras coma ti ou Vanesa Sotelo niso, no posdrama, segundo el di, na senda de Müller. Afonso Becerra tamén vos coloca aí a ti, a Vanesa, a Roi Vidal...

Si que hai un cambio nesa obra. Nos meus primeiros textos, eu viña da filoloxía, da reverencia á letra escrita. Despois, ao estudar Arte Dramática, tiven a sorte de ter profesores coma Afonso Becerra ou Joan Giralt no eido da Dramaturxia que me axudaron a pensar sobre iso. Outras materias eran máis filolóxicas. E si, falábannos do drama e do posdrama, aínda que a min non me interesan as etiquetas.

"Ao estudar e facer teatro, acabei levando os meus textos máis cara ao corpo. Antes escribía máis desde a cabeza"

O que si é verdade é que, ao estudar e facer teatro e teatro e ao comezar a dirixir e testar os textos na escena, acabei levando os meus textos máis cara ao corpo. Antes escribía máis desde a cabeza, e desde a literatura, desde os moitos anos de lecturas acumuladas. E hoxe penso que o teatro hai que escribilo desde a pel, desde a epiderme, desde a carne, e non desde o cerebro. Creo que nos sobra logocentrismo. E eu entendo que a crítica recorra ás veces ás etiquetas, pero tamén entendo que hai opinadores que se empeñan en encaixarnos dentro de etiquetas que só serven para limitar e reducir.

"Houbo quen falou da “lista Pisón” en termos bastante cínicos e despectivos, dicindo que as autoras que colaborabamos en Casahamlet eramos imitadoras e adoradoras de Pisón e de Sarah Kane"

Houbo quen falou da “lista Pisón” en termos bastante cínicos e despectivos, dicindo que as autoras que colaborabamos en Casahamlet eramos imitadoras e adoradoras de Pisón e de Sarah Kane… Sempre hai quen vén facer arqueoloxía dos textos, ou xogar a buscar as sete diferenzas, como nos xornais. A min non me preocupa nada diso. Eu só escribo o máis honestamente que podo. Mais si, ese texto que citas é máis performático.

Outra conexión entre os textos é a crítica social. Falas bastante de desigualdade, de diferencias entre clases sociais, e de indiferenza ante a miseria, a inxustiza… Está en Instalación audiovisual e por exemplo tamén en Poema sinestésico para tres voces e un can, conectado en ambos casos con outra cuestión: o ruído e o silencio.

Si que hai crítica social nese sentido que dis. Levada moitas veces á parodia. Hai unha mala hostia nos meus textos que me foi saíndo, tamén, cada vez máis. E si, o tema da indiferenza está moi presente. Cando escribín Instalación, a primeira imaxe que me veu á cabeza foi a de Omayra Sánchez, aquela nena que quedou atrapada nos cascallos da súa propia casa tras un volcán, en Colombia. As televisións estiveron retransmitindo a súa agonía durante días. Daquela comezaba a pasar, e hoxe pasa moito máis: vivimos bombardeados de imaxes. Non só polos medios de comunicación.

"Hai moitas imaxes ás que podiamos acudir, pero quedamos coas que máis nos gusta ver, co que mellor se acomoda á nosa retina"

Hai moitas imaxes ás que podiamos acudir, pero quedamos coas que máis nos gusta ver, co que mellor se acomoda á nosa retina. O resto, procuramos tapalo. Invádennos os lemas bonitos en cores pastel, do tipo “hoy es tu día”. Pero coido que a vida non é tan simple coma iso: tamén é desigualdade, e problemas que pasan ao noso lado sen que miremos para eles. Non todo son frases e imaxes bonitas. Non é o bonitos e caros que son os zapatos da raíña e outras frivolidades así. Son realidades e situacións ben complexas e ben duras, que parece que só interesan se es documentalista ou pertences a unha ONG. Hai por todos lados como continuas chamadas a ver o mundo de xeito positivo.

