“Dentro do psiquiátrico vívese unha vida real, podes darte como es. Fóra, a vida só é disfrace”

Úrsula Heinze CC-BY-SA Alberto Ramos

Úrsula Heinze vén de publicar con Alvarellos Editora ... e os domingos un croissant. Diario dun encontro coa vida. Para a autora, trátase do seu libro, da súa obra máis sincera. E, talvez, tamén o derradeiro volume que lles ofreza aos lectores. Nel, relata o seu ingreso no hospital psiquiátrico La Robleda para loitar contra unha fonda depresión. É un libro de ruídos, de historias, de honestidade. A autora non busca subterfuxios, nin procura o eufemismo. Íspese palabra a palabra para cercar coa letra escrita un momento da súa vida en que todo se parou. A depresión freouna en todo. Traboulle na pel. Durante dous meses de 2014 rearmouse nun psiquiátrico no que todos os días eran iguais. Agás os domingos, nos que un croissant no almorzo lembráballe que, malia todo, no almanaque sempre quedan un par de puntos para a fuga. 

Como se atopa?

[Risos] Esa xa é unha pregunta… Fisicamente, estou ben. O ano pasado veu a explosión, estiven todo o ano cunha lumbalxia. Foi de menos a máis, chegou un momento de non poder andar, estaba todo o día no sofá como podía… Iso curouse na Robleda, pero a depresión… Non se cura. Hai distintas clases de depresións que se poden curar. Non son médico, é a miña opinión… Mais hai depresións que veñen por causas: problemas matrimoniais, financeiras… Iso pódese curar ou mellorar… Mais despois…. Ese non é o meu problema, o meu problema é a vellez e outras lerias. Iso non se cura… Isto aguántase cando estás ben de saúde, pero por riba disto cando ven un problema de saúde… Eu derrubeime…

"Supliquei para que me levasen de volta. Dixen para min: 'Aquí teño que facer algo para superar isto'”

En que momento decide escribir un diario do seu ingreso nun psiquiátrico? Comezou como algo terapéutico ou xa tiña pensado de entrada que acabaría publicándoo?

Eu realmente ingresei, hai que dicilo, dúas veces na Robleda. A primeira, cando quedei sen coñecemento, un día que me desmaiei... Creo que estiven nove días nos que recuperei forzas. Non podía andar, estiven cinco días nunha cadeira de rodas. Logo veu a miña filla e a familia de vacacións. Eu pedín... Non, supliquei ir á casa. Ademais, pensaba que coa alegría de ver a familia todo iría ben… Pero despois de catro días, fixen ao revés: supliquei para que me levasen de volta. Entón, eu estaba mal, pero non tan mal para non poder pensar...  E dixen para min: “Aquí teño que facer algo para superar isto”. E comecei a escribir, como fixen toda a vida. Porque sempre levei comigo cadernos... Fose a onde fose. No psiquiátrico non podía ser menos... E comecei a escribir todos os días... Mira, agora a psiquiatría é moi moderna e ponche un lote de actividades. Na Robleda podía pintar, facer ximnasia e todas esas cousas... Pero, iso, a min non me gustaba... Eu prefería escribir. Un escritor observa todo o que hai ao arredor e alí, á miña beira, había moito que observar.

"Na Robleda podía pintar, facer ximnasia e todas esas cousas... Pero, iso, a min non me gustaba... Eu prefería escribir"

A Robleda non é o que un chega a pensar dos psiquiátricos, alimentado claro está polo cine. O psiquiátrico non é o inferno de maltrato e horror que vemos nas películas, non. Pode ser un inferno, si, para casos moi complicados, para drogodependentes e alcólicos. Eu estaba coa xente deprimida, alí había avogados, mestres, albaneis... Había de todo. E todos tiñan historia e producían unhas impresións... E cando tes tanta vida, tantas impresións tan preto de ti... Eu non podo deixar de escribir. Precisábao realmente. Porque a min, cando as cousas me ían mal, axudábame escribir.

Na Robleda había tanto material! Isto había que escribilo. Para min foi unha terapia. E por outra banda, coido que cumpría ofrecer un agradecemento público ao labor que fan os sanitarios de alí. Esta xente fai un traballo que ninguén recoñece. Había que poñelo en valor, había que dicilo... Así que se escribín este libro, foi por unha dobre necesidade. Por un lado, a terapia. Polo outro, o recoñecemento os traballadores.

