Tras o derrube, a desintegración, vén a reconstrución. Os muros, máis fortes, erguidos cos cascallos. Coas pezas que aínda valen. Desbotando as demais. Diso fala Entullo, o libro co que Lorena Conde gañou o Premio de Poesía Miguel González Garcés 2016. A autora era coñecida polo seu traballo no teatro, sobre todo en Matrioshka. Con este poemario, revélase coma unha poeta que fai, da imaxe, a súa mellor forma de expresión. Coa palabra xusta.
Empeza o libro cunha dedicatoria a catro mulleres, entre elas María Victoria Moreno. A escolla desas mulleres dá pistas sobre o contido do poemario...
Cando o libro estaba xa a piques de publicarse preguntáronme da Deputación, na fase de maquetación, se quería engadir algo. E si, tiña que engadir unha mención a mulleres que foran moi importantes na miña vida. Hai máis, pero no libro quixen lembrar as que xa non están comigo, por todo o que me deixaron. Por iso, que estivesen no libro era unha cuestión de xustiza. Son mulleres poderosas, exemplos de fortaleza.
"Tiña que engadir unha mención a mulleres que foran moi importantes na miña vida"
Unha cita de Beckett encabeza o primeiro poema. Logo sae outra vez, polo menos, no libro. E ti vés do teatro…
A relación entre Beckett e o libro vén de que, cando empecei a tomar as notas que despois acabaron sendo un libro, cadrou que estaba lendo moito a Beckett. Non eran obras amables, senón bastante duras, e eu mesma estaba a pasar un momento revirado, polo que me resultaba fácil recoñecerme no que estaba a ler. Por iso pensei que non estaría mal mencionar a Beckett…
Por que se chama Entullo?
Porque fala de destrución, de demolición e dos cascallos que quedan despois dela. Penso que son ciclos continuos: pasamos a vida derrubándonos e reconstruíndonos outra vez… Somos como estruturas dinámicas que se constrúen sobre a demolición de estruturas anteriores.
"Somos como estruturas dinámicas que se constrúen sobre a demolición de estruturas anteriores"
A propia estrutura do libro revela un proceso, do mal e a ferida ao alivio.
Cando recompilei as notas si que percibín un proceso, que despois reflectín con esa sorte de prólogo que leva cada parte, como as estacións no camiño.
Como tomaches a decisión de transformar as notas en libro?
Son bastante desordenada escribindo: abandono e retorno… Pero con este libro fun máis constante. Chegou un momento que vin que as notas que estaba a escribir tiñan unha estrutura, que podía darlles unha forma para que fosen publicables. Despois empecei a traballar no libro dun xeito máis dedicado.
Habitante e Corpo están por un lado e Engano polo outro. Aínda que tamén hai tensión entre Habitante e Corpo. Son case como personaxes dun relato, ou dunha obra de teatro.
Cando acabei de escribir o libro comecei a envialo a certames, paseillo a un amigo para que o lese. El xa me dixo que era un poemario un pouco teatral: con escenarios e personaxes… Era algo no que eu non reparara. Pero si, todo o mundo mo di… Hai un choque de forzas, si, entre Habitante, Corpo e Engano. Aínda que é na loita entre Habitante e Corpo onde está a esencia de todo. En función de como se xestione esa loita, decídese que vai pasar en Entullo.
É como se Corpo quixese arrastrar a Habitante e Habitante tivese que loitar contra iso para repoñerse.
Si, é unha dinámica recoñecible no contexto de procesos emocionais duros. Os procesos do corpo son os máis visibles, pero o máis importante, aínda que non se perciba, é a ferida interior, que estaba xa antes de que se notase no corpo. Habitante xa está moi deteriorada, e o estado do Corpo á e expresión física do seu proceso de derrube interior.
