0 Gardados para despois

Isidro Novo: "Hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Nin o polticamente correcto nin os centros da visibilidade da literatura galega -se é que existen- casan con Isidro Novo. O autor, que vén de publicar 'CO2' en Positivas e 'O tabú na Traslenda' en Urco, segue a explorar, dunha banda, os xéneros populares na narrativa -se é, tamén, que os hai-, e por outra banda unha literatura máis "gasosa", como el di, na poesía. Defende a volta á aldea. Pero non á de antes. E unha vida máis auténtica. Na que fique espazo para a maxia.

O personaxe de ‘O tabú na Traslenda’ é un represaliado da guerra civil… Mais o que nos contas non vai moito por aí.

É un útil, nada máis. En realidade, é unha novela coral que fala doutras cousas, coma os milagres. Porque, quen sabe se existen ou non? Tamén hai unha Moura, pero é atípica. En realidade, o tema de fondo é a aldea e o seu futuro. Se cadra, a aldea ten que ser outra: con outros cultivos, quizais sen gandería…

En que sentido é atípica a Moura? Non é unha femia resignada e submisa. É unha conselleira activa a asisada.

A Moura non está a esperar a que a descencanten. É ela quen encanta o amado, que se deixa encantar, para levalo ao seu mundo de seres sobrenaturais. Convértese na conselleira da aldea. Os veciños, de cara a fóra, renegan da maxia, din que son contos. Pero cren nela porque ven o seu efecto. Propicia que na aldea se manteña a mesma poboación desde o ano 1900… É unha muller axudadora, que tamén ten xenio cando a xente non fai o que debe facer.

O libro manifesta optimismo de cara ao futuro do rural galego, salienta a editora. Por que?

Aparece a Galicia futura, si. Eu son optimista no sentido de que penso que hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós. Agora hai xente moi preparada, que foi á Universidade e que pode crear proxectos moi interesantes, aos que ademais agora con internet é moito máis doado dar visibilidade. A novela sitúase no presente, pero tamén leva ao pasado, ao tempo da guerra, e ao futuro. Respecto do futuro, podería servir de imaxe a historia do carteirista que se reconverte en mago. Galiza ten que reencontrarse, sobre todo no rural. A miña visión é optimista, pero tampouco presento unha Galicia rural idealizada. Penso que temos que volver á aldea porque a vida na cidade rebenta, vai a menos e ten que ir a menos.

"Galiza ten que reencontrarse, sobre todo no rural"

 

Na novela, a xente de clase alta renega do máxico. Ese clásico de facer discursos racionais e despois ir ao curandeiro…

Eu penso que o racionalismo fixo moito dano. Todo ten que estar racionalizado. Perdemos o instinto, a intuición… que eu penso que son máis doados de recuperar no rural, porque se vive en contacto coa natureza. A xente de certa posición social nega a importancia do máxico, pero de boca para fóra, porque ve os resultados. Vai unha persoa cun vulto que os médicos non puideron quitarlle, e quítanllo. Algo pasou. Será un truco ou o que sexa, pero o problema desaparece. Eu si creo en cousas que moita xente di que non existen. Estamos moi atribulados pola razón.

"Todo ten que estar racionalizado. Perdemos o instinto, a intuición…"

 

O máxico está bastante presente no que escribes. Pero se cadra non tanto pola influencia da tradición do marabilloso na literatura galega escrita, senón da tradición oral popular…

Eu son o resultado dun collage. Fixen novela erótica, de terror, de vaqueiros… Un pouco de todo, e non me pregunto de onde vén cada cousa. O importante desta nova novela é que o pasei moi ben escribíndoa. Por iso acabo agradecido de tela escrito. Xa me compensou só por iso. En Urco dixeron que era realismo máxico, e pode entenderse así. Pero antes fixen moitas outras cousas: unha novela de ciencia-ficción, unha sobre malos tratos, outra infantil… Teño moita querenza polo relato curto tamén. Aínda que me sinto, sobre todo, poeta. De poesía chega con publicar menos, porque é máis fácil repetirse… Na narrativa sempre podes disparar por outro sitio. É máis complicada a poesía, que é máis onde innovar.

Mais si que tes falado do teu vínculo coa oralidade, da relación con Antonio Reigosa… Participas moito nas polafías.

Si, claro. Reigosa, o impulsor de Galicia Encantada, é un experto en literatura oral e un dinamizador moi bo. Claro que me influíu. Pero hai tamén outras cousas na miña literatura, dun mundo global e cambiante. Nas polafías recito, si. Se temos xente do lugar, recitamos poemas do lugar. A polafía é unha proposta de Reigosa que ten uns resultados marabillosos. Teño estado tres horas de pé, porque estaba prevista para hora e media e vaise alongando… Funcionan moi ben.

