“Sufro a vellez e non podo co pasado, lembra todo o que se perdeu”

Úrsula Heinze CC-BY-SA Alberto Ramos

Ursula Heinze vén de publicar con Alvarellos Editora a súa nova novela: Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás. Trátase dunha obra de ficción na que unha escritora irlandesa, Sally McMahon, que en plena madurez sofre unha fonda depresión. Para atallala, decide acudir á consulta dun psiquiatra. A obra percorre así a secuencia e a intensidade das conversas médico-paciente desenvolvidas durante dous anos. Ao longo dos encontros, transcenden os conflitos e os problemas da súa doenza: a vellez, as ideas de morte, a sexualidade, a relación cos demais, os desafectos. Ursula Heinze, deste xeito, volve á narrativa tras a publicación de ...e os domingos un croissant (Alvarellos, 2015), volume no que relataba a experiencia durante o seu ingreso nun centro psiquiátrico para tratar unha fonda depresión. Agora, con este novo título, afonda nas mesmas inquedanzas ao redor da psiquiatría e a enfermidade a través dunha ficción na que a única concesión á realidade, segundo a propia autora, atópanse nas viaxes que rememora Sally MacMahon durante as sesións.

"Para min, a escritura resultou sempre salvavidas diante das situacións críticas"

Hai dous anos fixemos unha entrevista pola publicación do seu anterior libro ...e os domingos, un croissant, e creo que hoxe vou comezar coa mesma pregunta. Como se atopa?

[Ri] Estou algo máis animada. Porque, para min, a escritura resultou sempre salvavidas diante das situacións críticas. Eu, dende hai tempo, non quería volver escribir, mais acabei por escribir o libro anterior. Aí foi cando retomei a escrita. Con ese libro, regresaron as ganas de escribir. E eu, para escribir, sempre preciso dun clic, dun algo que me inspire. Como nesa altura estaba metida no mundo da psiquiatría como paciente, pois hei de dicir que me fascinou ese mundo. Supoño que, aínda a día de hoxe, ese mundo é para moitos unha incógnita. [Pausa] Pero a verdade, co libro anterior, recibín moitos comentarios e experiencias de xente da que xamais imaxinei que se puidera ver metida nun psiquiátrico ou acudindo constantemente á consulta dun psiquiatra. A min estrañoume moito, pensara erroneamente que era das poucas na miña contorna que caera nas mans dun psiquiatra. E con toda esa recepción, con esas historias que me contaron dende a experiencia, pensei que había outro libro por escribir. Ese é o fío deste Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás..., que se converte nun libro dialogado.

"Pensara erroneamente que era das poucas na miña contorna que caera nas mans dun psiquiatra. E con toda esa recepción, con esas historias que me contaron dende a experiencia, pensei que había outro libro por escribir"

En realidade, son dous libros complementarios. O primeiro era un diario da experiencia propia. Este talvez é unha resposta dende a ficción, non?

Si, este libro é ficción. Non podía repetirme. O único real que hai neste libro son as viaxes. As viaxes son de verdade. O resto? Ficción.

No personaxe de Sally, cando comeza ir ao psiquiatra, sinala todas as súas desconfianzas cara á psiquiatría. Desconfianzas, pero tamén descoñecemento e mesmo rexeitamento. Esa visión é habitual, mesmo en moitos pacientes. Lémbrame incluso a como actúa a xente nas salas de espera de Saúde Mental. Ás veces que me vin alí, sempre me atopei alguén coñecido que evitaba a saudar. Era unha reacción estraña, pero habitual e parece que Sally recolle todos eses prexuízos.

Ti tamén te metiches nisto, pois xa sabes perfectamente como funciona... Pero, fíxate, son cousas que... É que nunca pensei que ti, por exemplo, precises estas consultas.

A min pásame ao revés. Miro e penso que todo o mundo debería consultarse até que se demostre o contrario

[Risos] Pode ser, pero é que a min estrañoume moitísimo de moita xente. Xente nova! Non sei, parecíame estraño.... A ver, eu penso que é unha novidade que un libro reflicta polo miúdo como se viven as consultas dun psiquiatra, quen vai ler este libro, talvez dirá: “Pois si, si que me pasou iso mesmo a min, a verdade”.

