Seis concertos para estrear o novo festival de blues de Lugo

Os vigueses The Soul Jacket © The Soul Jacket

O amplo menú musical do verán galego ten dende este 2017 un novo petisco de blues. Os vindeiros días 21 e 22 Lugo estrea o Blues museum, un novo festival internacional de blues que, presentado este mércores, xuntará na Praza da Soidade -na contorna do Museo Provincial da cidade da Muralla- seis artistas noutros tantos concertos e, como bóla extra, unha masterclass de balde. 

Shirley Davis & The Silverbacks

Chegan o venres, día 21, dende o Reino Unido e teñen sona en toda Europa. Á súa fronte está Shirley Davis, "considerada a diva do soul en Europa", afirman dende a organización.

The Lachy Doley Group

O segundo grupo da primeira xornada ten selo autraliano e trae consigo a Lachy Doley, o mellor organista Hammond do mundo, que xira por Europa por primeira vez. Blues "penetrante" e "hipnótico" con Doley e a súa banda: Jackie Barnes á batería e Jan Banga ao baixo.

Guadalupe Plata

A primeira xornada do novo festival remata con este grupo andaluz, que neste 2017 chega á súa primeira década con tres álbumes baixo o brazo -os tres, por certo, sen título. Os Premios da Música Independente ou o Premio Impala avalan a traxectoria dunha banda que fusionará en Lugo blues con rock, jazz ou flamenco.

Fred Wesley Generations

Os concertos celébranse na Praza da Soidade os días 21 e 22 e compleméntanse cunha masterclass o domingo 23 nos xardíns do Museo Provincial

A banda estadounidense ten á fronte a un veterano do xénero. Wesley emprende este novo proxecto tras décadas nas que compartiu música con estrelas como James Brown. Agora, o seu trombón contrasta cos sons do órgano de Leonardo Corradi e coa batería de Tony Match. Ray Charles ou Lenny Kravitz están tamén no currículo dun conxunto que promete envorcar en Lugo décadas de experiencia musical.

Ash Grunwald

Tamén vén de Australia, como The Lachy Doley Group, e chega a Lugo cun currículo de nove discos. O seu blues bebe da música de raíz e hai quen o define como "xenio da improvisación".

The Soul Jacket

A banda galega do cartel pechará a estrea do primeiro Blues museum. Country, unha fasquía que pode lembrar a Bob Dylan ou ritmos californianos conflúen en Volume III, o novo traballo discográfico co que chegan ao festival de Lugo. Este, aseguran, é "o mellor e máis ambicioso" dos seus traballos.

Os seis concertos deste novo festival, impulsado pola Deputación e o Concello de Lugo, terán o seu complemento ao día seguinte do seu remate, o domingo 23, coa devandita masterclass. Será impartida polo australiano Ash Grunwald nos xardíns do Museo Provincial e estará centrada en técnicas de composición e slide guitar. Para inscribirse de balde nesta actividade, que conta cun máximo de 50 prazas, cómpre dirixirse ao correo electrónico da área de Cultura da Deputación Lucense.

Cartel do Blues Museum de Lugo Dominio Público Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.