Catro homes e unha muller, candidatos ás Letras 2018

Fachada da Real Academia Galega © CCG

O Pleno da Real Academia Galega reunirase o vndeiro sábado, 17 de xuño, para escoller o autor ou autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018. As candidaturas presentadas foron cinco: Ricardo Carvalho Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas, Eusebio Lorenzo Baleirón e María Victoria Moreno.

A normativa interna da RAG establece que a persoa homenaxeada debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". É ademais requisito indispensable que pasaran dez anos desde a súa morte e estar avalado ou avalada por cando menos tres membros da Academia. Dende 2013 modificouse o procedemento, comezando un sistema de presentacións de candidaturas con avais e envío previo de documentación sobre a persoa proposta.

Entre os cinco candidatos só hai unha muller, María Victoria Moreno. Nas últimas semanas iniciouse unha campaña para que a figura escollida para o 2018 fose unha autora, lembrando que nos 55 anos de historia das Letras Galegas só tres mulleres foron recoñecidas, fronte a 52 homes. De feito, nos últimos dez anos só en dúas ocasións unha muller -Xela Arias- foi candidata ou chegou ás roldas finais de votacións.

 

Candidaturas presentadas nos últimos anos

  Autor homenaxeado Outros candidatos e candidatas
2009 Ramón Piñeiro Ricardo Carvalho Calero (finalista)
2010 Uxío Novoneira Ricardo Carvalho Calero (finalista)
2011 Lois Pereiro Xosé Filgueira Valverde (finalista)
2012 Valentín Paz Andrade Xosé Filgueira Valverde (finalista)
2013 Roberto Vidal Bolaño Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares, Ben-Cho-Shey, Antonio Fernández Morales
2014 Xosé María Díaz Castro Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero e Fiz Vergara Vilariño
2015 Xosé Filgueira Valverde Ricardo Carvalho Calero, Xela Arias, Manuel María e Celestino Fernández de la Vega
2016 Manuel María Xela Arias e Ricardo Carvalho Calero
2017 Carlos Casares Plácido Castro, Antonio Fernández Morales e Ricardo Carvalho Calero
2018 ? Ricardo Carvalho Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas, Eusebio Lorenzo Baleirón e María Victoria Moreno

 

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.