Nacho Taibo: "A miña obra foi desaparecendo dos libros de texto. Sentinme ninguneado, coma agora"

Dominio Público Praza Pública

A guerra civil e, despois, a II Guerra Mundial, obrigan a tres homes, Milorde, Patacón e Bocoi, a posicionarse. A escoller. A demostrar quen son realmente. Porque, a vida son circunstancias que se nos impoñen, ou temos marxe para a liberdade? Esta é a cerna de Os tres de nunca (Xerais), a nova novela do escritor Nacho Taibo. Nela, coma en Os dous de sempre de Castelao, vanse entrelazando as historias dos personaxes principais. Esta fórmula xa fora utilizada polo autor en Homes de ningures, a obra coa que gañara o Premio da Crítica Española. Nesta entrevista debullamos Os tres de nunca e repasamos, en xeral, a súa narrativa.

Nada máis comezar a ler chama a atención a estrutura. Xa Flor do Grelo eran pequenos relatos. En Informe bestiario tamén son pequenos capítulos relacionados de distintas maneiras… Por que optou por contar así a historia?

Realmente, a idea inicial partiu de lecturas sobre a Segunda Guerra Mundial. Parecíame que nos libros que estaba a ler faltaban algunhas cousas. Mais non quería repetir a fórmula de Informe Bestiario. A estrutura é semellante máis ben á de Homes de ningures que, coma Os dous de sempre de Castelao, conta dúas historias paralelas que se van contrapeando, entrelazando, alternando en contrapunto. No caso de Os tres de nunca son tres personaxes principais e non dous mais, claro, eu xa non son a mesma persoa que escribiu Homes de ningures porque pasaron moitos anos. Agora teño moita máis verborrea, no canto daquel estilo condutista...

"A estrutura é semellante á de Homes de ningures que, coma Os dous de sempre de Castelao, conta dúas historias paralelas que se van contrapeando"

Para situar tres personaxes na Segunda Guerra Mundial, tiña que contar o que acontecera aquí antes, aínda que me provocaba vertixes. Decateime de que, para iso, tiña moita información que podía servirme. Eu nacín 10 anos antes do último día da Guerra Civil. Puiden falar con xente que me contou historias sobre o que viviu na guerra. Por iso, na novela hai bastante de historia de transmisión oral, -que non historia oral, que iso é ciencia-, historias que me contaron membros da miña familia, ou da familia da miña muller ou, en xeral, xente que coñecín. Con Informe Bestiario non lle vexo moita conexión, no sentido de que naquel libro eran historias que contiñan outras, como nunha matrioshka.

“Na novela hai bastante de historia de transmisión oral, cousas que me contou xente que coñecín”

Hai moitos personaxes, ademais dos tres principais. Entre os secundarios pódese salientar a Castelao, presente na historia e a través de Os dous de sempre.

A presenza de Castelao é evidente xa desde o propio título. En canto ás historias que conto, non falseo os datos, e teño que conectar os que aparecen. Falo das lanchas 40K, que efectivamente encargou a República, e debeu coincidir o momento no que Castelao marcha para Estados Unidos coa chegada dunha destas lanchas… Ao principio do libro sae o mitin pro-Estatuto previo á Guerra Civil, onde está Castelao, e no que sitúo os meus personaxes. Os Cincuenta homes por dez reás de Castelao están tamén na novela. A través da historia dun militar que compra a primeira edición…

"A presenza de Castelao é evidente xa desde o propio título"

Xa que fala dos 40K, na novela, aínda que sexa unha historia de ficción con personaxes inventados, si hai personaxes, feitos concretos e -semella- que fontes reais. Coma os discursos que Aguilera soltaba nas entrevistas…

Si, Aguilera, que era capitán do exército de Franco, dixo esas barbaridades que están recollidas na novela. Non sei se queda claro que son citas textuais pero si, sono. O que declaraba publicábase na prensa estranxeira, e chegou a haber un debate no Congreso americano por cousas que dixo. Mais o máis grave é que non eran só as barbaridades que se lle ocorría pensar a el. É que el actuaba como voceiro do exército de Franco e ninguén desmentía o que dicía. Niso pasa como tantas veces: a realidade supera a ficción.

