0 Gardados para despois

Celia Parra: "Algúns dos pioneiros da videopoesía son galegos. Aquí xa había este xénero nos 80"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”. Así se presenta Versogramas, un proxecto da produtora Celia Parra e os directores Belén Montero e Juan Lesta que iniciou hai unhas semanas unha campaña de micromecenado en Verkami. Os seus obxectivos son partillar o “abraio” ante o traballo dos creadores e creadoras deste formato e reivindicalo como xénero independente, ademais de axudar a derrubar os mitos que poidan quedar sobre a poesía como arte seria e difícil. Falamos con Celia Parra, coprodutora executiva de Versogramas, -que naceu como unha idea súa-, e con Belén Montero, guionista do mesmo, e codirectora, xunto con Juan Lesta. Esferobite asina a produción, e Isaac Garabatos a música orixinal.

Xa faciades videopoemas. Como chegades ao proxecto do documental, desde a vosa experiencia?

Celia: A idea naceu hai xa anos como un proxecto de mestrado, no que tiven como titora a Fernanda del Nido. Xa entón contactei con Esferobite -Belén Montero e Juan Lesta- para ir máis alá do proxecto de máster, e comezamos a traballar xuntos. Eu xa era poeta pero foi daquela cando descubrín o mundo da videopoesía, que me apaixonou. Belén e Juan eran, ademais, os compañeiros ideais, porque fixeran videocreación e algúns videopoemas moi interesantes…

O documental forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe un libro+DVD que publicaría Galaxia. En que consiste?

Celia: É un proxecto transmedia. Primeiramente pensamos só no documental, pero despois engadimos outros formatos para tratar o tema dun xeito máis amplo. Versogramas é, así, un documental, un webdoc, unha exposición, unha longametraxe experimental que recolla a nosa visión sobre a videopoesía e un libro+DVD que incluirá o documental e textos arredor dos videopoemas de autores e autoras galegos, en principio… A peza central de Versogramas é o documental, que se ramifica no resto dos produtos.

Que é o webdoc?

Celia: A idea é que calquera persoa poida experimentar coa videopoesía. A través dunha plataforma que é coma un xogo, no que o usuario ou usuaria poida crear o seu videopoema, subindo os seus propios materiais, buscando materiais online ou escollendo materiais da biblioteca do webdoc. Despois, a plataforma proporciona unhas guías que van levando á persoa por todo o proceso: análise do texto, uso de metáforas, traballo coas imaxes, selección de música… O obxectivo é que a persoa cree o seu propio videopoema, que despois pode compartir nas redes sociais, e que quedará na base de datos do webdoc. O webdoc é un proxecto que levariamos adiante coa axuda de A Navalla Suíza.

Porque polo momento son todo proxectos. O documental é o máis avanzado. Tedes unha campaña de micromecenado en marcha para financiar o documental. Como está a ir?

Celia: Si, a campaña é para o documental. O seu obxectivo é afianzar a comunidade de videopoetas que xa existe e concentrala arredor do proxecto. Neste momento xa temos máis ou menos un 70% do proxecto financiado, e queremos completar o financiamento para facer un produto mellor. Levamos 20 días. Quédannos outros 20 e conseguimos a metade da cifra que nos propuxemos. As recompensas que ofrecemos están relacionadas coa poesía, o vídeo e a videopoesía. Un poema asinado, un pase para ver o documental… A campaña está dirixida ao público en xeral, a institucións, centros culturais, educativos…

"A campaña está dirixida ao público en xeral, a institucións, centros culturais, educativos…"

Cal é o panorama actual da videopoesía en Galicia?

Celia: Hoxe hai festivais de videopoesía en todo o mundo: Berlín, Massachusetts, Viena, Cork… Hai unha rede de festivais especializados. En Galicia a videopoesía está a relacionarse moito co mundo educativo. Hai certames de videopoemas, a AELG ofrece obradoiros de videpoesía… Tamén hai mostras de videopoesía, festivais de curtametraxes que consideran a videocreación e, dentro dela, os videopoemas… Ademais, hai que lembrar que algúns dos pioneiros da videopoesía, coma Antón Reixa ou Yolanda Castaño, son galegos. Nos 80 xa se facía videopoesía en Galicia.

No documental, unha muller vai abrindo caixas que representan distintos conceptos. Que queriades contar sobre a videopoesía?