"Eu quería arredarme de min mesma, non podía facer de novo un diario ou unhas memorias miñas. Para iso están as viaxes, que son de verdade... O resto, é pura ficción"

Agás as viaxes, asegura que todo é ficción. Non obstante, os paralelismos son evidentes entre o personaxe de Sally e Ursula Heinze. Como se distancia a autora dunha personaxe que ben podería ser ela mesma?

En todo o que escribimos, directa ou indirectamente, estamos nós. E só quen te coñece ben, poderá descubrir o que é teu e o que non. O que pasa é que eu quería arredarme de min mesma, non podía facer de novo un diario ou unhas memorias miñas. Para iso están as viaxes, que son de verdade... O resto, é pura ficción. Hai elementos reais? Si, dalgunhas persoas que me contaron a súa experiencia. Pero tamén están distanciados, esas experiencias están filtradas pola literatura e non se recoñecerán.

E se falamos das viaxes, con cal queda? Tanto Sally coma vostede lémbranas con moito cariño.

Falar das viaxes de Sally permitiume meter, dalgún xeito, as miñas propias viaxes... Fixen tantas! Miña filla sempre me di que fixera un libro sobre viaxes. Pero non podo nin quero, así que me conformei con introducilas nesta novela. Si que lembro con moito cariño esas viaxes... Unhas viaxes que, en parte, me fixeron caer na depresión.

"A miña vida construíuse a base de viaxes. Viaxaba e logo escribía. Precisaba esa inspiración. Aquí, na casa, en que me inspiro? Nas flores e nas árbores? Non, dende logo que non"

Por que?

Porque un día, sen máis nin máis, xa non puiden viaxar por enfermidade. Entón, para aceptar iso e para aceptar os anos que teño, custoume... E cústame. É o mesmo que lle pasa a unha persoa que se xubila e non sabe que facer coa vida. A miña vida construíuse a base de viaxes. Viaxaba e logo escribía. Precisaba esa inspiración. Aquí, na casa, en que me inspiro? Nas flores e nas árbores? Non, dende logo que non. Nas viaxes tiven experiencias marabillosas sempre e moitos amigos... O malo é que, cando deixas de viaxar, decátaste do fráxil que eran esas amizades. Non eran reais, nin fortes, pero as estrañas tamén. Esa era a miña vida, o meu traballo e de súpeto, todo rematou. E xa non podía escribir e pasaban os días. Que fago? Que fago? Este libro foi diferente, puiden escribilo dun tirón e ten moito traballo claro, pero saíu case só... Despois, claro deu moito traballo...

O máis fastidiado deste oficio é reescribir?

Para min si. Prefiro case escribir un novo libro antes que corrixir e reescribir, pero claro... Hai que facelo. E niso agradezo moito o traballo e o esforzo que fixo Alvarellos en me axudar. Foi unha gran experiencia... Porque se son sincera, non podo dicir o mesmo de case ningún editor. En ningunha editorial, e practicamente publiquei en todas as que había, nunca me dicían nada. Mandabas o texto e practicamente ía así...

"Aquí, as novidades ten que facelas alguén de aquí. Se non era así, se eras de fóra e aínda por riba muller... En fin, cousas que pasan"

Non parece ter moi boa consideración do sistema editorial...

[Nega coa cabeza] Non, ningún. Sempre me trataron como a de fóra, unha de fóra que vén con ideas raras... Pero pensa unha cousa. Eu comecei aquí coa literatura infantil por encargo. É un xénero que non me vai, pero cultiveino. E realmente podemos dicir que fixen a primeira novela infantil nun tempo en que os demais facían contos e os recompilaban. Unha novela é diferente, non é o mesmo que xuntar unha ducia de contos. Eu fixen a primeira novela infantil en Galicia, e tamén fixen o primeiro libro cunha entrevista cun drogadicto, un primeiro libro de entrevistas a mulleres da cultura, libros con amor entre adolescentes cando iso non se facía... Pero aquí, as novidades ten que facelas alguén de aquí. Se non era así, se eras de fóra e aínda por riba muller... En fin, cousas que pasan. E chega un momento en que estás farta de intentar publicar, porque unha escribe para publicar. Eu non acepto cando alguén di: “Vaia, se non se publica, non me importa”. Eu escribo para publicar. E iso non é egocentrismo. Se escribes profesionalmente, aspiras a que se lea. E aceptando todas as críticas que implica. Eu non lle teño medo ás críticas, sempre que sexan sobre o libro. Cando son persoais... A min atacáronme persoalmente. E iso non o podo permitir. Chegou un momento en que non podía máis e dixen que non volvía escribir.

