Cándido Pazó: “Con probas restrinxidas ou xerais, con casting ou sen el, a dirección ten que ser soberana na escolla de actores”

Dominio Público Praza Pública

Un mozo tolleito que loita, nunha sociedade pechada, nunha illa de Irlanda nos anos 30, por cumprir os seus soños. Aínda que sexa fuxindo. Diso vai O tolleito de Inishmann, a última montaxe de Contraproducións, que vén de pasar polo Teatro Principal de Santiago. Cándido Pazó dirixe esta obra, con texto de Martin McDonagh, interpretada por Evaristo Calvo, Ana Santos, Pepo Suevos, Melania Cruz, Luis Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans. Unha historia de seres que viven as súas vidas como mellor saben e poden. Cadaquén, coas súas limitacións e as súas estratexias para superalas.

Ao ver a obra enténdense os premios María Casares… Como foi o traballo cos actores?

O traballo comeza no momento en que fas o reparto, ao escoller, dentro dun catálogo de actores e actrices amplo, os máis axeitados para os personaxes. Para iso, sempre tes un ou dous candidatos ou candidatas que che parecen os mellores para o papel. Despois, trátase de levar a potencialidade, o talento e as posibilidades do actor ou actriz cara onde imos conducir o traballo.

“Paréceme unha aberración que se apliquen eses procesos á contratación de actores e actrices para as producións do CDG”

O primeiro, así é o reparto, que é un dos máis importantes traballos dun director ou directora. E dígoo polo que está a pasar no CDG, con procesos moi mediatizados pola burocracia, pensados para a contratación laboral de persoal da administración. Paréceme unha aberración que se apliquen eses procesos á contratación de actores e actrices para as producións do CDG. Eu mesmo traballei para o CDG en Xardín suspenso, e entón buscábase outro sistema. Eu entendo que hai que cumprir a lei, mais cando a lei non é a axeitada, hai que cambiala. Reivindico que, con castings ou sen eles, con probas restrinxidas ou xerais, como sexa, o director ou directora ten que ser soberano na escolla de actores e actrices.

O traballo de Santi Romay parece bastante esixente desde o punto de vista físico.

Foi Santi quen propuxo facer o texto de Martin McDonagh. Eu estudei francés, o meu inglés é menos que parco, polo que as miñas lecturas de autores anglosaxóns son limitadas. El quería facer este texto e este personaxe. Eu dicíalle que o personaxe do irmán, Bartley McCormick, -o que interpreta Marcos Pereiro-, era moi simpático e podíalle gustar facelo, pero el tiña claro que quería facer o tolleito. E así foi. A miña proposta despois foi que utilizase unha muleta, el probou e pareceulle que funcionaba, así que dixo que si.

“Foi Santi quen propuxo facer o texto de Martin McDonagh”

Santi tomou moi en serio o traballo, estivo adestrando con Víctor Mosqueira, que ten moita práctica no traballo físico… E, claro, ten que prepararse antes de cada función e estirar despois, para recuperar a musculatura, porque son case dúas horas engruñado. Despois da preestrea na Illa de Arousa, -onde tento facer sempre o que chamo “proba de mar”-, Santi estaba paseando pola illa e unha señora achegóuselle e díxolle, “pero non es tolleito? Porque eu quería rir e procuraba non rir porque me parecía unha falta de respecto…” Estivo moi ben, porque era unha proba de que as eivas do personaxe foran ben asumidas polo seu corpo…

Na obra vese a actitude que a sociedade podía considerar normal manter cara un eivado hai unhas poucas décadas. Integrado, dalgún xeito protexido, pero tamén obxecto de mofas e considerado inferior. Estará no texto mais, como traballaches este aspecto?

Eu teño 57 anos e lembro os eivados nas feiras e festas, a maneira na que eran tratados, que podía ser con respecto, pero nunca con consideración. Entendíase que para eles a eiva era un condicionante, unha limitación que tiñan que aceptar. E ás veces na taberna vías situacións un tanto bruscas, cando non brutais, pero non só cos eivados. Falarse mal, insultarse, era unha maneira aceptada de relacionarse nas tabernas, supoño que tamén porque era unha xeración que tivera unha vida dura e que foran eles tamén, de pequenos, obxecto de burla nas tabernas, porque daquela os nenos eran tratados así...