"Vivimos na indiferenza: aínda non aprendemos a escoitar os demais"

Eu hai xa anos que non sigo as noticias, que non leo os xornais, pero paréceme que vai a peor. A falta de sensibilidade coa que a televisión trata a realidade é bestial. E nós vivimos na indiferenza: aínda non aprendemos a escoitar os demais. Eu por exemplo cando vou ao hospital asumo que o teléfono non existe. Téñoo por norma. Porque para min estar mirando o teléfono é poñer unha barreira. Sobre todo moitas veces con xente maior ao teu carón, que se senten a anos luz do noso mundo hiper-tecnolóxico.… E eu penso que precisamos escoitarnos máis e non vivir tanto no mundo de Mr. Wonderful, de que todo está guai…

"Non me gusta o exceso de estímulos. E penso que, en xeral, hai demasiado ruído"

En canto ao ruído e o silencio, tamén ten relación con iso. A min gústame o silencio. Non me gusta o exceso de estímulos. E penso que, en xeral, hai demasiado ruído. Ao facer teatro-radio tamén empecei a prestar máis atención a iso. Eu teño visión monocular, e precisamente por carecer dela, ao sentido da vista sempre foi ao que máis atención lle prestaba. En Poema Sinestésico falo do ruído, dos tipos de ruído, da física do ruído… e si, o ruído, visual e auditivo, está moi presente no que escribo. E, xunto ao ruído, o silencio, o que cómpre nun contexto de tanto ruído.

"Temos que escoitar máis e falar menos"

Hai dous anos que teño bastantes problemas de saúde, e comecei a meditar, a valorar máis o silencio, a pasear… Vivo no rural e decátome de que aquí tampouco hai silencio. Ao mellor, isto dicir isto setenta anos despois de John Cage, parece unha obviedade, pero eu funciono moito por empirismo. E creo que vou descubrindo no mundo un ritmo moi lento… Así empecei a pensar na necesidade que temos de aprender a escoitar, de pensar no que facemos, en como nos relacionamos. Temos que escoitar máis e falar menos. Aínda que, ironicamente, eu son unha persoa ben faladora...

Dis no limiar que leva Poema sinestésico que o teatro se deixa levar demais por patróns establecidos. No texto comentas que a cultura, e o teatro, non interesan porque xeran conflito… Hai reflexión sobre o teatro, como na peza Microteatro, que ironiza sobre a idea de que o microteatro pode salvar o teatro…

É que teño moitas veces a sensación de que todo se repite demasiado. De que as cousas chegan tarde e, cando chegan e se poñen de moda, todo o mundo se lanza a elas e as adora como se fosen algo novísimo e orixinal. Notábao despois de estar en Madrid, ou antes, cando volvín de Manchester. Cousas que levaban anos facéndose fóra chegaban aquí e eran recibidas como algo moi moderno e novidoso.

"Cousas que levaban anos facéndose fóra chegaban aquí e eran recibidas como algo moi moderno e novidoso"

Teño visto moitos espectáculos que non facían máis que darlle un verniz de “modernidade” a maneiras de facer antigas. Ou discursos baseados en palabras que soan moito e venden bastante, pero non conteñen nada. E ademais, como está o tema dos prazos e a produtividade aos que parece que todo está suxeito, pois parece que investigar e aprofundar nas cousas é algo obsoleto, co cal acabamos repetindo os camiños máis trillados… E falamos moito pero non somos quen de saír das dinámicas creadas. E seguimos tendo a Madrid como punto de referencia.. Eu teño falado e reflexionado moito sobre o teatro. Agora xa non tanto. E tampouco tento sentar cátedra nin dirixir a atención de ninguén sobre nada. Intento ir sobrevivindo -non sinto que poida aspirar a moito máis hoxe- e escribir sobre o que vou encontrando.