"Aguilera, que era capitán do exército de Franco, dixo as barbaridades que están recollidas na novela"

O que conta a novela é, basicamente, como van posicionándose os distintos personaxes ante as circunstancias extremas que impón o contexto de guerra. Trifón Trebón, por exemplo, que pensa que se lle aparece a Virxe, aínda que máis ben sería a súa mala conciencia...

Trifón existiu na realidade. Creei o personaxe a partir dunha persoa que existiu, que coñecín, que asinara sentenzas de morte e que estaba tola. Eu penso que virara tolo por iso, por unha cuestión de ética. O que eu engado ao personaxe é ese detalle de imaxinar que se lle aparece a Virxe. Mais si, a historia separa os tres amigos e cadaquén adáptase á realidade, mellor ou peor… Podería resumirse a través dunha pregunta: podemos escoller ou somos vítimas do destino, das circunstancias?

“Podería resumirse a través dunha pregunta: podemos escoller ou somos vítimas do destino, das circunstancias?”

A novela responde a esa pregunta. Porque os tres amigos acaban escollendo. Patacón, o obreiro anarquista, marcha co exército republicano. Milorde, o fidalgo, non renega da súa clase pero si da súa barbarie, e actúa en consecuencia. Bocoi, o oficinista, escolle o que máis lle convén...

Si, todos escollen. Quizais porque sempre temos unha marxe, maior ou menor, para escoller…

Esta non é unha novela histórica pero a Historia é moi importante nela. Novelas históricas escribiu algunhas: Salvador de occidente e Por tras dos meus ollos. En xeral, a Historia está moi presente no que escribe. Por algún motivo especial?

Non podería ser novela histórica xa só pola presenza do marabilloso: non os trasnos, que eu sei que existen, senón a maxia que confiren… É ficción. Tampouco está a Historia en todo o que escribo: non está en A Semancia, por exemplo. Pero si, sempre me gustou. E é verdade que Salvador de Occidente, Por tras dos meus ollos e outra que teño inédita forman unha triloxía de novela histórica. En As boas familias conto a historia dunha familia ao longo dos séculos… Si, interésame, emocióname, preocúpame a Historia. Mais, agás nesa triloxía da que acabo de falar, a presenza da Historia non foi algo planificado.

"Interésame, emocióname, preocúpame a Historia"

Nos 80 fíxose bastante novela histórica. Dicía Dolores Vilavedra -e se non só ela- que se cadra por unha cuestión de identidade nacional. Por necesidade de contar unha historia alternativa á canónica, que negara Galicia.

Unha das miñas novelas recolle unha cita do Ulises de Joyce, “a Historia é un pesadelo do que eu procuro espertar”. Creo que a resposta, a este respecto, é categórica. Hai unha Historia que non nos gusta, que precisamos que sexa doutra maneira. Teño un conto, O leito, que trata dunha Galicia ucrónica, que non é esta, que foi un país industrial, que é unha potencia europea que vai enfrontarse con Hitler… E si, pode ser unha obsesión miña. A necesidade dunha antihistoria indica que non nos gusta a historia que se nos deu.

“A necesidade dunha antihistoria indica que non nos gusta a historia que se nos deu”  

Salvador de occidente é a historia dunha viaxe. A Ponliña irlandesa relata unha volta ao mundo. Os tres de nunca tamén percorre varios países. É habitual que fale, nas súas novelas, de Galicia, mais a partir doutros contextos xeográficos. Non creo que sexa casualidade.

Sobre iso teño unha idea, que pode ser errónea, que é que os temas de grande aceptación cambian moito de escenario. En cada películas de James Bond, por exemplo, aparecen polo menos tres países diferentes. Teño a crenza, que non a convicción, de que iso engancha o espectador. Tamén son moi fan de Tintín, -de feito algúns dos personaxes de Os tres de nunca parécense a personaxes de Tintín-, outro exemplo de historias cosmopolitas. Ademais, encántame viaxar, gústanme os idiomas…

"Algúns dos personaxes de Os tres de nunca parécense a personaxes de Tintín"

Polo demais, eu non nacín en Galicia. Meus pais encargáronme na Coruña pero leváronme para Madrid uns días antes de nacer.. Alí vivín ata os 27 anos e nunca me sentín madrileño. Demasiado lonxe do mar… Viña a Galicia nos veráns pero, como non vivía aquí, pensaba que non tiña dereito a escribir sobre Galicia. Estoulle moi agradecido a Xerais de que se metese nesta aventura editorial de publicar Os tres de nunca. Unha das cousas que me dixeron do libro, cando o leron, foi que era unha obra moi coruñesa. Iso emocionoume, de verdade.

