Chegou a “novísima” poesía galega?

Imaxe da presentación de '13. Antoloxía da poesía galega próxima' en Chan da Pólvora Dominio Público Foto: Chan da Pólvora

“Chegan os Neos”. Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos “novos creadores poéticos” galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández.

Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates

Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.

No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do “novo” na literatura. “A que nos referimos con esta cualidade?”, apuntan. “Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?”, reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que “a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura” e subliña, ademais, as “tensións e polémicas” que, de xeito cíclico, desata a “novidade ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon.

"No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos"

No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como “empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim”, -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar “a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca”, -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, “unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa”.

A web da Real Academia Galega resume, en relación con isto, o contido dun relatorio impartido recentemente sobre unha posible “nova xeración de poetas” pola escritora Chus Pato, -referente imprescindible para moitos deles-, no que esta salientou os nomes de Silvia Penas, Oriana Méndez, Francisco Cortegoso, Alba Cid, Alicia Fernández, Gonzalo Hermo, Antón Blanco e Jesús Castro, malia advertir que “hai máis” herdeiras e herdeiros “dunha tradición poética moi poderosa”.

Así, e alén das virtuais controversias, No seu despregar optou por un criterio xeral de idade, escollendo poetas “nad*s entre 1985 e 1997 que por "diferentes motivos dialogan entre si, comparten referentes, lecturas, intereses e contexto”, en confluencia con 13. Antoloxía da poesía galega próxima, -coeditada co selo madrileño Papeles Mínimos, o cal permitirá a súa distribución a nivel estatal- que considera tamén a data de nacemento, -autores e autoras que comezaron a publicar hai pouco máis dunha década-, de xeito que os máis “veteranos” naceron a comezos dos 80, cando “a denominada poesía dos oitenta estaba a dar as súas primeiras mostras”, e os máis novos nos 90.

Mais a antoloxía editada por Chan da Pólvora vai máis alá da cuestión xeracional, situando nas “mudanzas políticas producidas nos gonzos da década”, nomeadamente coa aprobación do Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, as transformacións no eido da educación que serviron de escenario á “emerxencia” das novas voces poéticas. O segundo criterio tido en conta por 13. Antoloxía da poesía galega próxima é o de que os e as poetas a escolmar tivesen polo menos un libro publicado, mentres que o terceiro foi a “calidade” da súa obra, sempre “diversa” nas súas “linguaxes” e “procedencias”.

Un texto do crítico Issac Lourido, publicado no 2008 en Galerna e despois rescatado en poesiagalega.org, mostra algunhas das dimensións que pode adquirir o debate, -moi vello-, sobre a “novidade” na creación poética galega partindo, coma 13, da maneira en que a chegada do “sistema democrático”, xunto á consecución do Estatuto e a posta en marcha da Lei de normalización lingüística e a progresiva “consagración” do capitalismo, mudaron os marcos dunha poesía que dificilmente puido “conservar” as funcións “resistentes” que tivera durante a ditadura, abrindo certas “tensións” entre as distintas liñas da creación poética.

Así, -explica este autor neste artigo, de hai xa máis de 10 anos-, ao mesmo tempo que o discurso da “normalización” da lingua e a cultura galegas no novo contexto político foi tornándose dominante, o grupo Rompente, algunhas achegas do entón xa veterano Uxío Novoneyra ou o colectivo Ronseltz representaron entón a veta máis “reivindicativa” e vangardista, fronte a iniciativas máis “apegadas” á vontade social e a outras de carácter máis “culturalista”. Lourido remarca tamén que, por certa “inercia biográfica” adoitábase unir ao grupo dos poetas dos 80 a outros autores e autoras que, aínda que iniciaran a súa carreira nos 80, desenvolveron proxectos afastados desta última corrente “esteticista”, abrindo paso á nova “xeración” poética dos 90, da que tanto se ten subliñado a mudanza producida pola escrita feita por mulleres, -con todas as críticas que xerou a tendencia a etiquetalas, precisamente, por razóns de xénero-.   

As antoloxías interviron, nas últimas décadas, en todos estes debates, aínda que, como suxire a propia Nogueira, tamén correu a tinta sobre a pertinencia de falar de “xeración” ou de “poetas” dos 80 e dos 90 e en base a que argumentos atribuírlles unha pretendida “renovación” da creación poética do país. Malia todo e, con estas herdanzas, chégase á actualidade, de xeito que No seu despregar, -que inclúe un pequeno limiar das editoras, sen afondar nos criterios da selección, pero non contén un estudo sobre os poetas, alén dunha pequena biografía sobre cada un deles- recolle poemas de Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés. Pola súa banda, 13, -que é unha edición bilingüe galego-castelán que inclúe o estudo de Nogueira, ademais de pezas biográficas e imaxes- fai o propio con Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Berta Dávila, Lara Dopazo Ruibal, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro, Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco.