"Teño visto moitos espectáculos que non facían máis que darlle un verniz de “modernidade” a maneiras de facer antigas"

En Microteatro falo da situación surrealista á que se chegou coa moda do microteatro. Tanto reducir, deixalo todo en minipezas, que por que non dividir unha peza en 15 partes de 5 minutos, e facer 5 minutos á semana. O microteatro acabou sendo un caixón, unha moda, como o posdrama. Como cando Chévere fai teatro documento, que xa se facía en Latinoamérica nos 60, e entón ponse de moda facer teatro documento. Ou como cando se considera que o que fai Matarile, que noutro contexto sería normal, é algo raro e novidoso…

"O microteatro acabou sendo un caixón, unha moda, como o posdrama"

Microteatro foi un encargo da RGT. O tema era o microteatro, e tiña que ser como máximo un folio. Os meus textos adoitan ser curtos, pero tiña que acurtar aínda máis. Tomeino como un exercicio literario pero claro, quería contar algo, e con tan pouco espazo é difícil. O que saíu foi unha parodia do microteatro. Eu mesma fago todo: dramaturga, actriz, xa poño eu a música co meu teléfono… E non digo que non haxa xente que toma en serio o microteatro. Non quero dicir iso. Pero calquera obra ten que ter unha mínima calidade, e para iso precísase algo de tempo de investigación, e algúns recursos. Aínda que, non sei, se cadra fun demasiado cínica con este texto…

Explicaches que escribes textos que despois poden facerse escénicos, performativos ou polipoéticos mais, se atendemos só ao texto, as últimas pezas que escribiches resultan máis poéticas. O S/T. Silvas, por exemplo, feito tamén a partir de fotos de Iván. Di Afonso Becerra que fas “poesía visual”.

A verdade é que sempre lin máis poesía que teatro. Nunca me atrevín a mandar un texto a un certame de poesía, e os encargos que me saíron foron de revistas de teatro. A poesía sempre me gustou, e sempre lle vin unha dimensión moi performática. Tampouco son eu unha persoa que teña o caixón cheo de cousas sen publicar. Escribo pouco, por encargos ou para algún certame puntual que sinta que de verdade deixa marxe á creación e á procura. Teño que ter un motivo concreto.

"A poesía economiza, sintetiza, di menos palabras que tocan máis"

Ao principio sometíame máis a estruturas prefixadas, pero despois acabei liberándome tamén do “A” e o “B”, do “1” e o “2”, que parecen máis modernos porque substitúen os nomes dos personaxes, pero que acaban sendo outro corsé. Na poesía vexo unha fluidez do texto que me interesa moito. E, sobre todo, unha maneira de ver o mundo, que ten que ver máis coa sensibilidade e menos coa palabra. A poesía economiza, sintetiza, di menos palabras que tocan máis. E tampouco ten medo do silencio. Na última obra que fixen para a radio busquei iso, que houbese menos ruído, menos palabra.

Textos feitos a partir de fotografías de Iván Merayo, postais, -como en 11 postais desde o deserto de sal-..., parecen un bo sitio para practicar iso. A imaxe, a pincelada, a economía da linguaxe… Dixeches que escribes para poder chegar a outro corpo, pensando na plasticidade, no ritmo...

Gústame moito a fotografía, a maneira de ver o mundo a través do encadre da cámara. O seu xeito de capturar momentos de beleza. É como a poesía, nese sentido. Ao traballar con Iván, estiven tamén máis perto dese proceso. Durante os anos que vivín en Monforte dediqueime  á docencia e practicamente deixei de ir ao teatro, de ler teatro… Había en parte un cansanzo e un aburrimento importante, pero tamén estaba o tema das distancias. Demasiados quilómetros para poder ver danza, teatro, cinema...

