0 Gardados para despois

Abril de libros

Berta DávilaBerta Dávila


Di a lenda xaponesa do zenbasurú que aquel que constrúe mil paxaros de papel e os cose entre eles cun fío, pode pedir un desexo que lle será concedido. Chega abril e regresan as aves migrantes que viaxaron en inverno, e con elas chega tamén esta media ducia de libros dos que falamos hoxe, que queren ser, tamén, paxariños de papel cosidos uns a outros polos fíos invisibles da palabra escrita. Abrir un espazo para a literatura é abrir unha xanela a observar outras visións do mundo, así que o desexo de quen asina estas palabras, e que tratará de coser lecturas unhas ás outras, está cumprido. 

Emma Pedreira asina en Bibliópatas e fobólogos (Galaxia) un libro de obxectos literarios voluntariamente limítrofes, desde o relato máis clásico (e clásico non é a palabra para ningunha das pezas deste libro), ata o microrrelato, o aforismo, a sentenza firme, a descrición de hábitos, a enumeración de causas ou as citas inventadas. Entre outras cousas. A tamén poeta coruñesa é capaz aquí, como tamén ocorre en anteriores entregas narrativas súas, e por veces na súa poesía, de sumar a frase exacta que modifica todo, que ironiza e perverte o sentido do texto ou, pola contra, que puntualiza e pon ao lector, tanto ao protagonista como ao espectador, no seu sitio. De lectura grata, moitas veces francamente divertida, lembroume este libro a un poema brevísimo do poeta peruano Emilio Adolfo Westphalen: "¿Que te suena mejor "flecha desnuda" o "flecha vestida"?/ ¡Pamplinas! Admirable es sólo la flecha clavada./ En el ojo, por supuesto".  Só me resta a dúbida de se en cada bibliópata existe xa dende sempre un fobólogo, ou se nos fixemos fobólogos á forza de ser bibliópatas. Mais, sexa como for, aquí unha caixa de bombóns lúcidos e altamente disfrutables que Pedreira nos ofrece para desacralizar o mundo do libro, da escrita, da lectura e da palabra. Nada menos.

Abrir un espazo para a literatura é abrir unha xanela a observar outras visións do mundo, así que o desexo de quen asina estas palabras, e que tratará de coser lecturas unhas ás outras, está cumprido

Quixen traer tamén a este abril de libros a novela A ferida do vento (Galaxia), de Antón Riveiro Coello, que é, ao meu ver, un dos libros máis fermosos deste ano literario. Dalgunha maneira, Riveiro Coello volve aquí a mirada a territorios coñecidos e amados para os que seguimos a súa narrativa. Propón así unha excursión deliciosa ao seu Casas baratas (Galaxia, 2005), na historia de Antón, un adolescente que experimenta por primeira vez o amor, a morte e a perda, e que descubre o envés da inxenuidade, a culpa, e os recordos que nos atan a eles para sempre. A capacidade de narrar desde os ollos da inocencia vai revelando unha novela que redescubre cada pouco a beleza das cousas e os outros lados do visible, como tamén fai a tolemia se un se para a observala, ou a alta literatura. Das dúas cousas hai neste libro. Homenaxe ao Vento Ferido de Carlos Casares, como se intúe no título e se explica no limiar, el mesmo como personaxe e algunhas pegadas do seu espazo literario e vital, compartido por Riveiro Coello, haberán de aparecer na narración, tecendo un espazo de territorios compartidos. Deixa A ferida do vento un pouso semellante a aquel final marabilloso do relato de Casares "A rapaza do circo", onde o neno, conmovido, observa na area que onde onte estaba a carpa do circo, hoxe só hai un redondel. Círculos que fican na pel para sempre.

Cajaraville procura aquí unha outravolta á lenda dunha cidade cuxa historia oficial está marcada pola fantasía e a ficción

É inevitable non recomendar tamén a novela coa que Héctor Cajaraville vén de acadar o XVII Premio Ánxel Fole de narrativa curta, Once Portas, que edita Xerais. A proposta inicial parte dun prólogo no que se presenta ao historiador inventado Guillerme Cardelle, cuxos coñecementos autodidáctas ofrecen unha perspectiva distinta á historia ortodoxa ou aceptada da cidade de Santiago. Así, nos once capítulos que configuran a novela relátase a vivencia dun Cardelle adolescente que haberá de atopar pola festividade da Ascensión a dous personaxes curiosos, un escocés e un vidente africano, a quen convida a almorzar. Como recompensa ao convite, recibe o galano de facer unha pregunta ao vidente, e este revélalle a existencia de once portas na muralla compostelana, en lugar das aceptadas dez, así como de once igrexas e once camiños que unen portas e igrexas. Durante o curso da novela, Cardelle haberá de investigar coa axuda da biblioteca familiar e da consulta a un erudito local, propoñéndose descubrir onde se atopan os lugares revelados polo africano. Novela de escrita áxil e lectura voraz, Cajaraville procura aquí unha outravolta á lenda dunha cidade cuxa historia oficial está marcada pola fantasía e a ficción, conseguindo achegar páxinas orixinais capaces aínda de atrapar ao lector na sensación de estar a ler un conto non contado. Se cadra é o desenlace da novela o menos destacable da mesma, mais esa condición, que podería entenderse como un defecto, serve, sobre todo, para abrir a imaxinación a outros posibles finais e deixar o pouso de quen procura, por que non, outras portas abertas.