"A min atacáronme persoalmente. E iso non o podo permitir. Chegou un momento en que non podía máis e dixen que non volvía escribir"

Iso cambiaría, non? Non sempre sería así.

Agora é máis difícil publicar, as editoriais non teñen cartos.

Refírome as críticas...

Non, se as críticas son as mesmas. Escríbenas as mesmas persoas... A diferenza, é que non me afecta. Agora escribo o que me entra na cabeza e o que me sae despois na pluma. Pero en fin, volvamos ao libro.

"Non creo que un psiquiatra sexa realmente capaz de curar unha persoa. Con moita da xente que falei, case todos, dicían que ao final deixaron de ir á consulta"

“Falar da miña depresión, cústame moito. Toca o máis fondo do meu ser”. Esta é unha frase que di Sally durante o libro. Podería valer de definición mesma da depresión? E cre que falar resulta importante para tentar curar?

Hai que falar, pero non sei até onde se pode ou se debe falar. Nunha consulta, o médico tamén é unha persoa, non é un Deus. Estamos fronte un home ou unha muller, coma todos nós. A gran diferenza é que eles estudaron uns libros, pero coido que iso vale o xusto; xa que cada paciente é distinto e hai que adaptarse a cada un deles. O médico ten que adaptarse ao paciente, non ao revés. Isto, para min, é un problema. O médico crese superior e cre que o paciente é, sinxelamente por estar enfermo, unha nulidade. No psiquiátrico, dicíase algo ben claro: “Si, son tolos, pero non parvos” Eu, agora, coa perspectiva do tempo e a distancia, despois de facer o libro de ...e os domingos un croissant, teño claro que nese mundo, ás veces, mófanse dos enfermos. “Total, isto non ten remedio”, “Pastillas e así está quieto”, “Total, esta é unha vella, xa comeza a fallarlle”. Tamén che digo que eu non creo que un psiquiatra sexa realmente capaz de curar unha persoa, pode axudar... Con moita da xente que falei, case todos, dicían que ao final deixaron de ir á consulta. É que viron que non lles daba resultado. Ao principio, si. As primeiras sesións ben, porque é unha novidade e consegues falar, pero despois vólvese rutina inútil. Chega un momento en que está todo falado. Depende moito tamén do médico, de que che poida ofrecer un cambio real...

Pensa entón que a depresión non ten cura?

Non, para min non. Podes ter unha melloría, se pos da túa parte, pero sempre está aí. Eu intento poñer da miña parte, manterme ocupada, concentrarme en diferentes cousas. Veño de escribir este libro, pero agora tamén fago calceta. Nunca antes o fixera! Tampouco bordado... Para esas cousas, tiña dúas mans esquerdas. Pero fago o esforzo e fago este tipo de cousas para non ter que pensar, Para min pensar pode ser o camiño director a caer de novo.  E non quero que me pase iso, xa sufrín moito. A min, se che digo a verdade, nas poucas citas que tiven co médico, dábame a sensación de que pensaba: “é unha vella, total...” Non te toman realmente en serio. Tiña esa impresión ás veces...

"Se un non pon nada da súa propia vontade, alí non se mellora nada. E para non caer de novo ao abismo, trato de estar ocupada"

E a min dáme a impresión que todo o que estamos a falar aquí contradí o que dixo na entrevista de fai dous anos. Daquela, parecía encantada coa psiquiatría, cos médicos... Case diría que ten moito de emenda á totalidade. Que pasou?