“Viña a Galicia nos veráns pero, como non vivía aquí, pensaba que non tiña dereito a escribir sobre Galicia”

Mais non me refería a que non fale de Galicia porque case todo o que escribe o fai. Só que, moitas veces, situando as historias noutras latitudes. Homes de ningures, por exemplo, é Rusia e é Galicia.

É verdade, si. Os meus libros falan de Galicia, aínda que non se desenvolvan nela. Salvador de Occidente, que é un dos meus libros predilectos -aínda que só tivo unha crítica en internet-, desenvólvese en Pontevedra no século XV. E, claro, eu non teño experiencia nin de vivir en Pontevedra, nin do século XV…

En Os tres de nunca un home faise xigante, outro toupa, outro le o pensamento dos coruñeses… Alén de que os poderes máxicos son usados moitas veces polos seus personaxes para enfrontarse ou fuxir da opresión, algo pode haber de pegada de Cunqueiro nesa presenza do marabilloso. Aínda que a súa obra podería situarse nese sentido máis se cadra ao lado de Ferrín, pola maneira de falar do político a través do fantástico…

Eu sempre quixen facer narrativa fantástica. As miñas fontes básicas, cando tiña 25 ou 26 anos, eran Jorge Luis Borges -a súa escrita fantástica- e Cunqueiro. Os dous, pasados por unha perspectiva crítica da sociedade. A miña terceira fonte era Celso Emilio Ferreiro, a quen coñecín a Madrid. Non teño dotes para a poesía: son máis prosaico. E non quería ser cartesiano, newtoniano. En A Ponliña e en As boas familias -que non mereceron ningunha crítica-, non hai elementos fantásticos. Eu tiña unha imaxinación desbordante -agora xa non- mais sempre quixen escribir para liberarme da lei, da forza da gravidade… Das leis físicas, da presión do tempo… Non concibo que non poidamos movernos libremente na dimensión do tempo.

“Non teño dotes para a poesía: son máis prosaico. E non quería ser cartesiano, newtoniano”

Por iso as viaxes no tempo en boa parte dos seus libros? En Informe bestiario está a Grecia antiga, a Idade Media… nunha Odisea futurista.

Si, ten que ver con iso, con fuxir do cárcere do tempo. Se se me aparecese o xenio dos tres desexos, o primeiro sería poder viaxar no tempo, para atrás, para ver como vivían os romanos, ou en Palestina nos días de Cristo, ou en Micenas e Ítaca nos tempos homéricos… Aínda que sei que me resultaría un chisco difícil ir tanto para atrás polos cheiros da comida e da xente. O terceiro desexo sería que se cumprisen todos os meus desexos, e o segundo podiamos deixalo. Mais aínda non se me apareceu o xenio.

En A Semancia, Amancio era xa de novo unha persoa de orde. Antiseparatista, antiprogre, defensor da épica do traballo… A súa ideoloxía vaise desdebuxando, fai o que lle convén para medrar… Lida desde hoxe, parece que pode tracexarse unha continuidade con Os tres de nunca. Ese tardofranquismo e esa transición foron froitos do anterior… Hai diálogos que poderían ter sido tirados de conversas reais da época...

Non me lembro xa de moitas cousas, porque hai moito tempo que escribín A Semancia. Pero si que había elementos tirados de noticias da prensa, e non lembro se de conversas reais. Mais hai un elemento que non é realista, que é o cambio de escenario: Amancio pasa de ser un traballador asalariado a ser un executivo, e non se explica como. O personaxe está transplantado a outra realidade. O salto non se explica. E podo dicir de onde tirei a idea: de Burning Bright de John Steinbeck, duns personaxes que eran artistas de circo e que despois pasaban a ser labregos. A Semancia tivo unhas críticas moi negativas.

Unha das personaxes de Os tres de nunca, Berta, comenta nun dos capítulos que, por moita guerra que haxa, uns seguen a comportarse coma persoas e outros non. Bocoi non parece ter conciencia nin moral. Mohamed tampouco. Patacón, porén, critica os compañeiros que se dedican a cazar monxas. Nun dos diálogos deste personaxe sae Paracuellos...