Unha ollada iluminadora sobre dúas arestas especialmente daniñas das políticas lingüísticas devastadoras da última década

No ámbito do ensaio divulgativo é de resaltar o volume Galegocalantes e galegofalantes (Xerais), un recompilatorio de diferentes textos escritos entre o 2009 e o 2016 polo teórico, profesor, activista (e tamén poeta) Carlos Callón, un nome que adoita ser garante de perspectivas luminosas e dun discurso lúcido e contemporáneo sobre o conflito lingüístico e os seus arredores. Esta colección de escritos, de título suxestivo e atinado ao tempos, non é unha excepción a agudeza doutros volumes sobre o tema escritos polo mesmo autor, e achega, ademais, unha perspectiva interesante, xa que pode lerse como cronografía de tempos e acontecementos escuros para a lingua galega. Dos sete artigos que principian o libro, separados dos demais seleccionados (colocados por orde de publicación) resulta de lectura imprescindible o terceiro deste bloque, dedicado á desaparición dos medios de comunicación en galego, e o quinto, en relación ao ensino. Ambos constitúen, ao meu ver, unha ollada iluminadora sobre dúas arestas especialmente daniñas das políticas lingüísticas devastadoras da última década. Pechan o libro dous epílogos que recollen outro tipo de textos, especialmente clarificador o segundo deles, transcripción dunha entrevista-debate no programa Foro aberto, da TVG. Un libro, en definitiva, para entender cara onde imos, que é capaz de abrir unha xanela ao humor crítico, ao rigor argumentativo, pero tamén, e sobre todo, á determinación da loita polo propio.

Poemas de verso curto e percorrido longo, a medida é exacta tanto en proporcións como na escolla da palabra precisa

No espazo da poesía chega o poemario Terraza, de Fran Alonso, poeta que ten gañado de seu a categoría de imprescindible pola súa procura incansable de espazos novos que conquistar coa palabra. Autor dunha obra inconoclasta, vén de concluír hai poucos días un proxecto literario na rede social Twitter con excelente recepción de lectores e internautas. Co título "Estado de malestar" recolleu diariamente cento corenta poemas de non máis de cento corenta caracteres que perseguiron o pulso da vida nos derradeiros meses. Neste Terraza, que asume (a priori) o formato do libro tradicional, non se sabe se son os poemas os que atravesan á voz poética que mira pasar a vida contemporánea sentado nunha terraza, ou se é a vida a que se deixa atravesar pola mirada do poeta, que é ás veces caleidoscópica, ás veces conmovida ou desconcertada,  pero sempre irreverente e observante. Poemas de verso curto e percorrido longo, a medida é exacta tanto en proporcións como na escolla da palabra precisa. Compleméntase, ademais, coa introdución de códigos QR que remiten a esoutro mundo de músicas, referentes e hipertexto, de aí que o formato de libro tradicional sexa, como comentabamos antes, nada máis que un a priori. A pertinencia e a habelencia do autor neste xogo entre espazos visibles e invisibles (a terraza e o poema, o libro e a rede) convirte o poemario nun obxecto inusual e valioso, digno de ser lido na rúa ou na intimidade da luz da mesa de noite. Non importa: o seu potencial para crear mundos e evocar outros lugares é suficiente para transportarnos a onde queríamos estar aínda que non o soubésemos antes de abrir as páxinas.

Parafraseando aqueles seus versos do revolucionario 'Pornografía', estes poemas-cristais cortan e feren en todos os dedos

Pecha esta media ducia o máis recente dos libros públicados desta selección, o poemario Camuflaxe, de Lupe Gómez, que sae á luz nunha fermosísima edición da recentemente creada Chan da pólvora, un proxecto que, a piques de cumprir un ano, ten sacado xa á luz algúns títulos que celebrar e abondosas horas felices para a poesía. É o caso deste libro que se forma como un crebacabezas de cristal, coma quen intenta xuntar fragmentos dun espello roto onde mirar un colectivo que desaparece como unha marca de vapor ou que se cadra pervive precisamente na fractura. Como outros libros de Lupe Gómez, e parafraseando aqueles seus versos do revolucionario Pornografía, estes poemas-cristais cortan e feren en todos os dedos. E debe ser así. Mais este é tamén un libro que marca novos espazos na poética da autora, que adopta un pulso no que o coitelo non son as palabras senón os silencios detrás delas. Escrito despois da morte da nai en 2013, quere trascender as temáticas da perda e da reconstrucción da memoria coas que se inician os primeiros poemas, para facer un debuxo devastador para o lector sobre o que non existe. Un libro chamado a ser outra cousa.

Para poñer o ramo, achéguense se poden a dúas das alfaias que trae o número último da revista Grial. O artigo "Da poesía como representación", asinado polo poeta e editor Carlos Lema e escrito en forma de vinte e unha teses en resposta a un previo artigo do poeta Xavier Seoane no número anterior da revista, abre con agudeza vinte e unha posibilidades de conversa sobre se a poesía "debe ser". Inclúe tamén este número un fermosísimo facsímil do libreto do primeiro recital de Raimon en Galicia, en 1967, na tradución orixinal de Carlos Casares e Salvador García Bodaño.

Feliz día do libro. Pasen e lean.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.