Espazo Lectura suspende a súa relación co Concello de Gondomar

Unha das actividades de Espazo Lectura © Espazo Lectura

Espazo Lectura vén de acordar a suspensión definitiva de todas as actividades que viña realizando na Biblioteca Municipal de Gondomar e renuncia, igualmente, á reserva de crédito de 5.000 euros que o Concello destinaba a pagar as actuacións e visitas dos escritores e escritoras contratados pola asociación para levar a cabo a programación da biblioteca. A entidade de fomento da lectura (sobre todo entre nenos e nenas, mais non só) paralizou en marzo a súa programación na biblioteca municipal como denuncia ante a situación de abandono que este centro sufría por parte do Goberno local.

Dous meses despois as circunstancias seguen sendo as mesmas e a pesar de que o pleno municipal instou o alcalde (cos votos de Manifesto Miñor, PP, CABE e Iniciativa por Gondomar) a recperar o diálogo coa asociación, isto non se produciu. A entidade, que despois de 11 anos de actividade vizosa e pioneira converteuse en referencia en toda Galicia, denuncia a negativa do rexedor da localidade -Paco Ferreira (PSdeG-PSOE)- a "recuperar o diálogo" e sinala que manterá a súa programación nas súas instalacións e buscará novos espazos. Mantén así mesmo a súa demanda de que a vila conte cunha biblioteca municipal "digna". En abril Beatriz Núñez, Presidenta de Espazo Lectura, destacaba en conversa con Praza que "o único apoio público que necesitamos é unha biblioteca de calidade".

A decisión de suspender definitivamente as relacións co Concello foi adoptada pola Asemblea Xeral Extraordinaria de Espazo Lectura o pasado 6 de maio. Porén, acordouse tamén darlle "un prazo de cortesía ao alcalde de Gondomar para que retomase o diálogo con e cumprise o mandato no Pleno do Concello", un prazo que a entidade dá por finalizado, sen obter resposta por para do rexedor. Espazo Lectura "lamenta profundamente a negativa do alcalde a recuperar o diálogo coa asociación, a pesar de todos os esforzos realizados e de toda a presión social que se derivou desa negativa e a solidariedade mostrada pola inmensa maioría dos centros de ensino do Val Miñor".

A entidade "lamenta profundamente a negativa do alcalde a recuperar o diálogo coa asociación, a pesar de toda a presión social que se derivou desa negativa e a solidariedade mostrada pola inmensa maioría dos centros de ensino do Val Miñor"

Os problemas entre Espazo Lectura e o Concello de Gondomar comezaron xa na toma de posesión do alcalde. "Dadas as dificultades, cheas de despropósitos, que o voluntariado de Espazo Lectura foi atopando para desenvolver o seu traballo diario con normalidade, hai máis dun ano, aproveitando a renovación da Xunta Directiva da asociación, fixemos público un documento no que, xa daquela, se avisaba tanto da precariedade da biblioteca municipal como das difíciles relacións coa administración", explica a entidade. "Pero as cousas non melloraron, senón todo o contrario, chegando á actual situación", engade.

"Ata o de agora, mellor ou peor, ao longo destes case doce anos, Espazo Lectura atopou sempre espazos de convivencia e colaboración cos distintos gobernos que foron ocupando a institución municipal, así como condicións que posibilitaron o deseño dunha importante programación na Biblioteca Municipal, condicións que non se dan nestes momentos e que provocan o desánimo do seu voluntariado polo desconsiderado entorpecemento da acción de Espazo Lectura", denuncian.

A asociación explica que "o voluntariado de Espazo Lectura continuará desenvolvendo con normalidade o seu labor de dinamización e fomento da lectura, especialmente na Casa da Lectura, onde a asociación creou ao longo de todos estes anos "unha biblioteca moderna e funcional aberta ao público" e onde ten a súa sede. Tamén se buscarán outros espazos alternativos que serán anunciados no seu momento". Con todo, sinala que "esta nova situación" supón a necesidade de "recalcular e redimensionar" o perfil da entidade e de "buscar novas vías de financiamento".

A asociación anuncia que continuará demandando "unha biblioteca digna para Gondomar" que poña "punto final ás graves carencias actuais

Finalmente, a asociación anuncia que continuará demandando "unha biblioteca digna para Gondomar" que poña "punto final ás graves carencias actuais: inexistencia de bibliotecario/a, inexistencia de orzamento estable, mellora da accesibilidade, modernización do mobiliario, diferenciación de espazos, mellora dos fondos, catalogación, purga...". 

 

Outra das actividades realizadas na Casa da Lectura © Espazo Lectura
Xuntanza do Consello Operativo da entidade © Espazo Lectura
Proceso de rehabilitación da 'Casa da Lectura' levado a cabo por volutarios/as © Espazo Lectura
A presidenta de Espazo Lectura, Beatriz Núñez Martínez © Espazo Lectura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.