'A arte de trobar' de Santiago Lopo, Premio Xerais de Novela

Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo, gañadores dos premios © Xerais

Santiago Lopo é o gañador da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, coa obra A arte de trobar. María Canosa fíxose co XXXII Premio Merlín de Literatura Infantil con Muriel; e Manuel Lourenzo levou o IX Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Ceiba de Luz. A Illa de San Simón acolleu un ano máis a festa literaria dos galardóns, dotados cada un con 10.000 euros, nunha xornada na que Xurxo Mariño actuou como mantedor literario.

A arte de trobar impúxose a outras 41 obras presentadas ao certame, concorrendo como finalista coas novelas presentadas cos lemas Caridad Verdet e Os días felices de Benvido Seixas. O xurado destaca que o libro é "un bo artefacto literario" que "sobrancea pola plasticidade da súa escrita e que se caracteriza por un ritmo áxil e unha trama sorprendente". A novela aproxímase á novela de aventuras e ao tempo, abrangue o referente cultural dun período histórico esplendoroso para a cultura galega, o século XIII. E ese é o marco no que a lírica provenzal e a lírica galega se atopan, fanse cómplices e comparten intereses comúns que viaxan, da man dos personaxes desta poderosa novela, ao longo do Camiño de Santiago. Na obra, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galaico-portuguesas e co declive da lírica provenzal.

Santiago Lopo é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Ademais de traducir varios libros ao galego, como narrador publicou: Game Over (2006), VI Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia; Peaxes (Xerais 2009); Hora zulú (2012), XXIV Premio de novela García Barros; A Diagonal dos Tolos (2014), VIII Premio Narrativa Breve Repsol; e A voz das nereidas (2016).

 

Muriel, de María Canosa

A XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil recibiu 35 obras aspirantes ao galardón, entre as que o xurado escollera catro finalistas as presentadas baixo os lemas Leriana, Po estelarMax e Fígaro, que resultou gañadora, correspondendo a Muriel de María Canosa. O xurado destacou que "a historia que decidimos premiar é orixinal, sedutora, nela cada palabra conta, pois é esa a súa esencia, a das palabras, a das que se din e a das que se calan. É tamén un canto á imperiosa necesidade da cor".

Canosa, Enxeñeira de Camiños de profesión e escritora de corazón, afirma que "Muriel naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, expresado en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura". Engade que coa obra quixo destacar "a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores".

 

Ceiba de Luz, de Manuel Lourenzo

Un total de 19 obras presentáranse á IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Tralas deliberacións, o xurado acordou concederlle o galardón a Ceiba de Luz, de Manuel Lourenzo González, por diante das obras presentadas baixo os lemas Belinfante e NS.

O autor, gañador do García Barros en 1995 ou do Xerais de Novela en 2008, explica que "a historia de Ceiba de Luz é a dunha expedición arqueolóxica formada por dezaoito persoas, estudantes e especialistas de distintos ámbitos, que emprende unha viaxe por unha rexión inexplorada da Amazonía peruana á procura dos restos dunha primitiva cultura. Mais algúns dos seus membros teñen obxectivos propios, que van da cobiza pirata duns ao delirio místico doutros, o que converterá a viaxe, nun medio descoñecido e moitas veces inhóspito, nunha mera loita pola supervivencia". Unha novela, pois, que encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio.

O xurado destacou "a habelencia do autor ou autora no manexo dos recursos narrativos, por unha perfecta dosificación da intriga, pola viveza dos diálogos, pola evolución psicolóxica dos personaxes e tamén pola vizosidade das descricións, que espertan os sentidos das persoas lectoras e que as insiren no ambiente, por veces abafante, da selva amazónica".

 

Homenaxe a Fernández Paz

Á velada asistiron ao redor de trescentas persoas, entre as que se atopaban representantes das asociacións profesionais do sector do libro, escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto, que foi emitido en directo por Internet, foi unha homenaxe a Agustín Fernández Paz, finado hai uns meses. A tradutora Isabel Soto presentou Un mundo de palabras, onde se recollen os traballos de Fernández Paz sobre o libro e o fomento da lectura. Soto sinalou que "nesta obra cúmprese á perfección o principio de que a lectura e a escritura son as dúas caras dunha mesma moeda, e de que todo escritor, antes de selo, é un lector".

 

Humanidades e ciencias experimentais

O profesor e divulgador científico Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais, 2017), actuou como mantedor literario. No seu discurso, titulado A pedra negra, defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas: "A capacidade de asombro e a intensa potencia poética dalgúns feitos científicos son equiparables as representacións artísticas máis fondas", sinalou. "De igual xeito que é posible gozar con intensidade da música sen saber tocar un só instrumento ou sen saber como ler unha partitura, tamén é posible gozar da extrema capacidade de abraio e suxestión da ciencia sen coñecer os detalles das fórmulas matemáticas ou os experimentos de laboratorio", dixo.

Santiago Lopo, Premio Xerais © Xerais
María Canosa, Premio Merlín © Xerais
Manuel Lourenzo, Premio Jules Verne © Xerais
Os galardoados e a galardoada, na Illa de San Simón © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.