A distancia. Cando estás metida de cheo, tes unha visión. Pero cando pasan os anos, todo vai mudando. En outubro fará dous anos que marchei e vexo as cousas doutra maneira. Non é raro, pasa na vida con moitas cousas. É que eu sei que ninguén me pode axudar. Se un non pon nada da súa propia vontade, alí non se mellora nada. E para non caer de novo ao abismo, trato de estar ocupada. Sempre o fixen, antes era o traballo, as viaxes, as cartas, os libros... Mais agora non teño todo iso, entón teño que buscar outras saídas. E ocupacións.

Non se fía dos psiquiatras xa?

Para nada. Non, eu vivino en alma propia e vin que ninguén máis te pode sacar a depresión. A ver, depende das clases das depresións. Cando procede dunha causa real, si que se pode mellorar... Pero hai outras que son así, que están e punto. Cando un ten os anos que eu teño... A vellez non ma quita ninguén. Eu sufro a vellez, non quero ser vella... É unha frase idiota que nin debería dicir, pero é a verdade.

"Eu sufro a vellez, non quero ser vella... É unha frase idiota que nin debería dicir, pero é a verdade"

Por que cre que é unha frase idiota? Probablemente todos a dixemos ou a diremos nalgún momento.

Si, pero xa sabemos que é lei natura. Tamén, no meu caso, sempre fun unha persoa moi activa... Entón, coa vellez, vas descubrindo limitacións. Cousas que antes facías que xa non... Pero quédame escribir.

A escritura como terapia?

Si, total. O libro anterior escribino alí dentro, no psiquiátrico. Para min foi terapia, porque todos os días collía o caderno para escribir. Iso foi unha terapia.

No libro, Sally quéixase da falta da “intelixencia emocional” que se respira nas consultas. Bota de menos ese concepto en dous mundos: no real e no das consultas? Que é a intelixencia emocional para Ursula Heinze e onde fala?

Agora fálase moito da intelixencia emocional, si. Hai que ter claro que esa intelixencia emocional hai que aplicala, de entrada, a ti mesma. E tes que saber onde podes pedir axuda. Se non o fas, si que podes estar perdida.

"Hai que saber usar a cabeza para apreciar o que tes. Se non o fas, os demais non cho van proporcionar"

Entón, cre que esta é unha pelexa solitaria?

É moi complicada. Tamén eu intento razoar, intento apreciar todo o que hai, o que teño e o que tiven. Iso para min é a intelixencia emocional. Hai que saber usar a cabeza para apreciar o que tes. Se non o fas, os demais non cho van proporcionar. Si, é solitaria. E logo hai moita xente que incide no mesmo, que che di: Pero a ti que che pasa? Ti que é o que queres? Pero non ves todo o que tes?

Moitos rematarán coa frase máxica: “Tes que animarte!”

[Risos] Dende logo! E claro, si que tes que animarte, pero dicilo así, vaia parvada. Iso, até certo punto, acentúa a incomprensión e a idea de que tes que loitar soa.

"Si que tes que animarte, pero dicilo así, vaia parvada. Iso, até certo punto, acentúa a incomprensión e a idea de que tes que loitar soa"

Hai outra cuestión no libro que resulta capital e que, seguramente, do que nunca se fala: a vellez. Refírome á vellez, a vellez da muller e dende un punto de vista emocional, afectivo e tamén sexual. Era un tema que lle interesaba reflectir?

Coido que na vellez precisas máis cariño cando es novo. Moito máis e un cariño tamén distinto. E co sexo pasa o mesmo. Na vellez cambian moitas cousas e precisas máis cariño e saber que é un amor diferente o da mocidade. Cando te fas maior, precisas un amor estable, co que se poida convivir todos os días. Precisas a estabilidade de espertar e ver alguén que te quere e que podes confiar nel. Na mocidade, xa se sabe, son amores diferentes. Tormentosos e intensos. Os primeiros amores case nunca son para sempre e case nunca queda nada deles, só recordos. E na vellez, por suposto, fai falla tamén sexualidade. Adoitase pensar que un vello e unha vella, que xa están ben... E non é certo, precisas sexo. Unicamente se estás moi mal, moi enferma e non te podes mover. Entón, todo se transforma e precisas aloumiños, o contacto... Un substituto do sexo físico. Precísase iso, algo... Sempre, e independentemente da idade que teñas. Falar disto, evidentemente, é falar dun tabú. Ninguén quere falar dos vellos e o sexo, non?

