0 Gardados para despois

"Unha viaxe comeza por comprender ben o que tes preto da casa, doutro xeito non vas ter capacidade de asombro"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Entre 2013 e 2014 Xurxo Mariño, profesor da UDC especializado no funcionamento do cerebro, viaxou durante 11 meses ao redor do mundo, unha experiencia da que falamos con el naquel momento. De Cabo Verde a Namibia, da Patagonia a Alaska, de Nova Zelandia e Australia ata China e Mongolia, un cúmulo de experiencias que agora relata no libro Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais), unha das obras que inaugura a nova colección Básicos Ciencia, que a editorial presentou este martes. Básicos Ciencia arrinca, ademais, con Historia do ADN, 40 anos de revolución biotecnolóxica (Daniel Soutullo) e O universo matemático. Das ideas e das técnicas (Antón Labranha).

Mariño leva anos traballando na divulgación científica, a través de artigos e libros (Os dados do reloxeiro, Po de estrelas, Neurociencia para Julia...) e tamén de charlas e conferencias, coma as que practicamente todas as semanas ofrece en centros de ensino de toda Galicia, hoxe mesmo en Mazaricos. É por isto que este relato da súa viaxe é algo máis que iso, introducindo a cada momento explicacións científicas para distintos fenómenos físicos, xeolóxicos, astronómicos ou biolóxicos. Falamos con el sobre o libro, sobre aquela volta ao mundo e sobre a propio estado da divulgación científica en Galicia.

Estamos ante un libro de viaxes ou un libro de divulgación científica?

Realmente é as dúas cousas, unidas. Utilizo a narración da viaxe como fío para ir introducindo comentarios das cousas que imos vendo e que se poden explicar dende o punto de vista da ciencia. Por exemplo, cando chegamos ás illas de Cabo Verde, explico como se formaron. Cando chegamos ao ecuador, en Sao Tomé e Príncipe, falo de distintos fenómenos que ocorren na zona ecuatorial. No deserto do Namib, en Namibia, explico como se forman os desertos. Ademais, ao comezo de cada país introduzo algunhas pinceladas históricas e antropolóxicas dos sitios que visitamos. E, así mesmo, inclúo algunhas anécdotas da viaxe, detalles que fan máis amena a lectura.

"Utilizo a narración da viaxe como fío para ir introducindo comentarios das cousas que imos vendo e que se poden explicar dende o punto de vista da ciencia"

O coñecemento que tes de determinados fenómenos ou do contexto histórico modifica, polo tanto, a experiencia da viaxe e, en xeral, a forma de ver o mundo?

Dende logo, eu vou relatando esta viaxe mediante a interpretación que eu fago a partir da ciencia. Agora fago unha reflexión, que non está tan presente no libro pero que si realizo nas charlas que estou facendo cada semana en institutos, que é que todas as viaxes comezan sempre por coñecer o que tes preto da túa casa, porque se non, non tes capacidade de establecer relacións. Os seres humanos non temos capacidade de coñecemento absoluto, é un coñecemento por comparación, é un coñecemento relativo. Cando eu son capaz de gozar coas rochas de Namibia ou coas estrelas que hai no Hemisferio Sur é porque coñezo as rochas de Galicia e as estrelas que podemos ver dende Galicia. Para facer unha viaxe así, tes que comezar por comprender ben o que tes preto da casa, porque doutro xeito non vas ter capacidade de asombro.

"Todas as viaxes comezan sempre por coñecer o que tes preto da túa casa, porque se non, non tes capacidade de establecer relacións"

Esa capacidade de asombro e esa curiosidade que son intrínsecas ao ser humano son a base da ciencia e debemos tentar non perdelas?

Si, por suposto. Ás veces cando nos imos facendo maiores, parece que imos pechando o foco e reducindo as inquedanzas mentais. Unha cousa que vexo clarisimamente nos centros de ensino onde me atopo cos rapaces e rapazas máis pequenos. As súas cabezas son un fervedoiro, teñen moitas ideas e preguntas que despois non atopas en alumnos e alumnas da universidade. Por natureza todos somos moi curiosos, hai xente que perde un pouco esa curiosidade, mentres que outras persoas a manteñen. Eu penso que sigo sendo tan curioso como cando tiña 10 anos

Supoño que toda viaxe e toda experiencia nos cambia un chisco, achega algo novo á nosa forma de ver o mundo. Notaches que esta gran viaxe mudou algo dentro de ti ou na túa visión do planeta?

Dentro de min non notei que cambiase nada de forma especial, pero si que cambiou a miña visión do mundo, por suposto. Cando fas unha viaxe así, continuada, permíteche establecer relacións que doutro xeito non establecerías. Sorprendeume, por exemplo, que despois de Hawaii fomos a unhas illas na Polinesia Francesa que está a catro mil quilómetros de distancia, e cando chegamos alí era todo idéntico: a paisaxe, as vexetación, a poboación... A explicación é que os polinesios cando foron colonizando estas illas nas súas viaxes levaban sempre un kit de supervivencia: coco, cana de azucre, cans, porcos... Cando chegaban a unha illa nova, montaban o seu escenario, o escenario do que proviñan, o que derivou na conformación idéntica da paisaxe que temos asociada a esa rexión do mundo.

