O 15 aniversario do Prestige, protagonista do Festival de Cans

Presentación da edición 2017 do festival © Festival de Cans

Do 24 ao 27 de maio celebrarase a 14ª edición do Festival de Cans, con moito cine, moita música, pero abríndose a outros temas e formatos, dende debates a coloquios, pasando pola gastronomía, as artes plásticas ou a literatura. A conmemoración neste ano do 15 aniversario da catástrofe do Prestige centrará parte da programación, que se presentou este martes na parroquia porriñesa. Así, poderán verse varias pezas audiovisuais relacionadas co accidente ou coa posterior mobilización social: Crebinsky (Enrique Otero), Carcamáns (Marcos Nine), Man (Manuel Abraldes) ou Toxic percebe (Xabier Jácome). Ademais, estrearase o documental inédito Mar de fondo, do cineasta Dani Guzmán, que foi gravado durante unha estadía súa en Galicia no 2002 trala catástrofe.

Poderán verse varias pezas audiovisuais relacionadas co accidente ou coa posterior mobilización social

En canto á competición oficial de curtametraxes, destaca a paridade total entre pezas realizadas por mulleres e homes, un vello obxectivo do festival. Entre os e as participantes hai un gran número de directoras e directores galegos establecidos fóra de Galicia, así coma algúns creadores que xa obtiveron premio no festival. O Festival abrirá o próximo xoves 11 de maio ás 10 da mañá o segundo prazo de venda de entradas que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 27 de maio. As entradas, que se poderán adquirir ata o día 17 de maio, terán un custe de 12€.

Repiten un ano máis dúas seccións xa tradicionais: Fill@s de Cans, con directores e directoras que xa pasaron polo festival e que presentarán os seus novos traballos. Nesta edición poderemos ver imaxes inéditas de Los desorientados -de José A. Quirós-, Trinta lumes -de Diana Toucedo-, Día de muertos - Carlos Gutiérrez e Mamen Quintas-, Dorian Yates -de Luis Solarat-, Unicorn Wars -de Alberto Vázquez- e Fuller Roller Derby -de Ángel Manzano-. De igual xeito, en A que andas?, Enrique Otero, Andrea Zapata Girau, Antonio Rodríguez e Oubin Hellot, as Also Sisters e Isabel Ayguavives falarán dos seus novos proxectos. O tamén tradicional Coloquio na Leira nesta ocasión terá como protagonista ao cineasta Montxo Armendáriz. Armendáriz, un director que foi galardoado en dúas ocasións co premio Goya e estivo nomeado nunha ocasión aos premios Oscar na categoría “mellor filme estranxeiro” por Secretos del corazón.

Entre as novidades, destaca o reforzo da programación na xornada do xoves. A Praza do Concello do Porriño e a súa contorna serán testemuñas da Can Parade para implicar máis á veciñanza, pero tamén da música dos irmáns Electric Feels ou o concerto da Banda Escuchando Elefantes.Nesta xornada do xoves 25 tamén se desenvolverá no Bar Liceum do Porriño o I Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips do Festival de Cans,

En canto á competición oficial de curtametraxes, destaca a paridade total entre pezas realizadas por mulleres e homes, un vello obxectivo do festival

A música un ano máis será protagonista, coas actuacións de León Benavente, Eladio y los Seres Queridos, Edu Romero, Nico Pastoriza, Corizonas, Adrián Costa & The Criers, Familia Caamagno ou Terbutalina. Uxía acompañará a proxección do documental Frágil equilibrio (Guillermo García) e Radio Océano porá música a unha escolma de pezas audiovisuais.

 

Presentación da edición 2017 do festival © Festival de Cans
Este martes debullouse toda a programación © Festival de Cans
Moito cine e algo de música, entre os contidos dunha nova edición do festival © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.