“Lembro os eivados nas feiras e festas, a maneira na que eran tratados, que podía ser con respecto, pero nunca con consideración”

Neste contexto, se eras eivado, pois peor aínda. Ademais, daquela había máis eivados porque, se tiñas un accidente ou unha enfermidade, era moito máis probable que quedases mal porque non había a atención médica que temos agora. Lembro ditos como “non hai coxo bo”... E o que pasaba é que, moitas veces, unha persoa eivada para facerse valer tiña que facerse un sitio na sociedade ás bravas. Era unha cuestión de sobrevivencia. Non é o caso do noso personaxe, que non é así, pero iso é o que pasaba.

O personaxe de Melania Cruz, -antes María Roja-, non deixa de ser coma do tolleito, doutra maneira. Para defenderse, ela escolle a coiraza de brava. É como se fose eivada por ser muller nova e, polo tanto, obxecto de acoso. Busca protexerse, coma el. Só que el opta por tentar marchar, - e ela tamén, en realidade-.

O autor déixao claro. O personaxe de Melania, Helen McCormick, facíao María ata hai pouco, e tampouco tivemos tempo de darlle máis viradas. María é unha moza moi doce, e o personaxe é unha moza que ten que facerse dura para evitar que os curas lle toquen o cu... Para evitar que a traten coma un obxecto.

Por iso, tras a súa fraxilidade aparente, ela deixa claro que é unha muller que che pode sacudir se te metes con ela… Non ten outro camiño para facerse valer. É unha illa, con pouca xente… e ela faise o seu oco como pode. El non ten eses recursos porque a súa eiva é física.

El o que quere é ser querido e valorado, vivir a súa vida… Ten moito medo de descubrir que os seus pais non o querían. Nese sentido, pode supoñer unha certa contradición o que fai, en relación coas tías que o acolleran...

El quere cumprir os seus soños "a pesar de". En realidade, todos somos eivados en algo e, malia as nosas eivas, perseguimos os nosos soños. A relación que ten coas súas tías é funcional, utilitaria. Cóidano, e non vive mal: elas teñen unha tenda… Pero el quere facer a súa vida e por iso toma a decisión que toma. Elas din que é un desagradecido, pero tamén é valente, porque sae da súa zona de confort. Decide deixar o niño no que está cómodo…

"Todos somos eivados en algo e, malia as nosas eivas, perseguimos os nosos soños"

É unha obra cómica, cun fondo bastante dramático: unha vida dura, illada, con bastante violencia na relación entre veciños… Quixestes levalo máis á comedia?

A comicidade está no texto de McDonagh. El sempre mestura o tráxico e o cómico. Presenta fondos tráxicos, brutais, pero cunha grande dose de comicidade. Eu tamén fago iso nos meus traballos: en A Piragua, por exemplo… O autor é un home de teatro e sabe ben o que fai. Sabe que as tallada duras entran mellor con algo de prebe.

"McDonagh presenta fondos tráxicos, brutais, pero cunha grande dose de comicidade"

Ademais, o público xeral o que quere é pasalo ben, polo que un pouco de prebe, en forma de humor, vén ben. É como o azucre: non é a base da comida, pero dá sabor. Eu o que fago é tentar manter o equilibrio entre o tráxico e o cómico: onde sei que o humor se vai perder, por exemplo, pola tradución, pois tento metelo noutro lado… Aínda así, penso que si, que se cadra a nós nos quedou máis virado cara á comedia.

Excéntricas fixera xa Oeste solitario e Un cranio furado, do mesmo autor. Ao público galego pode por iso resultarlle fácil asocialo co humor…

De McDonagh tamén fixo IlMaquinario O home almofada, que vai por outro lado. É un teatro realista doutra etapa do autor. O tolleito vai, si, na liña dos textos del máis costumistas, máis sobre as tradicións irlandesas… 

É interesante tamén o personaxe do xornalista, -que fai Evaristo Calvo-. Unha persoa que busca notoriedade, que non dubida en espiar os veciños…

Pode entenderse como un personaxe tipo dun ambiente vilego, -ou de Vigo, mesmo-, que é o erudito local que adopta o papel de cronista da vila, e que busca notoriedade, si. En O tolleito, parece en certo modo un tipo miserable, aínda que despois vas descubrindo que, no fondo, é unha boa persoa. De todos os xeitos, hai algo que pode escapársenos se facemos unha análise só de contido. Se ollamos ás formas, o personaxe é un eixo de carpintería. O eixo temático é Billy Claven, o tolleito, pero o eixo formal é Johnnypateenmike, o xornalista.

“O eixo temático é Billy Claven, o tolleito, pero o eixo formal é Johnnypateenmike, o xornalista”

É quen fai avanzar a acción, si.