"Os procesos do corpo son os máis visibles, pero o máis importante, aínda que non se perciba, é a ferida interior"
Na primeira lectura, pode parecer que o libro está a falar de maltrato psicolóxico. Na segunda, que podería ser calquera proceso de derrube e recuperación da persoa, por distintas razóns: unha enfermidade, a perda…
Eu sei a historia que hai detrás, pero non é o importante. Interésanme as interpretacións que fan as distintas persoas que leron o libro. Pero si, a miña intención ten máis que ver con esa lectura que apuntas. Poderían ser diversos procesos, unha depresión por exemplo, que impliquen unha loita con un mesmo. Os estímulos externos poden ser moitos. Pero a loita crucial está dentro. Tamén ten que ver coa experiencia de vivir o corpo dun xeito contraditorio, cunha constante tensión, debido á presión á que se nos somete, sobre todo ás mulleres, respecto a como ten que ser o noso corpo.
O xurado do premio Miguel González Garcés subliñou, do poemario, a construción de imaxes. Como pensaches iso? E o estilo?
Non é algo tampouco que pensase moito. Pero si é verdade que utilizo, cando escribo, unha linguaxe bastante simple. Non hai que remexer moito para entender o que quero dicir. Despois, as imaxes sáenme sen pensalo moito, supoño que tamén pola influencia do teatro. Estou afeita a traballar as ideas a partir da imaxe, a traducir as ideas a imaxes. Cando escribo teatro procuro utilizar as palabras xustas. A imaxe ten que ser moi directa, ten que falarme moi directamente.
"Estou afeita a traballar as ideas a partir da imaxe, a traducir as ideas a imaxes"
A voz poética fálalles a outras Habitantes, pasadas e futuras. E quere darlles forza, ánimo. Porque van bater con máis Enganos e teñen que saber reaccionar.
Na vida vamos cambiando de gustos, de amigos, de ambientes… Hai traballos que fixen hai 10 anos nos que non me recoñezo moito porque eu xa non a mesma persoa que hai 10 anos. Somos o que fomos, as nosas habitantes pasadas, e o que seremos, as nosas habitantes futuras. O que lles pasou ás nosas habitantes pasadas serve como experiencia para as que veñan despois. Como dicía o meu avó, que quen lle dera ter 30 anos co que sabía. A experiencia é un valor, e sobre todo a experiencia compartida, colectiva, a sororidade, a experiencia de todas as mulleres xuntas é algo moi importante a preservar e potenciar.
"A sororidade, a experiencia de todas as mulleres xuntas é algo moi importante a preservar e potenciar"
En Manawee, a primeira obra da compañía de teatro á que pertences, Matrioskha, fálase de xestionar as emocións que parecen superarnos… O texto é teu, e ten algunha conexión quizais con Entullo nese sentido, aínda que o ton sexa totalmente diferente.
Pode haber algunha conexión, si. Entull’ é o meu primeiro libro. O resto das cousas que escribín son textos de teatro. Non é algo do que fose consciente pero, si, repasando os textos que escribo, si que me decato de que falo duns temas que, tomados de xeito global, son os mesmos, aínda que os obxectivos sexan distintos. É unha conclusión á que cheguei hai pouco, aínda que noutro momento podo pensar outra cousa. En calquera caso, eu sempre tento ser honesta e directa, e iso lévame, como falabamos antes, á imaxe… Resúltame máis fácil expresarme dese xeito máis indirecto, a través da imaxe… E é lóxico que, partindo do mesmo sitio, saian textos con conexións entre eles.
A imaxe, por certo, estaba moi presente na primeira obra de Matrioskha, C’est la vie, que se presentaba como unha reflexión sobre o tempo.
Si, pero nese caso foi sobre todo polo traballo de Marta Pazos como directora. Penso que estivo moi acertada. E eu penso que, si, que o exceso de palabra enturba o que se quere dicir.
A compañía Matrioskha foi creada por ti e por Anabell Gago. Para facer, di a vosa web, pezas contemporáneas, valentes, fermosas, imaxinativas, poéticas, lúdicas e directas.
Anabell e eu coincidiramos xa antes noutros espectáculos antes de crear Matrioskha. Xa falaramos, moito antes, de iniciar un proxecto xuntas, pero foron cruzándose polo medio outras cousas. Cadrou cunha época na que no teatro galego había traballo. Pero despois pasaron os bos tempos e veu a crise, e como as dúas estabamos sen moitas expectativas de traballo nese momento, foi a oportunidade para fundar Matrioskha. Como un triángulo é sempre máis estable, incorporouse despois Chelo do Rejo, co cal quedounos un triángulo perfecto.