"Por este lugar pasaron actores, políticos, avogados, xente da tele... Pasou moita xente e ninguén admite que estivo na Robleda"

Pero a idea de publicar cando chegou?

Iso xa foi cando tiña moito material. Primeiro comecei como terapia. [Pausa] Mira, por este lugar pasaron actores, políticos, avogados, xente da tele... Pasou moita xente e ninguén admite que estivo na Robleda. Mesmo na familia do meu marido hai alguén que di: “Non, é que Úrsula está no hospital”. Eu cando escoitei iso, corrixino. “Non é un hospital, eu estiven no psiquiátrico”. E neste libro dígoo claramente... Pero vaia... É que sempre fun un pouco tola por escribir, iso dicían. Porque hai que traballar e escribir non é traballar. Aquí o mundo da literatura non ten prestixio ningún, a xente non lle dá valor. E a verdade, eu coido que fun a primeira escritora que pasou pola Robleda. E que o contou.

Ese estigma social está moi presente. Cre que o seu libro pode axudar para arredar os prexuízos?

Si, exacto. Todo o que se ve no imaxinario, sobre todo fomentado polas películas, redúcese moito ao maltrato, ao defecto humano... Esa imaxe está totalmente falseada. Non sei se será así noutros sitios, pero en lugares como a Robleda non acontecen esas cousas. Todos os sanitarios son dunha amabilidade insólita. E mira que ese traballo marca...

Comeza o libro cunha introdución na que se pode ler o seguinte: “Neste diario xunto tódalas miñas forzas e abro a miña alma a un público que nunca quixo coñecerme de verdade”. Soa a reproche.

Si, totalmente. Este libro é o meu libro, non poño indirectas e digo o que realmente sinto. Eu sempre fun... [Pausa] Mira, diso é mellor xa nin falar, porque xa o teño superado. Sempre fun a de fóra... É que nunca me aceptaron. Pero non presta falar de novo deses asuntos. Xa foi. [Pausa] Mira, nos últimos anos díxose moito: “Ah! É que Úrsula non escribe.” Non é verdade, escribir, escríbese... Pero dixen que non a case todo. Calquera entrevista dicía que grazas, pero non.

"Quique Alvarellos é totalmente distinto. Nunca vivira tal cousa. Unha persoa que se preocupa para facer a promoción, que edita con esmero e agarimo, que edita como hai que editar"

Pero agora si que concede entrevistas.

Por Alvarellos. É que Quique Alvarellos é totalmente distinto. Nunca vivira tal cousa. Unha persoa que se preocupa para facer a promoción, que edita con esmero e agarimo, que edita como hai que editar. É que así se fai un libro! Mira, se viñeses ti a facerme a entrevista noutro momento, por outro libro e traballando con outra editorial... Diríache que non, grazas.

Nunha desas entrevistas que si fixo agora para a TVG dixo que este sería o derradeiro libro.

Díxeno, si. Pero non o sei... Para min este é o último, pero xa dubido. Cando fisicamente estou ben, si que intento escribir. Non o podo remediar... unha persoa que pinta, bótase a pintura. Esa é a súa vida. A min pásame coa escrita. Non sei, teño por aí uns intentos para outro libro... Sería unha autoconfesión, teño unha idea, pero ás veces... Non sei.

Autoconfesión?

Si, o que sentes, o que queres, o que amas, nese sentido. Non podes dicilo todo, pero escribindo podes expresar máis cousas que das que podes falar... pero vaia. Pero de momento este libro é o último. Sabes? Se tivese vinte anos menos, non me atrevería a escribir este libro sobre o ingreso. Pero, agora? Tanto me ten.

"No meu caso, as críticas aos meus libros sempre acabaron en críticas persoais"

Por que non se atrevería?

Por medo ás críticas persoais, non polas críticas dos libros. Pero no meu caso, as críticas aos meus libros sempre acabaron en críticas persoais.

Este é un libro de ruídos. Escóitanse os laios, algúns berros; toda unha gama de sons aparece neste diario.

O ruído é real. É o sitio máis ruidoso. Todo o mundo berra. Lembro unha rapaza que sae no libro, Cristina púxenlle de pseudónimo, que non entende nada do que ve, pero coméntao todo. Cunha voz moi alta... É que era un lugar moi ruidoso. A xente chorando polo cigarro. Eu iso non o entendía, que se puidese fumar alí, pero ten que ser. Din que para evitar o estrés da xente. E cando terminaba o tabaco, os fumadores laiábanse. Moito ruído, si.