Se cadra non é que Mohamed non teña moral, é que se atopa nunha situación concreta, no medio dunha violencia promovida polos seus xefes... A el as súas accións poden non parecerlle inmorais. Hai fotos de soldados españois paseando cabezas cortadas polo Rif, que é de onde viña Mohamed. Cortar cabezas era eficaz para que a poboación local estivese “tranquila”, fose submisa... Non inventei nada tampouco nisto.

"Hai fotos de soldados españois paseando cabezas cortadas polo Rif"

O personaxe de Mohamed está baseado nunha mestura de historias e personaxes. Na novela hai personaxes inventados, outros reais, personaxes con parte real e parte inventada… Cocón, o personaxe co que fala Patacón sobre Paracuellos, si que foi real. Era un home que estivera perseguido, un parente próximo meu. A miña familia é de dereitas e houbo na guerra perseguidos, mortos…

Outro personaxe, Xoubanova, explica que, aínda que rematase a guerra, os franquistas non ían perdoar nunca ás persoas que se atreveran a soñar con ser libres. Podería ser un resumo en dúas frases da guerra civil. A reflexión é do personaxe, ou súa? Quero dicir, está de acordo?

Creo lembrar que non é unha cita textual, pero si unha reflexión que fixo alguén, que eu subscribo. Subscribo máis cousas que din os personaxes. Por exemplo, Patacón, cando fala do mal que se portou Gran Bretaña coa República, lembra que tamén houbo traballadores ingleses que estiveron nas Brigadas Internacionais. Que quen se portaron coma uns falsos foron as clases dirixentes.

En Os tres de nunca, en A Semancia, en Homes de ningures... hai diálogos arredor dos tópicos españois sobre os galegos. Fálase de racismo lingüístico, de clasismo… e da discusión tan común entre esquerda española e galeguistas. Sabendo que estudou Socioloxía en Madrid, debían ser debates aos que asistiu nun tempo…

Non é unha cousa só xeracional. Vivindo en Madrid, era moi habitual escoitar tópicos sobre os galegos que me resultaban moi ofensivos. De todas maneiras, en Os tres de nunca isto está máis ben tratado desde o clixé dos galegos na escaleira, que a min tamén me deu para moitos chistes, como dicirlles aos veciños que, claro, que como son uns cotillas querían saber se subiamos ou baixabamos. E tomábano con humor…

“Vivindo en Madrid, era moi habitual escoitar tópicos sobre os galegos que me resultaban moi ofensivos”

Si que eran habituais eses debates que citas. Que alguén que escoitase falar de nacionalismo saltase con que iso era pequenoburgués e que tiña que acabar sendo indefectiblemente de dereitas. Eu vivín moito iso e non creo que sexa unha historia rematada. Hai unha continuidade na actualidade en debates como a relación entre as Mareas e o nacionalismo: que se Podemos sente respecto polo nacionalismo ou non, que se un deixa de ser nacionalista por estar cos de Podemos…

Si, por certo, o personaxe de Doncos, o pacífico, destrúe campos de fútbol cos seus poderes.

Si, penso que o meu activismo antifútbol queda bastante claro. Tamén en Os tres de nunca o fútbol é tratado como un xeito de adoutrinar a mocidade. Xa di Bocoi que hai que metérllelo aos nenos antes de que medren. Coma a relixión. Grazas a internet puiden consultar hemerotecas para ler crónicas de fútbol -que eu diso non sabía nada- e é curioso: as crónicas de fútbol dos anos 30, no ABC por exemplo, levaban moito menos espazo ca agora, utilizaban outra linguaxe…

A Bocoi é difícil non odialo, mais unha das cousas que poden resultar máis repugnantes é o que lle fai á criada. Aínda que, nun momento, cara ao final, o personaxe dá un pequenísimo xiro...

Iso tampouco o inventei: criadas que quedaban encintas do señorito e que eran abandonadas á súa sorte. O Bocoi xustifícase niso e en todo: di que se non o fai el viría outro para facer o mesmo, ou que con el é mellor, porque como lles le o pensamento aos interrogados, polo menos evita que os torturen… O que conto dos berros que se escoitaban en Juan Flórez, polas torturas nos interrogatorios, tampouco o inventei. Contoumo miña nai. A un edificio chamábanlle La Checa de la Falange. A Bocoi é difícil non odialo, pero ao final aos personaxes acabas colléndolles cariño.