Celia: Fronte ao mito da poesía como algo serio e difícil, mostramos un xeito diferente de vela. Non queriamos converter o documental nun relato aburrido nin historicista, senón achegar a videopoesía á xente, pensando nun público amplo. Por iso optamos por unha estrutura temática. Temas que son comúns á historia da literatura, do vídeo... Que son parte da vida e cos que calquera pode empatizar.

"Non queriamos converter o documental nun relato aburrido nin historicista, senón achegar a videopoesía á xente"

Comezamos pola linguaxe, que á o principio de todo. As palabras toman corpo, os corpos atráense e fusiónanse e despois sepáranse, co que vén a soidade, e a memoria do que foi, e despois a sociedade de novo, porque as persoas xúntanse, e a sociedade representa tamén o malo que hai en nós, pero tamén a esperanza do cambio… Así pasamos polos oito conceptos básicos: Linguaxe, Corpo, Amor, Soidade, Memoria, Sociedade, Mal e Cambio. A partir destes conceptos básicos, os e as videopoetas entrevistados explican como levan eses temas aos seus videopoemas, que técnicas utilizan, como son os seus procesos, cales son os seus referentes…

Como seleccionastes as persoas entrevistadas?

Celia: Fixemos unha busca inicial en función dos nomes máis presentes no panorama internacional: a partir de presenza en festivais especializados, premios recibidos, traxectoria… Tamén a través dos programas dos festivais, de traballos de investigación sobre o tema, de videoartistas… Aquí, por exemplo, falamos con Manolo González, que foi dos primeiros en falar sobre videocreación en Galicia.

Buscamos a través de recoñecementos: premios, mencións, seleccións en festivais, proxeccións físicas, recompilatorios… E decatámonos ademais de algo no que no repararamos, que é que hai bastantes máis mulleres videoartistas que homes. Entrevistamos 16 videoartistas, mais ao final incluímos material duns 40, e moitas delas son mulleres.

"Hai bastantes máis mulleres videoartistas que homes"

Belén: Ademais de fixarnos na traxectoria e características do seu traballo, tivemos en conta distintos criterios. Non hai un perfil definido. Por exemplo, temos artistas que teñan investigado sobre videopoesía. Algúns acuñaron palabras para definila cando aínda non se a recoñecía como xénero. Outros son poetas, outros son xente do audiovisual que fan videopoesía… Tamén temos algún músico, coma Swoon, (Marc Neys), que é a referencia do xénero na actualidade.

Internet e se cadra as mostras de arte contemporánea deben ser as principais canles de difusión…

Celia: Moita da vida da poesía está, si, en internet. Na rede hai bases de datos de videopoemas, como Moving Poems, que fan un traballo curatorial, comentan obras. A videopoesía atópase entre os tres mundos: internet, o audiovisual e a arte. Moitos dos entrevistados son videoartistas, fan videos para museos… No documental procuramos que estivesen reflectidas as distintas formas de distribución: na rede, nos circuítos da arte contemporánea, centros culturais…

Salientades que é unha viaxe “emocional” cara ao “descubrimento” da unión de poesía e vídeo. Por que?

Celia: Porque queremos emular, e compartir, o que foi para nós a descuberta da videopoesía. A primeira vez que eu vin un videopoema quedei abraiada. Pareceume unha forma incrible de transformar a poesía. Queremos que o público sinta ese abraio que sentimos nós. Hai videopoemas que son marabillas visuais, outros que teñen un enfoque moi íntimo e provocan emocións moi concentradas… Queremos axudar a que parte do público que aínda non se achegase moito á poesía, lle perda o medo. Tampouco pretendemos substituír o libro. Só abrir unha xaneliña máis para a poesía.

"Tampouco pretendemos substituír o libro. Só abrir unha xaneliña máis para a poesía"

O documental é, en si mesmo, segundo salientades, unha peza de videocreación. En que sentido?

Belén: A proposta foi de Celia, que contactou con nós, xa coa parte de videocreación pensada. Nós vimos do documental e da videocreación, fixemos traballos nese ton máis experimental que buscaba ela. A nosa proposta foi centrarnos, precisamente, nos creadores. De todos os axentes que traballan arredor da videopoesía, quixemos que falasen eles, os propios creadores, das súas obras. Xunto á súa visión, damos a nosa, a través dunhas pequenas cápsulas que acompañan as entrevistas cos videopoetas.