"María Xesús Nogueira considera “estéril” a procura de trazos grupais, e “moito menos xeracionais”, que cohesionen o colectivo de poetas representado en 13"

María Xesús Nogueira considera “estéril” a procura de trazos grupais, e “moito menos xeracionais”, que cohesionen o colectivo de poetas representado en 13. Máis que definir un novo “modelo” de poeta, -escribe-, trataríase de poñer de relevo algúns “trazos compartidos”, como o feito de teren estudos universitarios, -sobre todo do ámbito filolóxico-, a precariedade laboral, a familiaridade coas tecnoloxías dixitais ou, ligada á anterior, a presenza en internet, relacionada tamén cunha menor importancia da autoedición que nos períodos anteriores. Ao respecto, Nogueira salienta tamén a emerxencia de proxectos de edición alternativos coma Corsárias, Barbantesa, Apiario ou Chan da Pólvora, ou a continuidade da relevancia dos premios literarios, así como de revistas coma Dorna, Grial ou Xistral e de publicacións como a Revista das Letras do extinto xornal Galicia Hoxe.

Sen pretender ofrecer taxonomías completas de tendencias nin identificar escolas, Nogueira analiza, en liñas xerais, os “itinerarios” seguidos por estes poetas. Distingue un primeiro vieiro, o seguido polas “autoras que construíron un discurso intimista a partir da experiencia e da memoria como materia principal”, no que inscribe a Berta Dávila ou Celia Parra, no ronsel de autoras anteriores coma María Lado ou María do Cebreiro. Do lado da exploración das identidades, con alicerces na vertente de xénero (con precedentes coma María Xosé Queizán, Ana Romaní e Antón Lopo) e na da memoria comunal (con Anxo Angueira, seguindo a Méndez Ferrín), coloca a Andrea Nunes Brións -pola banda da escrita feminista- ou a Xabier Xil Xardón, que entretece a memoria comunal coa constatación da agresión da paisaxe.

A identidade, ligada ao sentimento de perda asociado ao territorio, cimenta tamén, segundo Nogueira, a obra de Jesús Castro. Un “particular exercicio de indagación da identidade” alicerzaría tamén, segundo esta autora, a obra de Samuel Solleiro, da que remarca Punk, un libro que cualifica de “deliberadamente contracanónico”. Outras voces, -engade-, “sabedoras de que a poesía non é nin autobiográfica nin necesariamente referencial, crearon universos coherentes atravesados a miúdo por fíos argumentais e sorprendentes paisaxes que van do naïf ao collage”. Nese sentido, sinala as “fórmulas e xogos verbais”  e “exercicios de experimentación” de Alicia Fernández, a poética “non referencial” de Lara Dopazo ou, na mesma senda, os “universos ficcionais” de Ismael Ramos.

Outra liña entroncaría, segundo Nogueira, con Chus Pato, Méndez Ferrín, Xabier Cordal ou Manuel Outeiriño. Sería un texto de “raíz política”, mais non encadrable no que se chamou poesía “(social)realista”. Sitúa aí a Oriana Méndez, a Gonzalo Hermo ou a Antón Blanco, antes de salientar a orixinalidade da poética de Francisco Cortegoso, desde a “densidade conceptual” e a “exquisitez léxica” do seu primeiro libro publicado, Memorial e danza, ata a forza das imaxes do segundo, Suicidas, editado por Chan da Pólvora, coma A oseira de Antón Blanco.

"A etiqueta novos resulta simplificadora demais e necesariamente transitoria"

As diferentes propostas tratan -conclúe Nogueira- un rico repertorio temático que abrangue desde os topoi universais, como o amor, o paso do tempo, a morte, até os conflitos do presente, con rexistros poéticos heteroxéneos que rexeitan o barroquismo e desconfían da propia linguaxe e da “confesionalidade” da poesía, -establecendo distancias e desenvolvendo unha dimensión ficcional-, buscando a “naturalidade, a expresión núa, o discurso magmático, o gusto conceptual”, ou a hibridación con outras formas de expresión. Mais, -resume-, nestas actitudes é onde podería residir a “novidade” destes trece autores e autoras, ben coñecedores “do substrato poético que están a pisar e para os que a etiqueta novos resulta simplificadora demais e necesariamente transitoria”. Polo menos, podería engadirse, ata que sexan reivindicados outros “novos”, malia que tampouco é excepcional que os mesmos e as mesmas “novos” estean a ser así significados durante moitos anos, tendo xa traxectorias máis ou menos consolidadas.

Chus Nogueira, nun momento da presentación de '13' Dominio Público Praza Pública
13 Dominio Público Chan da Pólvora
No seu despregar Dominio Público Apiario

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.