"O que conto dos berros que se escoitaban en Juan Flórez, polas torturas nos interrogatorios, tampouco o inventei"

A través da evolución dos personaxes de Milorde e Patacón, a novela chama a atención sobre o papel internacional -Gran Bretaña e Francia- na continuidade do franquismo despois da Guerra Civil. Os ingleses non querían, di un dos personaxes, unha España de esquerdas. O que querían era que Franco non se aliase con Hitler.

É que, fronte ao tópico da CIA, os americanos… -que tamén é certo-, o que pasa é que o imperio británico, a súa tan astuta actividade, ten unha influencia moi grande na evolución dos acontecementos. Hai cousas que souben cando xa tiña escrita a novela. Que mandasen un avión desde Inglaterra, o Dragon Rapid, para levar a Franco ata Marrocos en xullo do 36, a cargo dun axente do MI-6…

"Que mandasen un avión desde Inglaterra para levar a Franco ata Marrocos en xullo do 36, a cargo dun axente do MI-6…"

Peter Day fala disto no libro Los amigos de Franco. E eu non digo que o golpe fose cousa dos ingleses, pero desde logo eles sabían que ía acontecer. No 38, Franco faille chegar ao primeiro ministro británico, Chamberlain, o seu agradecemento pola axuda británica… Os franceses xogaban máis ben a contemporizar, deixaban pasar as armas para a República… E non son eu antibritánico, nin confundo as clases dirixentes cos traballadores, como di Patacón.

“Eu non digo que o golpe do 36 fose cousa dos ingleses, pero desde logo eles sabían que ía acontecer”

Na novela, é o home de Lady Fionna o que di que os ingleses non queren unha España comunista. Nos anos 40 os servizos secretos americanos fixeron un informe que  entregaron aos británicos que dicía que a maioría da poboación española era de esquerdas, así que o cálculo que facían era que, se volvía o goberno republicano, ían ter unha España de esquerdas, e non querían iso. Aínda que non sei eu se o informe sería moi fiable. Nos anos 40 debía ser bastante difícil facer enquisas de opinión en España...

É unha novela longa, de máis de 500 páxinas. Levoulle moito tempo escribila? Como foi o proceso?

Teño máis novelas longas, como A Ponliña Irlandesa. En Os tres de nunca traballei, na primeira versión, un ano. Sempre escribo a primeira á man, non por tradición ou sentimentalismo, senón por motivos prácticos. Coa versión definitiva estiven máis tempo, como seis meses ou un ano. Xa non lembro moi ben, porque hai seis anos que escribín esta novela. 

A min paréceme mentira que a fixese nun ano, porque daquela traballaba -agora estou xubilado-. Ademais, foi a un ritmo normal. Non é que estivese en plan stajanovista… No proceso, foi bastante complexo o labor de organizar as historias paralelas, intercalando capítulos. Darlle forma a iso, e ademais cronolóxica, levou algo de tempo.

“Foi bastante complexo o labor de organizar as historias paralelas, intercalando capítulos”

Ao final hai unha lista na que se presentan e describen os personaxes. Mellor lela antes de avanzar moito na lectura… Ao principio é doado perderse, porque son moitos.

Si, tampouco sei se ese elenco final axuda moito… En calquera caso, hai historias dos personaxes que puxen aí que non están na novela. Divertinme engadindo cousas. Entendo que ao principio poida resultar farragoso, pero a verdade é que xa está reducido. Na primeira versión ese comezo era máis longo.

Na contracapa de Calendario cóntase que vostede aprendeu galego en Madrid… Alí comezou a ler a Cunqueiro. Tamén traballou nun banco. E debeu aburrirse tanto coma os oficinistas de A Semancia e Homes de ningures.