O humor está bastante presente no traballo de Matrioskha.
A min paréceme imprescindible. Cando falamos de cousas densas, fondas, do que nos remove por dentro, precisamos do humor. Porque a vida tamén é saír da casa facer a compra e perder o bus… Non é todo profundo… Por gordo que sexa o que che pasa, o humor axuda a ter perspectiva e velocidade de reacción.
Formas parte de A Sega, que acaba de ser premiada na Gala do Libro Galego.
Si, desde hai pouco. Coñecín a Eli Ríos na entrega dos premios Torrente Ballester, conectamos moi ben, falou coas outras… e pouco despois entrei. Son a que leva menos tempo.
Antes de en Matrioskha traballaras en varias compañías.
Son bastantes, si. A única profesional, ademais de Matrioskha, é Berrobambán. Despois, estiven en varias compañías de teatro universitario. Do 2008 a 2014 dirixín Enlata Teatro, que fora impulsada pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.
Ti mesma comezaras no teatro universitario?
Si. Eu tiña claro que quería ser actriz, pero daquela aínda non existía a escola de Vigo e eu non quería marchar. Por iso, ao final, matriculeime en Filoloxía. Alí había moitos grupos de teatro. Empecei en Captatio Benevolentiae, e a partir de aí sempre fixen teatro. Con Enlata estiven varios anos e foi unha experiencia moi boa, o que pasa é que chegou un momento no que xa non había universitarios, entón xa non tiña sentido. Foi esmorecendo, pero como tiñamos un grupo de xente moi cohesionado, formamos outra compañía, que foi coma unha rama de Enlata, que chamamos Farrapo.
"Temos as dificultades que ten sempre o teatro universitario, que é que hai que poñerlle moito empeño, moita enerxía…"
Temos as dificultades que ten sempre o teatro universitario, que é que hai que poñerlle moito empeño, moita enerxía… Nós tivemos sorte co local de ensaio porque nos acolleron no centro sociocultural do Castiñeiriño, así que a dificultade ben máis de cadrar horarios para atopar cando ensaiar xuntos… Temos en cartel Frío, un espectáculo de máscara, sen texto, que nos está a ir ben. Gañamos catro premios no Festival Cale-se, en Vilanova de Gaia, Portugal.
O teatro universitario semella estar bastante vivo, polo menos polas mostras…
Si. Á marxe da actividade que xorde da ESAD, a min sorprendeume, cando cheguei a Santiago no 98, a vitalidade que tiña o teatro universitario. Había como 15 compañías que participaban na Mostra. Penso que o número non debeu baixar…
En que consistiu o proxecto de creación Ad Hoc?
Tiñamos un espazo cedido no centro sociocultural de Santa Marta para facer microespectáculos sobre un tema que iamos decidindo. Primeiro foi sobre convivencia lingüística e despois sobre violencia obstétrica. A intención era ir habitando os espazos do centro sociocultural… Foi unha boa experiencia tamén.
Tedes aínda en cartel Manawee?
Si, e tamén C’est la vie. Estamos a pensar no seguinte proxecto, pero a situación é complicada.
Mellor o teatro universitario ou o profesional?
O universitario é unha experiencia fantástica no sentido de que podes arriscar máis. Non tes medios pero tampouco tes un investimento que perder. É unha oportunidade para arriscar, errar e aprender. Agora, cando traballo, hai moitas cousas que sei de onde viñeron, como as aprendín… Polo demais, a dificultade vén de ter que ser unha empresa. Ningunha de nós ten ese espírito empresarial, polo que é ás veces moi duro, porque tes que dedicar moito tempo a iso, en lugar de facer traballo creativo. Pero, todo o demais, encántame.
O libro leva ilustracións. Teñen algo chinés…
Pois fíxenas eu. Tiña uns bosquexos que tiven que limpar e pulir porque non eran publicables. Refíxenos e ordeneinos.