"No mundo todos nos disfrazamos de algo. Somos amables, aínda que desexamos que a persoa que nos fale marche axiña"

Fala no libro de dous mundos. Un o que está fóra do psiquiátrico, pero no que nos disfrazamos todos os días. Despois está o mundo do interior, o que transcorre dentro do psiquiátrico, que para vostede era o máis real. Di que se sentía verdadeiramente libre nel...

Esa foi a gran discusión que tiven con Alberto [Doutor Alberto Ramos, o seu psiquiatra]. El dicíame que no sanatorio vivía unha vida irreal e fóra agardaba a de verdade. Pero eu vía o asunto exactamente ao revés. Aí dentro vivo a vida real, podo darme como son, visto como me dá a gana, o irreal é o de fóra. Porque no mundo todos nos disfrazamos de algo. Somos amables, aínda que desexamos que a persoa que nos fale marche axiña, cando te visitan e non queres visitas nin as podes aguantar. Non as aturas e sorrís a esas visitas. Porque non se decatan de que non axudan, porque non entenden... Eu agora aguanto pouco as visitas, cústanme, fatíganme. Non soporto que veña a xente e estea comigo tres horas... Pero que fas? Neste mundo real non lles podes dicir: “Mira, marcha xa dunha vez”.

Cando queira, dígamo e marcho

[Risos] Non, nada diso. É diferente. Eu falo de xente que vén e que quere facer ben, mais fai todo o contrario. Dinche cousas: mira aí fóra, que bonito o mundo e que verde... Iso xa o pasei. Eu sempre pensei que nunca precisaría un psicólogo, porque respirar no mundo, saír fóra... Xa me animaba, pero iso xa non funciona. A min iso non me anima...

Nese punto nótase a incomprensión. Frases como “Hai que animarse”, “tes que ser forte”, “ti podes con isto” non axudan, non?

A xente pensa que te axuda con este tipo de cousas. Mesmo eu digo cousas como “Hai que animarse”, si. É o que se espera que digamos, pero... O meu problema persoal é que a min me ven como unha persoa forte, que organiza, que eu trato de solucionar os problemas de todos e non se pode...

Polo que conta no libro, esa actitude de querer solucionar os problemas de todo era un erro, que ademais volveu cometer no propio ingreso...

Xa mo dicía o médico: ti es paciente, non lle salvas a vida a ninguén. Pero que vas facer? Ao final sempre me viñeron a min os outros doentes cos seus problemas. O carácter acaba saíndo sempre. É que somos como somos. Eu, ademais, dábame satisfacción poder axudar a unha persoa.

Eu estou na casa dende outubro. Aínda así, vou todos os meses á Robleda. O Alberto agora ri de min. Dime que se vou por alá non é por ir á consulta, senón a ver a xente. [Pausa] A verdade, tiven moita sorte con este médico. Sempre estivo aí cando fixo falla. Ten só 33 anos, pero o que lle pode faltar de experiencia, teno de humildade.

"Eu penso que realmente me facía falla un médico como el. Porque os médicos vellos, con tanta experiencia, teñen menos humanidade e non che deixan unha mínima liberdade"

A falta de experiencia cúrase co tempo...

Claro! Pero eu penso que realmente me facía falla un médico como el. Porque os médicos vellos, con tanta experiencia, teñen menos humanidade e non che deixan unha mínima liberdade. Cando estaba ingresada, a Alberto dicíalle que non necesitaba tantas pastillas para curar, que curaría co ambiente. Pastillas tomaba, claro... Pero el escoitaba esas cousas e eu, a verdade, vendo algúns casos que hai alí acababa dicindo: “Eu teño que curar, non quero rematar así”. E dígoche unha cousa... Eu son unha privilexiada de poder andar, de poder comunicarme e de poder pensar. Vaia, Alberto non quere que diga estas cousas pero eu quero dicilo. A min fíxome moito ben. Alberto sempre estaba. Foi un médico ideal. Iso precisaba eu; unha persoa nova, non un que xa o sabe todo e non escoita.

Vostede ingresou por vontade propia. Coido que non é un caso moi habitual.

O médico dicíame que practicamente ningunha. Eu, mira, entraría mañá outra vez. Non... Nin mañá, nin hoxe. Entraría onte. É unha desconexión total, sen preocupacións, tes aí xente coa que podes falar, algún di unha burrada e ris...