Eu sempre escribira pensando na folla en branco, co peso de estar comezando, de todo o que levaba lido e das opinións de tanta xente… Despois tentei liberarme diso. Comecei a pensar máis no destinatario, que eran persoas concretas. Logo comecei a testar os meus textos con outra xente, a lelos en voz alta, a gravalos e escoitalos… Tentaba levalos así a unha dimensión máis corporal, máis plástica, prestando atención á imaxe, o son…, e non só á palabra. Escribo, así, buscando o ritmo, a plasticidade... , pensando na realización escénica ou na sonora, no caso do teatro radiofónico. Buscando que sexa máis performativo, e non só texto. Buscando máis carne, máis vida. Dicir cousas que impliquen algo, que teñan unha intención e que dalgún modo afecten a quen di e a quen escoita.

"Escribo buscando que sexa máis performativo, e non só texto. Buscando máis carne, máis vida"

Demolicións Ferreira&cía, chamábase a compañía coa que representaches a única obra que levaches a escena. Sobre Tesla, un científico esquecido que quería unha electricidade para todos.

A min gústame a electricidade. Colecciono bombillas e fago experimentos coa luz. Esta foi a única obra que representei fóra da Escola, si. A anterior fora o proxecto de fin de carreira, que ía sobre a beleza. Pois esta ía sobre o fracaso. A historia de Tesla e Edison era algo secundario, para falar diso. Edison tentara inventar a bombilla miles de veces e non o conseguía, pero seguía intentándoo. Acabou conseguíndoo e pasou á historia. Porén, Tesla foi esquecido, tomárono por tolo.

"Eu viña de moitos anos de formación académica, onde moito se falaba de excelencia e suceso pero pouco ou nada de vida laboral"

Eu viña de moitos anos de formación académica, onde moito se falaba de excelencia e suceso pero pouco ou nada de vida laboral. Nun ataque de inxenuidade decidín que ía falar do fracaso, como unha maneira de rebelarme. E conseguino, porque montar a obra foi ruinoso. Non volvín tentar montar nada. Estivemos -eramos Gena Baamonde, Areta Bolado, María Roja e eu- ensaiando no Teatro Ensalle, que nos deixou traballar á vontade. E logo estreamos alí, no Vigo en Bruto. Despois Ánxeles Cuña convidounos para o FITO.

"Nesta parte do mundo facer teatro é unha profesión heroica, como a viticultura na Ribeira Sacra"

Foi complicado: eu vivía e traballaba en Monforte e todas as semanas tiña que ir a Vigo, polo que pagaba dúas rendas… De xeito que o que gañaba por un lado íase polo outro. Tamén destinara as ganancias do premio do Diario Cultural a financiar o proxecto, pero así e todo as contas non cadraban. Nesta parte do mundo facer teatro é unha profesión heroica, como a viticultura na Ribeira Sacra. Sentinme moi soa naquela empresa e decidín dedicar as miñas enerxías a outras cousas.

Dedícaste á docencia. Que tipo de obradoiros?

Dou clases de teatro, escrita creativa, de inglés, de risoteatro… E tamén teatro en inglés. En países como o Reino Unido hai xa moitos anos que descubriron o teatro como ferramenta pedagóxica para a aprendizaxe de linguas, pero aquí novamente parece que todo chega a deshora ou simplemente non dá callado. Ademais teño o empeño de vivir no rural e de demostrar que no rural tamén poden facerse cousas creativas. En Monforte, como en moitas vilas do interior, non había moita cultura de facer teatro, que era algo que se interpretaba como facer o ridículo, facer o pallaso. Pero nas aulas a xente pasábao ben, ría… Entón, por que non entendelo como risoteatro? Así libereinos da obriga de facer unha obra de teatro.

"Teño o empeño de vivir no rural e de demostrar que no rural tamén poden facerse cousas creativas"

No CDG fixeras Corpo-puta-vaca-berro, en residencia.

