Portugal será a cultura convidada no décimo Culturgal

Unha das edicións anteriores do Culturgal © Culturgal

O Culturgal celebrará neste 2017 a súa décima edición e farao con Portugal como cultura convidada. A cita -do 1 ao 3 de decembro- será, un ano máis, no Pazo da Cultura de Pontevedra, que xa ten máis do 50% do espazo feiral reservado. A imaxe e as liñas principais desta edición foron presentadas en Pontevedra este xoves 6 de xullo, anunciando que a feira cultural incorporará nesta edición un espazo de arte contemporánea.

O convite a Portugal supón "un intento serio de acadar relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas"

Manuel Bragado, editor e presidente de Culturgal, destacou que a Feira ten “os pés ben chantados sobre os seus alicerces e cada edición debe continuar mellorando, innovando e sorprendendo”. Con nove edicións ás costas “xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal”, apuntou Bragado, que subliñou que o evento "xa adulto" superou a súa etapa de lanzamento e consolidación e que debe afrontar agora "novos retos". “Estamos convencidos da necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes”, engadiu. Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, remarcou que a cidade anfitriona quere ser “facilitadora” da creación e produción cultural. “É unha honra chegar á decima edición e unha honra que Cultugal siga tendo a súa casa en Pontevedra”, comentou a concelleira.

Nesta edición 2017 a Feira aposta polo convite a Portugal país convidado. "Un intento serio", segundo apuntaron Bragado e o director da Feira, Xosé Aldea, "de acadar relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas". Aínda que desde o nacemento da Feira, a cultura producida no país veciño tivo presenzas puntuais no recinto e na programación, en 2017 comparecerá en Pontevedra como unha marca conxunta para institucións, empresas e creadores portugueses. Así, a cultura portuguesa visibilizarase a través de expositores, concertos e presentacións, co apoio da Secretaría de Estado da Cultura e colaboracións como a establecida coa Bienal de Arte de Vilanova da Cerveira, unha referencia artística en Portugal.

A outra gran novidade para este 2017 é a incorporación dun Espazo de Arte Contemporánea no que xa teñen confirmada a súa presenza o Museo de Pontevedra, CGAC ou Bienal de Vilanova de Cerveira

A outra gran novidade para este 2017 é a incorporación dun Espazo de Arte Contemporánea no que xa teñen confirmada a súa presenza o Museo de Pontevedra, CGAC ou Bienal de Vilanova de Cerveira. Desde 2014, co apoio da Deputación de Pontevedra, o equipo do Culturgal decidiu achegarse á arte contemporánea a través de diferentes mostras colectivas desenvolvidas na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Nelas, baixo o comisariado de Antón Sobral e Paula Cabaleiro e ao redor do libro de artista, a arquitectura ou a paisaxe, participaron boa parte dos artistas galegos, tanto consolidados como emerxentes. Encomendado aos mesmos comisarios, este espazo contará con expositores e programación propias. O obxectivo é "implicar os diferentes axentes que operan neste ámbito: artistas, galerías, estudantes, docentes, críticos, etc, para tomarlle o pulso ao campo artístico a través de intervencións, presentacións e coloquios e normalizar a visibilidade da artes e as súas dinámicas", como Culturgal actúa con outros sectores da cultura. 

 

Dez anos de Culturgal

A primeira edición de Culturgal tivo lugar en maio de 2007 en Pontevedra, impulsada fundamentalmente polos editores de Galicia. En 2008 celebrouse na Coruña. Tras un ano de ausencia, diferentes asociacións gremiais decidiron constituír a asociación Culturgal en 2010 para darlle estabilidade ao proxecto, que ese mesmo ano volveu a Pontevedra para quedar. Hoxe forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

 

Imaxe da décima edición da feira cultural © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.