E fóra tamén hai moita burrada...

Moita xente de fóra debería estar dentro. Eu só podo gabar o lugar e todos os que alí traballan. Foi unha experiencia da que eu volvín á casa forte, animada, pero claro; pouco a pouco entras na vida real e caes outra vez no de antes.

Ese medo está constantemente presente no libro. Preocupáballe moito saír do psiquiátrico e volver á vida real.

Eu non quería volver e podería quedar un pouco máis, pero chegou un punto en que tiña claro que debía intentar marchar. Eu realmente estaba ben, pero xa mo dicía Alberto: ti non queres volver á casa. Exactamente, esa era a cuestión...

"El era o que dicía que eu estaba nun hospital. E eu a corrixilo. É que eu non teño ningún problema con dicir que estaba no psiquiátrico, axudáronme moitísimo"

En ningún momento emprega eufemismos no libro. Non lemos sanatorio, casa de repouso nin ningún outro subterfuxio. Fala de psiquiátrico. As palabras exactas son importantes para loitar contra os prexuízos?

Eu tiña un cuñado que non me falaba. Durante catro ou cinco meses non me falaba, falaba co meu marido. El era o que dicía que eu estaba nun hospital. E eu a corrixilo. É que eu non teño ningún problema con dicir que estaba no psiquiátrico, axudáronme moitísimo.

De todos os disfraces que nos poñemos neste mundo real, cal é o que máis molesta a Úrsula Heinze?

A xente que te vén con aloumiños por diante e despois falan mal polo outro lado. Porque iso pasoume moitísimas veces. Diante de ti: “que ben todo.” Dan a volta? A soltar pestes. Eu, con certa xente, sobre todo da profesión... Mira, do PEN Clube, no que debe haber oitenta compañeiros e compañeiras... Envióuselles o convite a todos para a presentación deste libro. Quen veu? Só Tosar [Luis G. Tosar]. En fin, que iso é o que máis me molesta: a hipocrisía. A xente que di o que non pensa.

En que momento se supera o pudor e decídese publicar un libro coma este?

Nada, nada. Non houbo en ningún momento pudor para publicalo no momento en que vin que tiña material de abondo. E como dixen, pudor ningún á hora de falar de que estiven no psiquiátrico. Ao contrario, agora se alguén ten un problema dígolle: “Vai para aló, vante axudar.”

"Aquí moita xente me odia. Iso é así. Cando ía fóra, aos congresos e viaxes literarias, era ao revés. E fóra falabamos de libros, era outro mundo"

No libro, nun momento, confesa o seguinte: “Teño unha deficiencias afectivas que non podo suplir. Toda a miña vida busquei afecto consciente e inconscientemente. Por iso as viaxes, os congresos e encontros literarios [...] eran tan importantes para min. Todo acabou coa enfermidade”. A actividade que rodea á escrita era o placebo?

[Pausa] Aquí moita xente me odia. Iso é así. Cando ía fóra, aos congresos e viaxes literarias, era ao revés. E fóra falabamos de libros, era outro mundo. Aquí? Mira eu teño traído dun congreso en Croacia unha maleta de libros de edicións bilingües. Deixeinos enriba da mesa nunha xuntanza... Nin os miraron. Aquí non teñen interese ningún en nada. A postura de aquí, de moita xente, é esa. Fóra, era outro ambiente. Mira, a literatura balcánica é moi rica e  antiga. Aprendes cousas, cóntache cousas... Aquí non podes falar coa xente de libros. Non lles interesa, só o propio. Dos propios libros podes falar. Fóra vivín un mundo do libro, un mundo intelectual.

"Este é un mundo moi pequeno, e coñecémonos todos. Se che dan un premio, alguén sempre te vai odiar. E sobre todo a min, que son de fóra"

Aquí non hai mundo do libro?

Aquí non hai mundo do libro, non. Aquí, cando te xuntas, comézase moi pronto a insultarse. Aquí non se fala do libro. Eu, polo menos, nunca oín isto. Este é un mundo moi pequeno, e coñecémonos todos. Se che dan un premio, alguén sempre te vai odiar. E sobre todo a min, que son de fóra. Iso experimenteino. Entón, esas viaxes, eses congresos dábanme a vida, podía liscar de aquí. Esas foron as viaxes, foron case vinte anos. Despois, a enfermidade acabou co asunto.

Úrsula Heinze © Alvarellos Editora
Capa do libro © Alvarellos Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.