Os personaxes de ‘O tabú na Traslenda’ representan tipos que se poderían atopar en calquera lugar. Alén do máxico.

Eu considérome unha persoa bastante normal e, claro, falo de xente normal, como as persoas coas que convivo. Non sabería facelo doutra maneira. Ademais do que vivo coa xente, teño imaxinación, que é o meu único patrimonio.

"A imaxinación é o meu único patrimonio"

 

Na novela ‘Un escuro rumor de silencio’ falabas de desigualdade, marxinación, clasismo… É un tema que está bastante presente na túa obra.

É unha constante porque ten que selo. Desde que se impuxo o politicamente correcto, poden facernos as maiores barbaridades sen que se note. Todo é correcto e suave, pero fódennos coma nunca. Velo na radio, na tele e na prensa. Os maiores criminais actúan con boas palabras. A xente corríxete se dis un taco, mentres se oculta o que pasa, non vaia ser que o vexamos e nos asustemos. Penso que na literatura hai que manter esa tensión, que se vexa a marxinalidade, a violencia, o que nos fai mal. Está nos meus libros porque existe.

"Desde que se impuxo o politicamente correcto, poden facernos as maiores barbaridades"

 

Hai violencia en ‘Sinistra deixa’, por exemplo.

Si, pero levada ao terror. Eu quería saber se sería quen de facer unha novela de terror que tivese como escenario o noso ámbito, aínda que logo viñese rodeado do misterio que vén doutros países. Quería tratar o misterio dun xeito que se desmarcase do medo, que fose máis alá do medo, do típico: a noite, o lobo… Era un xeito de darlle outra dimensión á soidade do rural galego. Recollendo unha tradición que viña de autores coma Ánxel Fole ou Cunqueiro, pero dándolle esa dimensión máis elevada, de terror.

‘Rosa lenta’, unha novela sobre a descuberta do sexo, ten partes que hoxe poden resultar molestas…

Enténdoo, pero é que o personaxe sitúase nunha época. É un rapaz dos anos 60. E eu falo de como era a xente daquela, de como pensaba. En Galiza si que se trata a temática erótica na literatura, pero máis ben na poesía. Na novela bastante menos. Penso que a sociedade segue a ser bastante pacata, polo menos de cara a fóra. Claro que pode incomodar, pero é que creo que niso houbo unha involución, sobre todo desde o reforzo da dereita.

"Penso que a sociedade segue a ser bastante pacata, polo menos de cara a fóra"

 

En ‘Cabalos do demo e outros invertebrados’ contas que en ‘Cabalos do demo’ hai algo da túa infancia en Viveiro… Algunha pegada diso pode haber tamén en ‘O tabú na Traslenda’.

En ‘O tabú’ é unha parroquia imaxinaria nun concello imaxinario. En ‘Cabalos de ouro’ si había recordos da infancia, pero é unha historia diferente á miña. Non é que sexa biográfico, aínda que teña detalles, vivencias miñas. A única maneira de non escribir sobre as propias vivencias é vivir illado, sen contacto co mundo exterior. E así non sería posible ser anovador. Todo se repetiría sempre.

"A única maneira de non escribir sobre as propias vivencias é vivir illado"

 

‘Súa de si’ fala tamén de violencia. De violencia machista.

E dunha muller moi forte. É unha novela á que lle teño bastante cariño. Sae nela un xornalista, Nano Cambeiro, que defende a muller… Nano, que era unha persoa moi querida por min, morreu, e a muller e a filla choraban de emoción cando souberon que o metera na novela desa maneira…

En ‘Carne de can’, no primeiro relato, como sobran parados deciden matar cinco millóns.

Nesta falsa democracia, nesta democracia de baixa calidade na que vivimos, pode pasar de todo. Levan 60.000 millóns para darllo aos bancos e non pasa nada. Son quen de matarte e aínda por enriba dicirche que están a facerche un favor. E quen paga o pato, neste relato, é un home que se dedica a traballar e á familia…

"Nesta democracia de baixa calidade na que vivimos, pode pasar de todo"

 

‘Antollos de Eimarmena’ é o outro libro de relatos que sacaches con Positivas -a túa primeira editora-.

Son historias arredor do destino. Nun dos relatos, unha persoa é vexada por outra. Despois hai un accidente e o home recibe o corazón do seu inimigo. Gústame xogar con esas cousas que, ás veces, pasan.

Fixeches bastantes cousas coma reporteiro. E traballaches en Radio Clavi. O teu xeito de escribir procura a claridade, a sinxeleza… Ten que ver co xornalismo, nese sentido.