Si, el é o eixo máis importante no que toca á estrutura. Sobre el pivota a acción. Con este tipo de personaxes, o autor demostra ter moito oficio, moitas táboas. El escribe xa pensando na montaxe. Eu tamén o fago: se non vou estrear, xa non escribo. Non por nada: é que se non vou montar quedaría o texto para máis adiante e acabaría quedando a medias. O autor é un home moi pragmático.

“O autor demostra ter moito oficio, moitas táboas. Escribe xa pensando na montaxe”

No texto orixinal hai un personaxe máis que nós non temos, que é o da nai do xornalista. Aparece cando vai vela o médico, -o Doctor McSharry, que na nosa montaxe é Luís Iglesia-, ou na escena do cine, que eu decidín que fose na tenda das tías. É unha muller de máis de 90 anos, e a verdade é que eu non acababa de atopar a actriz que puidese interpretala. Non quería meter unha actriz de 50 ou 60 anos e falsear a idade con maquillaxe, que iso sempre se nota. Pero houbo outra razón: xa son 8 actores, e con ela serían 9.

E oito intérpretes, tal como está a cousa, xa son moitos. É superprodución.

Si, e tal como están as cousas, un salario menos nótase moito. Tamén suprimimos un monólogo de Billy que estaba no texto orixinal, porque nos obrigaría a facer unha montaxe máis longa e porque eu creo que súa función, basicamente, é facilitar un cambio de decorado. E iso non é nada raro: xa o facía Shakespeare. Pero, neste caso, non me pareceu necesario que estivese: o que dicía xa estaba dito, xa se entendía. A obra orixinal, sen cortala, duraría dúas horas e media, e penso que podería facerse longa para o público.

Son case dúas horas, pero non se fai longa.

Para un espectador que non estea afeito a ver teatro pode resultar longa. Pasounos nas Cruces, por exemplo. Uns rapaces duns 18 ou 20 anos dixéronnos que se lles fixera longa. Dúas horas e media xa sería demasiado.

A montaxe ten, ademais, música orixinal. De Guillerme Fernández.

E foi un achádego, realmente. Eu coñecíao de Berrogüetto, claro, pero nada máis. Sempre traballo con Manuel Riveiro e estou encantado, pero desta volta el tiña moito traballo e éralle imposible. Alguén me dixo que por que non chamar a Guillerme e el aceptou encantado. Eu sei que el está feliz co resultado, pero eu estou aínda máis feliz.

“Eu sei que Guillerme Fernández está feliz co resultado, pero eu estou aínda máis feliz”

E a escenografía?

É de Carlos Alonso, con quen traballo sempre, tamén. En Foucellas fíxoa Dani Trillo e quedou moi ben, pero normalmente traballo con Carlos, e con Afonso Castro como iluminador. Penso que se pode recoñecer o estilo… Vin outras montaxes do mesmo texto, e eu o que quería era unha escenografía máis ilustrativa que realista.

Por iso, para retratar unha tenda, poñemos un mostrador, e para retratar unha praia, unha barca pequeniña, e non unha barca grande como vin noutros sitios. Basta co simbólico, nese caso -aínda que na nosa montaxe non hai obxectos simbólicos, todo representa o que parece-. Para representar un ambiente de mar, temos un barquiño e unhas botellas.

Eu quería iso, unha escenografía realista, cun fondo neutro, que é unha tea de saco. Nun espazo como o Teatro Principal de Santiago poderíase traballar con cámara negra, pero se optas por iso, estás vendido, porque en moitos outros espazos non vas ter cámara negra.

Comentabas hai pouco nas redes sociais algo relativo a ir a billeteira ou a caché…

Vén a conto do IVE cultural. A cuestión é que, cando se recuperase a normalidade, porque un IVE do 21% non tiña sentido e había que poñelo en harmonía co resto de Europa, o que a min me preocupaba era se esa redución afectaría aos prezos das entradas só ou tamén ao caché. Porque o 90% da actividade escénica que se fai no país -de teatro, danza, música, monicreques... - vai a caché. Imaxina que unha asociación cultural dun concello ten uns cartos para contratar actividades culturais. Se ten 300 euros para cada actividade, e ten que pagar 21% de IVE, o que vai pasar é que vai organizar tres ou catro actividades menos cada ano.

“Nun espectáculo como O tolleito, se houbese que ir só a billeteira habería que cobrar 20, 30 ou 40 euros pola entrada”

Nun espectáculo como O tolleito, con oito actores, dous técnicos, persoal de produción, distribución, dirección… se houbese que ir só a billeteira habería que cobrar 20, 30 ou 40 euros pola entrada. E iso sería normal en Madrid, pero non o é en Galicia. Entón, ou entendemos o teatro como no XIX, como unha actividade para a burguesía, ou adaptámonos á realidade.