"De todos os axentes que traballan arredor da videopoesía, quixemos que falasen eles, os propios creadores, das súas obras"

O percorrido polas caixas é, subliñades, metáfora da evolución da videopoesía, da adaptación do texto escrito ao fluír do tempo, a gráfica, o deseño… De que maneira?                                    

Belén: As caixas están encadradas en temas universais. Partimos da linguaxe, como orixe. Primeiro ouvimos falar, despois aprendemos a falar, escoitamos aos demais, logo vén o amor, a soidade… ata chegar ao bloque do cambio. Hai un fío argumental no que todos os temas vanse relacionando. Había un abano moi grande de camiños polos que tirar, moitas cousas que poden contarse desde os inicios da videopoesía. Preferimos centralo nas pezas que parten do texto poético e que, a partir de aí, o poeta, ou o poeta coa axuda dun realizador, fai unha película...

"Había un abano moi grande de camiños polos que tirar"

Celia: Hai dous perfís, sobre todo. Xente que vén da poesía e fai vídeos cos seus propios textos, engadindo imaxes e música, e xente que vén do vídeo, que colle textos doutras persoas ou escribe os seus e engade as súas imaxes, compón música… Tamén se dan os dous a un tempo.

O estilo visual e de montaxe teñen tamén un ton experimental, aplicado á parte visual, gráfica, audio, encadres, escenarios… Así, as entrevistas son presentadas de xeito “non convencional”. Podedes explicar isto?

Belén: Non son entrevistas ao uso. Xogamos coa pantalla dividida, a fragmentación… Adaptamos, en cada entrevista, o escenario e o tratamento da imaxe ao tema, buscamos unha continuidade co videopoeta que vén despois… Está moi coidado niso.

Celia: Tampouco o proceso de gravación é o convencional. Nun principio pensamos en gravar os artistas galegos aquí e despois contratar as entrevistas con artistas de fóra. Ao final imos traer aquí a case todos os videoartistas. O documental estará en galego, castelán e inglés.

"O documental estará en galego, castelán e inglés"

Subliñades tamén que contades a “experiencia” da videopoesía. Desde unha postura non teórica, non académica…

Belén: Os videopoetas falan, como diciamos antes, desde a súa experiencia. Hoxe hai teses e outros traballos de investigación sobre videopoesía, pero os referentes que toman son os videopoetas. É un xénero que tivo a súa explosión nos anos 60, que agora volve tela con internet e plataformas coma vimeo… No documental falamos con xente que é parte da historia da videopoesía, coma Antón Reixa, que é máis coñecido pola música, as películas, ou mesmo pola videocreación, pero que normalmente non é identificado como videopoeta, malia que facía vídeos cos seus propios poemas… A videopoesía segue a ser menos coñecida, se cabe, que a videocreación.

"O que nós queriamos era facer un achegamento desde a experiencia dos e das videoartistas, co formato, ademais, dun documental experimental"

Celia: Si, en España e Latinoamérica a videopoesía volveuse os últimos anos obxecto de estudo e si, hai teses… O corpus teórico xa existía: o manifesto da videopoesía, os estudos feitos polos videocreadores… O que nós queriamos era facer un achegamento desde a experiencia dos e das videoartistas, co formato, ademais, dun documental experimental. É a primeira longametraxe do mundo sobre videopoesía… Antes fixéranse ensaios, cousas máis parciais… Pero nada coma isto. Temos prevista unha versión curta de 52 minutos e unha longa de 70 minutos.

"A relación entre texto e vídeo é complementaria"

Si? Iso parece moito afirmar… Dicías que en España e Latinoamérica se desenvolveu máis o campo da videopoesía nos últimos tempos…

Celia: Tampouco é o obxectivo facer unha historia da videopoesía, pero si hai un boom dos videopoemas, en canto a comunidade, a estudos académicos… E é posible que a España chegase máis tarde. Tendo en conta que os primeiros expoñentes do xénero poden localizarse nos anos 70, 80… Antes había cine poético, por exemplo, pero non pezas que levan un poema ao audiovisual, con imaxe, son, música… Aínda que un videopoema non é tampouco unhas imaxes que ilustran un texto. A relación entre texto e vídeo é complementaria.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.