"Na vellez cambian moitas cousas e precisas máis cariño e saber que é un amor diferente o da mocidade. Cando te fas maior, precisas un amor estable, co que se poida convivir todos os días"

Hai outra frase no libro que me chamou a atención, unha recomendación do médico a Sally: “O mundo das fantasías non é recomendable, é perigoso. Pode facer dano”. Non obstante, cando un está mal, é unha vía que aparece. Pero eu quería preguntarlle en que medida o pasado, nestas circunstancias, pódese volver fantasía? Porque ao cabo, a nostalxia é tentar regresar a ningures. Xa foi e non volve.

Vólvese perigoso. Moitas veces escoito: “pensa no que viviches”. Se eu boto a vista atrás... É que non o quero facer. Sufro a vellez, non quero ser vella e non podo co pasado, porque faiche lembrar todo o que perdiches. Non quero saber do pasado. Non podo e por iso nunca faría un libro de memorias.

Daquela entende a memoria como inimiga?

Si, lémbrache o que perdiches.

Esa é unha visión totalmente negativa, que non axuda nin deixa marxe a un mínimo de optimismo...

Si, claro. Pero non estamos a falar da depresión? É así, non quero saber nada diso.

Deixemos entón a memoria e volvamos á psiquiatría. Como dicía antes, parece unha emenda á totalidade á entrevista que fixemos fai dous anos. Non nos fiamos dos psiquiatras, tampouco xa da estadía no psiquiátrico...

Non, ao psiquiátrico volvería mañá mesmo. Foi un bálsamo para min, un repouso total moi necesario.

Entón a psiquiatría algo si que axudou, non?

Non, a psiquiatría non.

Paréceme contraditorio. É dicir, móstrase contraria á psiquiatría, pero en cambio moi a favor do ingreso...

Non, mira. Cando estaba alí, pensaba: podo descansar agora, non me chama ninguén, non teño ningunha preocupación de nada. E tiven momentos de gran descanso e mesmo felices. Na vida diaria, hai moitas cousas. Na casa, sempre hai cousas. Hoxe ves ti, por exemplo...

Tócame ir marchando...

[Risos] É que alí tiñas unha tranquilidade absoluta.

Así que non era polo tratamento, senón... polo retiro espiritual, por chamalo dalgún xeito?

Si. Volvería un mes por descanso.

Pero para iso tamén hai balnearios, casas rurais...

Non, é diferente. Alí tes sempre con quen falar ou podes non falar. Decides ti. E non tes que finxir.

"Curiosamente, alí nunca se fala da enfermidade. Todos sabemos que estamos alí por algo, pero non fai falla dicir nada. E fóra, fóra só nos preguntamos por esas cousas"

Entón, falamos talvez dun sentimento... Non sei, de comunidade con xente que se identificas?

Poderíase dicir así. Curiosamente, alí nunca se fala da enfermidade. Todos sabemos que estamos alí por algo, pero non fai falla dicir nada. E fóra, fóra só nos preguntamos por esas cousas. Que che doe hoxe? Que che doe mañá. Non quero estar por aí e que veñan a preguntarme: “Canto tempo, Ursula!” “Que che pasou?” Como estás?

Pode aproveitar para venderlles o anterior libro.

Si, pero non cho pagan. [Risos] A ver, cando digo de volvería mañá mesmo, tamén o digo con matices. Quero dicir... Sei perfectamente que é unha tranquilidade artificial estar alí, unha paréntese artificial, si... Non é o mundo real.

Cando falamos por ese libro no que relataba a súa estadía no psiquiátrico, comentaba que ese sería a súa derradeira obra. Pero agora temos esta novela. Será a derradeira ou virán máis?

Seguramente haxa máis, porque tamén me axuda. Escribir é o que fago dende fai máis de trinta anos. É o meu. Non o deixo, ademais, porque é contraproducente. Tamén axuda a autoestima: notas que aínda podes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.