30 anos. Que Chévere!

Presentacións das actividades do 30 aniversario de Chévere © Chévere

Como pasa o tempo! 27 anos de Río Bravo, 23 de Annus Horribilis, 24 dende a primeira Ultranoite, 25 dende a inauguración da Sala Nasa. Chévere está a celebrar o seu 30 aniversario. 30 anos nos que a compañía fundada en 1987 por Miguel de Lira, John Eastham, Vicente Mohedano Mira e Xesús Ron puxo en escena máis dunha vintena de obras, acadando recoñecementos tan importantes coma o Premio Nacional de Teatro (2014), ademais dun gran número de galardóns nos María Casares.

Como parte da conmemoración, Chévere ofrecerá durante o mes de xullo en Compostela funcións especiais dalgunha das obras máis significativas das súa tres décadas de historia, como Rio Bravo, Annus Horribilis ou a Ultranoite no País dos Ananos, grazas a unha coprodución entre a compañía e o Concello. As entradas para as funcións de Santiago están xa á venda e pódense adquirir na billeteira do Teatro Principal e en liña a través de Abanca nesta ligazón.

Ron destacou que os espectáculos son “un agasallo para o público” e salientou a importancia de celebrar este aniversario en Compostela porque “é difícil entender Chévere sen esta cidade”

Durante a presentación das actividades, Xesús Ron, comandante de Chévere e membro fundador da compañía, destacou que os espectáculos son “un agasallo para o público” e salientou a importancia de celebrar este aniversario en Compostela porque “é difícil entender Chévere sen esta cidade”. Ron fixo así mesmo un chamamento ás xeracións máis novas para que "non deixen de facer cultura en galego", e asegurou que a compañía vai “envellecer facendo o que sabemos facer no escenario”. Pola súa banda, Martiño Noriega afirmou que “a cidade tiña unha débeda con Chévere, e era preciso marcar ese retorno”. Así mesmo referiuse á “posición de honestidade intelectual” e “dignidade” da compañía e asegurou que para Santiago será  “un pracer reencontrarse” con ela.

Noriega: “A cidade tiña unha débeda con Chévere, e era preciso marcar ese retorno”

Con estas tres obras, destaca a compañía, búscase "ofrecer unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil". "As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras", engaden. Como extensión dos actos de celebración, a Mostra internacional de teatro cómico e festivo de Cangas acollerá unha función de Río Bravo o día 1 de xullo, mentres que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavía programará Annus Horribilis o día 16. Este espectáculo estará tamén presente no Tom de Festa de Tondela (Portugal) o 15 de xullo.

 

As obras

  • Río Bravo (Teatro Principal, do 4 ao 9 de xullo, 21 horas, 15€). A obra, o cuarto espectáculo de Chévere, estreouse en 1990 no Teatro Principal. Río Bravo superou todas as expectativas, chegou a públicos de todas as idades, de aldeas, vilas e cidades, de Galicia, do resto da Península e mesmo Brasil. En tres anos acadou as 180 funcións e os 25.000 espectadores. Un fenómeno teatral que se repetiu en 2002, cando se fixo un remake para celebrar o 15 aniversario de Chévere, que foi estreado na Sala Nasa cun equipo renovado. Trátase dun musical trepidante que esgota os estereotipos do western ríndose de todos eles. O lugar onde Chévere se atopou consigo mesmo e iniciou a marcha lenta e implacable cara á busca da súa identidade.
  • Annus Horribilis (Auditorio de Galicia, do 12 ao 14 de xullo, 21 horas, 15€). Annus Horríbilis é unha ópera, unha pequena ópera portátil creada e estreada en 1994 no teatro máis underground da cidade, pero con vocación de chegar aos máis grandes auditorios. Annus percorreu España e Portugal en versión orixinal e permitiu traer a Santiago desde Barcelona varias edicións do Festival de Ópera de Peto, o máis pequeno do mundo. E en Barcelona Annus Horríbilis gañou o Premio da Crítica ao Mellor Musical da temporada 95-96.
  • Ultranoite no País dos Ananos (Praza da Quintana, 19 de xullo, 22.30 horas, entrada de balde recollendo invitación). A Ultranoite no País dos Ananos é un musical atípico, ofrece unha visión moi crítica da Galicia oficial a través dun humor corrosivo e unhas cancións que non deixan lugar á esperanza, pero que teñen un lirismo, unha beleza e unha contundencia expresiva unanimemente aclamadas polo público e a crítica.

 

Xesús Ron e Martiño Noriega, na presentación das actividades © Chévere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.