Si. Eramos Gena Baamonde, Vanesa Sotelo e eu. Comezaramos a traballar a partir de textos de Lupe Gómez. En realidade era un pretexto: a idea era falar da muller e do corpo da muller.... Foi unha oportunidade interesante, da época de Cristina Domínguez no CDG. Mais falabamos antes dos proxectos a partir das fotos de Iván, e iso si quería explicalo ben porque son os traballos nos que máis me involucrei nos últimos anos.

O S/T. Silvas é un texto feito a partir da serie fotográfica Coma silvas que comen muros. Non escribín eu soa: eramos varios. Estaban Marcos Abalde, Olga Novo… Iván fixo unha serie de fotografías no lugar onde mataron, en Monforte, o último represaliado, que era ferroviario. Presentou o proxecto na Deputación de Lugo, onde tiñan interese en poñer en valor temas relacionados coa memoria histórica, e conseguiu así apoio para facer un libro e unha exposición. No seguinte proxecto Iván quería tratar o tema da violencia de xénero, que non por tantas veces comentado nos deixa indiferentes.

"O Je ne baise plus era un colgante que significaba que a portadora non estaba dispoñible para ter relacións sexuais. Coma os taxis, si"

Fixemos unhas fotos e logo pediume que escribise un texto. A min dábame pudor, parecíame que non ía poder poñer palabras a un tema tan delicado, pero ao final saíu partindo do máis cotián: as latas de pemento, as de metal, de toda a vida, con imaxes de mulleres. Das “odaliscas” cheguei a outras representacións pictóricas con mulleres facendo bonito. Como a Olympia de Manet. De aí vén o título do proxecto. O Je ne baise plus era un colgante que significaba que a portadora non estaba dispoñible para ter relacións sexuais. Coma os taxis, si.

Vés de gañar o premio do Diario Cultural con O quinto inverno.

Eu xa estaba desconectada da escrita para o teatro. Comecei, como che contei antes, a pasear. E para min era o mellor momento do día. Monforte é unha vila bastante morta, pero eu non quería renunciar á posibilidade de crear proxectos. Tiña ideas, tentaba facer cousas, e era moi difícil. Evadíame nos paseos, nos que vía a mesma xente, e os mesmos sitios, e a súa evolución. Parecía que non pasaban cousas, pero si pasaban. Unha señora á que a primeira vez vin bailando co seu marido, que era afiador, despois quedou soa e finalmente puxo a casa á venda e marchou… Había cousas que me interesaban, e con elas fixen O quinto inverno. Co que pasaba no extrarradio monfortino, onde aparentemente non pasaba máis que o tempo e a néboa. Diaria. Tamén na mentalidade.

"Penso que o rural non pode ser só a festa da panceta, as pandeiretas e as gaitas"

Agora dirixes a escola de Teatro Municipal de Sober.

Si. Hai un potencial tamén porque hai xente nova, de distintos lugares e sectores creativos, e tamén algúns estranxeiros que viñeron vivir aquí… E penso que si, que o rural non pode ser só a festa da panceta, as pandeiretas e as gaitas, aínda que moito me amole coincidir no das gaitas con aquel conselleiro obsesionado co cosmopolitismo. A culpa non é das gaitas, senón de quen non quere ver todo o que hai para alén diso.

"Coido que en calquera lugar onde haxa persoas pódese desenvolver unha sensibilidade cara calquera tipo de expresión artística"

Coido que en calquera lugar onde haxa persoas pódese desenvolver unha sensibilidade cara calquera tipo de expresión artística ou coñecemento, e nomeadamente cara ao teatro... Aquí no interior hai que facer moita pedagoxía, tentar convencer a xente -e sobre todo a quen manexa os cartos- de todo o que o teatro pode achegar ás súas vidas, á comunidade na que viven… Escoito moito o de que o teatro soa como algo pasado de moda, ou que o mellor é opositar e facer teatro como afeción. Cansa un pouco ás veces, pero tamén ten as súas recompensas. E aí sigo polo momento.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.