É a miña intención ser claro, si. Na prosa, chega mellor ao lector así. A lectura de poesía é outra cousa, coma un exercicio, un ir máis alá. Na prosa tento ser o máis claro posible e entreter ao lector. O narrador ten que velo todo. O poeta ten que ver o que ninguén ve e dicilo como ninguén o dixo. O narrador ten que velo todo e contalo todo, meterte no ambiente e facer que te sintas alí… Na radio faciamos ‘Gomorritas e outras criaturas’, Anxo Rigueira, Anxo Kantina e eu. Faciamos monográficos sobre temas distintos.

"O narrador ten que velo todo. O poeta ten que ver o que ninguén ve e dicilo como ninguén o dixo"

 

Fuches viaxante, vendedor, taberneiro… E escribiches cousas moi distintas. Como guías de viños ou unha tradución dun libro de Vicetto. Ou un libro sobre o Courel.

O de Vicetto, ‘Los hidalgos de Monforte’, é unha novela preciosa. En canto á guía do bebercio lugués, é que son amante do viño, aínda que non son experto. Fixen dúas guías, contando onde poñían viño artesanal en Lugo…

Unha vez dixo Alberte Momán nunha entrevista que ti foras marxinado na literatura galega por escoller xéneros populares. Que pensas diso?

Un pouco diso puido haber, pero non me importa. Na literatura galega hai un didactismo terrible e bastante clasismo. Pero eu ando ao meu.

"Na literatura galega hai un didactismo terrible e bastante clasismo"

 

Comparando ‘CO2’ cos teus anteriores poemarios, parece que este está máis traballado, no verso e na lingua.

Se cadra está máis mastigado, pero saíu dun xeito moi fluído. Acababa un e comezaba outro. Iso non é que che veña a inspiración e escribas todo sen esforzo ningún, pero ás veces sae así. Estou satisfeito co resultado. O título é moi global. Caben moitas cousas nel. Na poesía ás veces escribo cousas moi apegadas á realidade e noutras busco máis transfundo, retranca. E retranca non é ironía. É unha vía diferente. Despois, falo de moitas cousas: a física cuántica, os mundos paralelos… Eu entendo a poesía como os estados da materia. A poesía sólida é a popular, tradicional, que sostén a cultura, pero que se cadra presenta máis habilidade verbal que calidade dos argumentos. A poesía líquida lévate máis alá. Está de moda e haina boa, pero tende a repetirse. A gasosa pode disparar por calquera lado, e é coa que me identifico.

"A retranca non é ironía. É unha vía diferente"

 

Hai moitos temas. A marxinalidade volve aparecer. Ou a verdade.

Hai unha crítica á sinceridade, porque penso que está sobrevalorada no sentido de que calquera pode dicir calquera barbaridade que lle era mellor gardar. Despois, hai cousas que poden parecer escuras, pero non é tanto así. Por exemplo, o poema ‘EA’ fala de alzheimer. A verdade é outra cousa. É necesaria, e queda tapada polo politicamente correcto.

Tes un desconto, un reconto e un contraconto. E o libro ten dúas partes, a exterior e a interior. A segunda é máis existencial. No teu primeiro poemario, ‘Dende unha nada núa’, había un movemento da crise á esperanza… Algo hai diso neste.

Si, un dos contos é sobre Europa, que tanto se queixa dos inmigrantes. Pois non ter ido roubar aos seus países. Ninguén marcha da casa porque si. No poema final, ‘Fuga’, hai un mundo paralelo no que buscar a felicidade. Como unha busca doutra dimensión na que poidamos ser felices.

De ‘Esteiro de noites falecidas’ dixeras que non quixeras ser autocompracente…

Na poesía sempre estamos a falar do mesmo: o bo, o malo, o amor… Pero temos que facelo de maneiras diferentes, e buscando outras subxectividades. Eu o que preciso, na poesía, é dispararme. Tento non repetirme, buscar perspectivas novas.

"Eu o que preciso, na poesía, é dispararme. Tento non repetirme, buscar perspectivas novas"

 

Un dos poemas fala de Galiza, directamente. Que quere dicir?

Que é un país tantas veces manipulado e levado a de onde non era que agora xa non sabe o que é. Leváronnos, como nación, a tantos sitios que non eran o noso, que non sabemos quen somos.

"Leváronnos, como nación, a tantos sitios que non eran o noso, que non sabemos quen somos"

 

Na AELG tiñas unha sección sobre palabras perdidas…

Cando escribo, a palabra non significa o mesmo que a súa etimoloxía. Significa cousas distintas, porque xogas coas imaxes. A palabra non se limita ao que pon o dicionario. Sempre me gustaron as palabras e, si, ese foi un proxecto que me encantou. Unhas 1.200 palabras das que recollemos non estaban en ningún dicionario.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.