Unha videodenuncia da marxinación do galego no cine, premio da Academia do Audiovisual

Entrega dos premios, este martes na sede da Deputación da Coruña © Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual entregou esta mañá na Deputación da Coruña os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores e investigadoras galegas, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións.

Romero insire imaxes das películas distribuídas internacionalmente no catálogo Films from Galicia da AGADIC. E lembra que o 69% das producións son gravadas en castelán e só o 27% en galego

O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia (?), que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega e do que o xurado destacou "a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo". No vídeo, Romero insire imaxes de 32 das películas distribuídas internacionalmente no catálogo Films from Galicia da AGADIC: 21 en castelán, 9 en galego e 2 noutras linguas. E lembra que o 69% das producións son gravadas en castelán e só o 27% en galego. "Comos nos ven dende fóra? Como nos vendemos? Como nos vemos? Se de súpeto deixásemos de oír a versión orixinal en galego notaríamos a diferenza? Ou é que xa estamos acostumados a non oír a nosa voz?", pregúntase mentres vai silenciando o son dos filmes en galego inseridos na súa videocreación.

Romero recibiu, ademais, un accésit ao ensaio escrito galego con O galego no cinema galego, que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas. Neste traballo conclúe que "existe público para o cinema en galego" pois "existe unha forte concienciación social arredor da lingua, especialmente forte entre a franxa de idade que amosa un maior hábito de asistencia ao cinema, é dicir, aquela entre 15 e 29 anos". Porén, denuncia que "o Goberno galego, a través das súas políticas audiovisuais, está a levar a cabo un proceso de lavado do galego mediante un cambio na linguaxe das súas subvencións". "A lingua galega, outrora requisito indispensable para acceder a estas axudas, agora é camuflada baixo o concepto 'contido cultural galego', ou variacións deste termo, conseguindo así que, os requisitos sexan máis flexible e permitan deixar de lado o idioma", di.

Denuncia que "o Goberno galego, a través das súas políticas audiovisuais, está a levar a cabo un proceso de lavado do galego mediante un cambio na linguaxe das súas subvencións"

Remata sinalando que "desposuído de lingua propia, o cinema galego é substituído por unha cadea industrial de producións no que o que se busca é o éxito financeiro, borrando, se é preciso, lingua e identidade para converter o filme nun filme globalizado, é dicir, nun filme branco, onde as posibilidades de identificar un filme como pertencente a unha filmografía nacional sexan as menos posibles".

 

Outros premios

A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social. Cibrán Tenreiro (Oleiros) gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega, "polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento".

Noelia Álvarez (Lugo) e Nazaré Estévez (Cortegada) recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década, "que vén cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español", destacou o xurado.

O xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales

O acto de entrega contou coa participación de Margarita Ledo, en representación do xurado. Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou esta mañá Margarita Ledo, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales, unha xornalista galega que foi pioneira no Estado, ao converterse na primeira directora dun xornal diario, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo, represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.

Entrega dos premios, este martes na sede da Deputación da Coruña © Academia Galega do Audiovisual
O vídeo salienta que só o 27% das producións audiovisuais galegas son gravadas en galego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.