"Nin as subvencións nin os cachés pagados con fondos públicos son “mamandurrias”

Ademais, así poderiamos buscar unha rendibilidade económica, pero non unha rendibilidade social. Nas vilas, nas parroquias…, onde o hábito é pagar cinco euros por entrada ou menos, tamén teñen dereito a ir ao teatro. Ademais, nin as subvencións nin os cachés pagados con fondos públicos son “mamandurrias”. A subvención é un xeito que o Estado ten de redistribuír a renda entre os cidadáns. E logo hai fórmulas mixtas que serven para que o cidadán poida adquirir determinados bens e servizos a prezos asequibles. Como o Plan Renove, que serve para que poidas mercar un coche máis barato.

“Nas vilas, nas parroquias…, onde o hábito é pagar cinco euros por entrada ou menos, tamén teñen dereito a ir ao teatro”

Por iso, teremos que atopar algunha fórmula, de xeito que conten tamén as decisións dos cidadáns sobre en que queren gastar os seus cartos. Eu penso que no teatro hai que pagar unha entrada sempre, para que ver teatro sexa o resultado dunha decisión, e non simplemente un “imos ver que hai”. Mesmo dous euros, como se paga nalgún sitio, paréceme moi pouco. Polo menos cinco.

"A cidade demograficamente máis potente, que é Vigo, non o é culturalmente"

Pero o que non podemos é cobrar 30. En cidades coma Vigo, Santiago ou A Coruña, o hábito é pagar uns 10 ou como moito 12 euros. Ademais, a cidade demograficamente máis potente, que é Vigo, non o é culturalmente. En Santiago estamos catro días con O tolleito, pero en Vigo é moi difícil estar máis dun día.

A Santiago, por certo, tardou en chegar O tolleito. A estrea fora xa no FIOT, en Carballo.

Si, non puidemos ir a Santiago antes. Non había oco na programación, aínda que nós si queriamos vir antes, claro. Ademais, se fose en xaneiro, que era o que pensaramos, María Roja podería estar, e eu sei que a ela lle gustaría moito… Pero María marchou para o CDG, e substituíuna Melania. En Melania foi en quen pensamos ao principio para o reparto, pero ela non podía por unha cuestión de datas.

Ao final veu María, que foi un achádego, e nós encantados. Mais cando María decidiu marchar, veu Melania, así que ao final puidemos ter ás dúas. Tamén, como pasou xa tempo, Ricardo de Barreiro marchou, e substituíuno Pepo Suevos, que nos parecía que ía facelo ben, como o fixo. A ver, todas as funcións son importantes…, mais a nós poden apetecernos máis unhas que outras, por motivos afectivos ou polo que sexa. Pero hai que recoñecer que Santiago é especialmente apetecible porque, culturalmente, é o centro…

Antes de O tolleito fixeras Foucellas e Demolición...

Ou a ópera Brundibár… Agora estamos a traballar na seguinte obra de Contraproducións, Nacidas libres, que parte do caso aquel das tres monxas de clausura do convento das Madres Mercedarias ás que non lles deixaban marchar, que fora rescatalas a policía, e que despois parece que quedou en nada...

É unha peza moi brechtiana, cun método de investigación semellante ao que se fixo para As do peixe, e coas mesmas persoas: eu escribo e dirixe Cristina Domínguez, e as actrices son as mesmas: Susana Dans, Mónica García, Rocío González e Casilda Alfaro. Como no caso de As do peixe, elas viñeron onda min xa con moito material, moitas horas de gravación. Elas ensaian nun espazo de traballo que teño na miña casa para iso, eu escribo, ando subindo e baixando…

As do peixe causara un impacto moi grande no público. Lembro as reaccións…

As do peixe é un espectáculo aínda vivo que, si, está a funcionar moi ben. Hai espectáculos con esa capacidade para producir reaccións emotivas, solidarias… porque son temas inscritos na nosa memoria colectiva. Independentemente do mérito do equipo que fai o espectáculo, que claro que é moi importante, hai obras que tocan a fibra emotiva colectiva.

"Non podes estar sempre perseguindo esa corda da conexión coa memoria colectiva, pero cando está, tes que pulsala"

Iso sucede poucas veces, e cando sucede podes beneficiarte tamén diso. Pasa, por exemplo, con Memorias dun neno labrego, da que levo 170 funcións. E, como lle dixen a Neira Vilas, non a vou descatalogar. É un libro que fala de todos nós, de como somos ou de como fomos no pasado. E non podes estar sempre perseguindo esa corda da conexión coa memoria colectiva, pero cando está, tes que pulsala.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.