Resultoume moi interesante tamén ver o distinto efecto que tivo a colonización -sobre todo europea- nos distintos países. Ti cando chegas a Arxentina, ves un país europeo, o mesmo que Chile, porque cando os europeos chegaron alí practicamente exterminaron a todos os aborixes. E en cambio, móveste un pouco, chegas a Perú, e atopas que case a metade da poboación é indíxena. E cruzas a Brasil, e atopas un país completamente distinto, pola introdución de millóns de escravos negros. E este tipo de cambios tan bruscos tamén o atopas entre Nova Zelandia, onde mesmo os brancos senten un grande orgullo do carácter aborixe do país, e Australia, onde os aborixes seguen completamente discriminados. E viaxes un pouco ao norte e ves que en Vietnam, a pesar de que por aí pasaron españois, portugueses, franceses e norteamericanos, case non atopas restos europeos.

"Resultoume moi interesante ver o distinto efecto que tivo a colonización -sobre todo europea- nos distintos países"

Ti levas anos embarcado nunha tarefa de divulgar ciencia, a través de distintas vías e soportes. Percibes avances? Como está a situación?

A situación é moi saudable grazas sobre todo ás novas tecnoloxías, hai moitas facilidades para transmitir cousas. Agora todos podemos gravar un vídeo de algo que te chama a atención e contalo; e todos podemos montar un blog; ou a xente pode ver en youtube unha charla que deches nalgún sitio. Hai 20 anos o único que podías facer era escribir libros e dar conferencias, o mesmo que xa facía Thomas Henry Huxley no século XIX. Huxley, que foi coetáneo de Darwin, fíxose moi famoso pola súa capacidade de transmitir coñecementos con charlas.

Por outra banda, é curioso que hai unha serie de crenzas non científicas, dende o reiki á homeopatía, que seguen tendo moito seguimento. A comunicación da ciencia é moi importante por moitos motivos, pero un deles é para axudarlle á xente a que saiba diferenciar o que é ciencia e o que non o é. A xente non é culpable de que a estafen con cousas coma a homeopatía, que mesmo se vende nalgunhas farmacias. Hai que explicar nese sentido como funciona a ciencia e cales son os seus efectos, que a maior parte de nós estamos vivos porque estamos vacinados e é grazas a iso que chegamos a vellos.

"A xente non é culpable de que a estafen con cousas coma a homeopatía, que mesmo se vende nalgunhas farmacias. Hai que explicar nese sentido como funciona a ciencia e cales son os seus efectos"

Neste sentido, nos últimos tempos percíbese en moitas persoas un rexeitamento a aceptar mesmo as probas empíricas ou os datos, nunha actitude que podemos ligar a ese popular concepto de postverdade. Notas isto tamén?

Os seres humanos temos a marabillosa capacidade de ser moi complexos. E está ben que sexamos un pouco remisos a pensar que o mundo se rexe só por unha visión puramente materialista. Aínda que eu si me considero materialista, a pesar de que podo explicarlle a alguén en que consiste unha poesía. Pero é certo que hai nalgunhas persoas un certa rexeitamento a aceptar as probas, e iso debe ser consecuencia do postmodernismo filosófico de finais do século XX e desta idea que teñen algunhas persoas de que a ciencia non é a única maneira de achegarse ao coñecemento e de que é importante o que nos poden achegar algunhas visións máxicas. Pero eu creo que si podes ter unha visión puramente materialista do mundo e aínda así aceptar aquelas cousas que non comprendemos, a capacidade que temos os seres humanos de gozar cunha paisaxe ou coa poesía.

"Este tipo de libros son fundamentais para o alumnado dos colexios e institutos, que vai ver como o galego se pode empregar con naturalidade para calquera cousa e por suposto tamén para falar de ciencia"

Volvendo ao tema da divulgación científica, esta nova colección de Xerais incide ademais na necesidade de facelo en galego. É importante para normalizar a idea de que se pode facer e comunicar ciencia na nosa lingua?

Absolutamente, e máis despois das desfeitas que se teñen cometido dende a Xunta, cousas como impedirlles aos mestres de Matemáticas dar as clases en galego. É importante comunicar ciencia en galego tamén para normalizar esta cuestión, e para introducir na fala cotiá unha serie de termos científicos que en ocasións nin sabemos como temos que dicir en galego. Este tipo de libros son fundamentais para todas a idades e ámbitos, pero máis aínda para o alumnado dos colexios e institutos, que vai ver como o galego se pode empregar con naturalidade para calquera cousa e por suposto tamén para falar de ciencia. Das seis mil linguas que hai no planeta, todas teñen a capacidade de explicar o mundo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.