As Letras do 2018 para María Victoria Moreno, a profesora que viaxou cara ao galego

María Victoria Moreno, nunha imaxe da Editorial Galaxia cedida á RAG © Galaxia - RAG

María Victoria Moreno non naceu en Galicia nin tivo o galego como lingua materna. Pero viaxou cara a Galicia e cara ao galego, habitouno e convidou á súa viaxe a incontables mozas e mozos. A Real Academia Galega decidiu este sábado que o nome da autora da inesquecible Anagnórise se una á reducidísima lista de mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, ata agora só conformada por Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), e María Mariño (2007).

A escritora á que se lle dedicará o 17 de maio do 2018 chegou a Galicia moi nova, con menos de 30 anos. Non viña da súa Extremadura natal, porque xa pasara por Barcelona e mais por Madrid, onde estudou Filoloxía Románica. A principios dos escuros anos 60 comezou a dar clase en Pontevedra, a que tras breves estadías en Lugo e Vilalonga tornaría na súa cidade e onde o seu nome ficaría ligado para sempre á historia de dous centros educativos, os institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, ao que cedeu a súa enorme biblioteca persoal.

A autora optou por Galicia e a súa lingua. Elixiunas. E mantivo con elas "unha historia de amor", afirmaba

María Victoria Moreno foi alumna de galego e ensinante, despois, mesmo cando o ensino da lingua propia de Galicia aínda estaba fóra da lei. Fíxoo, por exemplo, na Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, en Vilagarcía ou no Ateneo de Ourense. Nos últimos meses do franquismo, lembra a Academia, a Policía chegou a retirarlle o pasaporte por colaborar coa "subversiva" institución ourensá. Pero o seu co galego era "simplemente, unha historia de amor", declarou en 1993. Optou por Galicia e a súa lingua. Elixiunas.

María Victoria Moreno, nunha imaxe cedida á RAG por Galaxia

A RAG dedica o Día das Letras a unha muller por cuarta vez na súa historia

O seu traballo literario foi tamén esencial para entrar en contacto co idioma para varias xeracións de estudantes do país. Anagnórise (1988) é a referencia masiva cunha vintena de edicións, pero xunto a ela están Leonardo e os fontaneiros (1985), a súa preferida, ou Guedellas de seda e liño (1999). A autora contactou coa infancia e a mocidade dende a ficción, pero tamén dende os libros de texto. Foi coautora dalgúns dos primeiros manuais de literatura galega para BUP e COU, ademais de formar profesorado nesa mesma materia.

Alén da literatura infantil e xuvenil tamén é peza esencial para entender a autora o seu derradeiro traballo, Diario da luz e da sombra (2005), un sereo ensaio ao fío do cancro de mama que rematou coa súa vida. O seu traballo estendeuse, asemade, á tradución, á antoloxía poética e mesmo á edición como codirectora da colección infantil Árbore, de Galaxia.

 

María Victoria Moreno © Consello da Cultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.