É verdade que Homes de ningures e A Semancia teñen detalles autobiográficos. Ese é un deles. Traballei nun banco cun señor que era coma o compañeiro de traballo do Niéstor de Homes de ningures. Pero daquela xa lera bastante literatura galega. Medrei en Madrid, como contei antes. Pasaba os veráns na Coruña, onde me sentía feliz. A Coruña era o mar, a liberdade…

“Comecei a ler a Rosalía e sentía a súa lingua coma algo meu”

Meu avó agasalloume un volume das obras completas de Rosalía, -pedinllo emprestado e deumo-. Comecei a ler a Rosalía e sentía a súa lingua coma algo meu. Despois merquei A comedia da Oliña -a Aulularia- de Plauto na feira do libro de Madrid cos meus cartos de estudante… Estaba escrito nun galego hiperenxebre que me fixo pensar que aquilo do galego era cousa moi seria… Pero despois comecei a ler a Cunqueiro: o seu galego puro, fresco... Nese momento respirei…

“Cando comecei a escribir, o meu galego era hiperenxebre e rebuscado”

Cando comecei a escribir, o meu galego era hiperenxebre e rebuscado. A axuda que tiña era a Gramática de Carvalho Calero e o Diccionario de Franco Grande. Non había outros medios. A primeira edición de Homes de ningures ten un galego hiperenxebre. Os primeiros libros que publiquei foron Os inmortais, no 75, -en Castrelos. O meu primeiro editor foi Álvarez Blázquez-, e O fotógrafo, no 77.

Comentou vostede antes que tivo, de varios dos seus libros, poucas ou nulas críticas. Di na súa autobiografía na web da AELG que a partir do 1981 percibe “rexeitamentos” cara o seu traballo. Críticas “gratuitamente contrarias”, promesas de publicación incumpridas… Que pasou?

Pois non sei. Se cadra hai unha conspiración internacional contra min. Da CIA non, que non son tan importante. Da KGB tampouco, que estou con eles… (Ri). Pero si, tiven problemas cos editores e teño moita obra inédita. Por iso lle estou tan agradecido a Xerais… En canto á crítica, pode ser boa ou mala, pero o peor é o silencio.

"A crítica pode ser boa ou mala, pero o peor é o silencio"

Iso pasoume con Salvador de Occidente, que tivo unha soa crítica, en internet e moi negativa. De As boas familias, ningunha. Podo interpretar, por iso, que os críticos evitan escribir sobre os meus libros para non ter que dicir cousas desagradables… Tamén me consta, e non vou dicir os nomes, que hai editoras que aceptan libros para analizar e logo non os len.

"Hai editoras que aceptan libros para analizar e logo non os len"

Non sei o que pasou nos 80. Se cadra o libro Os partidos políticos na Galiza, do 77, puido amolar… E vostede facía, por exemplo, chanzas coa UPG e a AN-PG.

Analicei o tema, deille voltas e si, pode que a UPG se enfadase comigo daquela, pero tamén é verdade que teño moi boa relación con dirixentes históricos seus. E a UPG non dirixe as editoras galegas. Non sei se hai un complot, se cadra de Paco Vázquez, do Opus Dei, do piñeirismo… Agora en serio: supoño que é máis simple ca iso: son pouco comercial como escritor. Aínda que iso non explica que pasen dous anos desde que mandaches unha novela a unha editorial e que saibas que nin a leron.

“Son pouco comercial como escritor”

Non é o único que di iso. As editoras publican cada vez menos, -unhas desapareceron e outras están baixo mínimos-. O mesmo pasa coa crítica: as seccións de Cultura dos xornais foron desmanteladas… Por iso non me parece raro que As boas familias non tivese críticas.

Eu penso que ten que ver moito cun fenómeno que é a tendencia excesiva a admitir só textos que sirvan para o ensino. Eu non estou en contra diso, aínda que penso que pode ter consecuencias nos contidos: que se rexeite o relacionado co sexo, a política, a relixión… O problema é que só se publiquen libros orientados ao ensino. Non é o meu caso. Eu non escribo pensando nos alumnos. Cos alumnos aprendín moito, déronme o mellor, pero non escribo pensando neles.

“Penso que o problema é que só se publiquen libros orientados ao ensino”

E si que podo dicir que houbo unha persoa dunha editorial que me dixo que co que custaba sacar un libro coma A Ponliña largaban tres libros para o ensino. Vexo que ultimamente está a criticarse esa tendencia. Lin un texto en internet sobre a infantilización da literatura galega…

"Houbo unha persoa dunha editorial que me dixo que co que custaba sacar un libro coma A Ponliña largaban tres libros para o ensino"

Si, de Biosbardia era. Homes de ningures levara o Premio da Crítica Española. Antes falaba da KGB, comentara noutra entrevista que a idea inicial era escribir algo crítico sobre a Unión Soviética...

Pois, se son sincero, teño que dicir que un membro do xurado daquel Premio da Crítica española, -sección narrativa en galego-, dixérame que non había outra novela, ou que non había outra que pagase un pouco a pena… Fora un pouco cruel dicirmo, ademais de inexacto… Mais si, eu daquela era bastante crítico coa URSS e despois fíxenme menos. Non me gusta o stalinismo, pero interésanme os rusos, -na Segunda Guerra Mundial fixeron moito-, gústame o ruso, estiven en Moscova en plena Perestroika… Tampouco me gusta o goberno actual, penso que as ideas boas da Revolución nunca chegaron a aplicalas… Adoro a cultura rusa, si.

"Un membro do xurado daquel Premio da Crítica española, -sección narrativa en galego-, dixérame que non había outra novela"

Tampouco hai case entrevistas con vostede. Ou non se atopan en internet.

Poucas hai. Houbo unha época, nos 80 como dicías ti antes, en que a miña obra aparecía nos libros de texto. Despois foi desaparecendo dos libros. Sentinme ninguneado, como sigo agora. Pero mellor non falar tanto diso.

“Houbo unha época en que a miña obra aparecía nos libros de texto. Despois foi desaparecendo”

Nunha entrevista con vostede en El País falaban de que se cadra a súa obra primeira podía encadrarse na nova narrativa galega… Identifícase dalgunha maneira con algunha corrente? Aínda que xa non se leve tanto falar de xeracións e movementos.

Nesa entrevista que citas, o xornalista escribira, si, que eu puxera remate á nova narrativa galega…  Eu traballei moitos anos como profesor de lingua e literatura galega e cando explicaba literatura de finais do século XX e primeiros do XXI as pautas de agrupamento que utilizaba eran, para a poesía, por cidades, e para a novela, por temas. Mais, se preguntas por iso, direiche que me identifico con Manoel Riveiro Loureiro e con Xosé Manuel Martínez Oca. Porque eramos amigos. E digo eramos porque Riveiro Loureiro faleceu. E, mira, Oca tamén ten problemas para publicar. Será casualidade…

“Identifícome con Manoel Riveiro Loureiro e con Xosé Manuel Martínez Oca. Por amizade”

O “sistema literario galego” é complicado. Tamén, se cadra, tanto repetir a palabra sistema, -que non digo que non poida ser útil para a análise filolóxica- pode crear falsas expectativas. Porque aquí pouco máis hai que xente que escribe.

Sobre iso podo contar unha anécdota. Unha persoa que coñezo púxose a xogar en internet buscando “sistema literario” en varios idiomas. Chegou á sorprendente conclusión de que aparecía en páxinas en galego máis do duplo que en todos os outros idiomas que consultou xuntos. Non sei se repetindo o xogo agora o resultado sería o mesmo.

O termo non é un invento galego, vén dos formalistas rusos, mais alguén aferrouse a el e despois prosperou dentro da crítica. A min que se fale de literatura galega paréceme ben, e literatura son os escritores, os críticos, os tradutores, correctores… Pero xa ir moito máis alá…

Nos seus libros tamén está a política. Dicía nesa mesma entrevista en El País que vostede era nacionalista e universalista. E citaba a Reimundo Patiño.

Os meus libros miran Galicia, e miran Galicia desde o mundo. Eu adoro Galicia pero non creo que haxa que facer comparacións desprezando a ninguén. Son universalista, si. Non son localista no sentido de cidade nin no de territorio… Son nacionalista. Pero no relativo á relación de Galicia con España, creo que o que xerou o conflito foi o nacionalismo español.

“O nacionalismo madrileño sempre me repugnou e segue a repugnarme”

Se houbese unha España tolerante, que integrase realmente as diferenzas, o problema sería ben diverso. Mais a realidade é que o nacionalismo español é excluente, chauvinista… O nacionalismo madrileño, suprema materialización do nacionalismo chauvinista español, sempre me repugnou e segue a repugnarme.

Nacho Taibo Dominio Público Foto: Inés Lobato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.