0 Gardados para despois

I. A memoria dos meus pasos

Carlos MeixideCarlos Meixide | @carlosmeixidefl


O acaso tróuxome de volta ao Porto e axiña lembro canto adoro esta cidade.

Ao baixar do tren en São Bento, o recendo dun lugar benquerido acólleme coa calidez dun vello amigo. Gosto entón de perderme no labirinto das súas rúas sabendo que o plano da cidade ficou gravado na memoria dos meus pasos. Os libreiros e os camareiros saúdanme coa afabilidade dun veciño; sorprenderíalles saber que nunca vivín aquí en realidade, que son apenas fregués agradecido das súas barras e dos seus estantes.

Os vellos hostais, pola súa parte, axitan na miña memoria o recordo de paixóns fuxidías que tiven que saciar algunha vez entre as sabas dos seus cuartos. Escapar da Galiza no que ten de España e cruzar o Miño para encher os sentidos doutra maneira de ser e falar que podería ter sido a nosa, era a escapada romántica preferida da miña xeración.

Foi nunha desas escapadas que vin ao Porto por primeira vez con Paula hai xa moitos anos.  Desexábaa de bastante tempo atrás, pero cometera a torpeza de non llo saber dicir máis que cando xa se acomodara nos brazos daquel seu paifoco profesor de Literatura Comparada que tamén era o meu, e que despois daquilo xuroume odio eterno...

Recordo aquela semana con Paula a mellor da miña vida. Abandonabamos o hostal cando o sol desaparecía por fin no horizonte; daquela mergullabámonos entre risas nas calellas escuras e solitarias á procura dalgunha taberna de luz morrediza en que tomarmos un viño e unhas postas de bacallau. Apertabamos a noite con tanta ansia que non saberiamos precisar que fora de nós naquelas horas, só que o amencer atopábanos felices e riseiros, e entón regresabamos exhaustos ao cuarto do hostal para descansar un bocado e volver celebrar os nosos corpos á mañá seguinte.

Namoramos tanto da cidade que, para a miña sorpresa, Paula decidiu ficar. E eu que xa imaxinara unha vida xuntos! Pero Paula era así, puro desexo, e non había maneira de persuadila de que aquilo era unha loucura. Ofreceume ficar canda ela pero eu, burro de min, non tiven coraxe abonda e, co corpo plácido e o corazón desfeito, peguei sozinho no triste comboio de volta á casa onde só me agardaba un rancoroso profesor de Literatura Comparada que me amargou a existencia un ano si e outro tamén ata esgotar as convocatorias.

Nos anos seguintes volvín ao Porto noutras moitas ocasións, con rapazas diferentes, pero ningunha coma Paula. Procuraba visitala de cada vez e saber algo da súa vida, e de cada vez a atopaba iniciando novas relacións, cambiando de casa, emprendendo negocios singulares... A pesar do volátil dos seus proxectos, a vida non parecía irlle mal de todo. Na última visita, haberá un par de anos, constatei feliz que atinxira certo acougo. Viña de montar na Ribeira un negocio de alugueiro de bicicletas que lle daba para vivir e parecía contenta nunha relación que conseguira durar máis dun ano. Para a miña sorpresa, aquela relación chamábase Filipa, unha atractiva pintora que semellaba querela dende o máis fondo. Conmoveume a harmonía daquelas dúas mulleres que gostaban de bailar xuntas, bicarse, apurar shotes de ginjinha cada noite no seu balcón aberto ao Douro da casa da travesa de Ferraz.

Un cálido bico de despedida nunha daquelas noites embriagadoras é o último recordo que conservo de Paula. Hai unha semana, mandoume unha estraña mensaxe de whatsapp: 'Venme buscar, por favor. Necesito que sexas ti' e non volvín saber dela. Por iso estou aquí, no Porto, na súa procura, pero semella que a tragou a terra talmente.

Tradución de diálogos ao portugués: Filipa Fava

ONDE VAI O RESTO DA NOVELA?

A novela emprende o camiño de Praza.gal ao libro de papel

'A memoria dos meus pasos' publicouse en Praza.gal durante todo o mes de agosto e estivo dispoñible en aberto durante uns días máis. Dende o 4 de setembro a novela de Carlos Meixide inicia unha nova vida, a do camiño de Praza ao libro de papel. O primeiro paso desta nova andaina empeza cunha campaña de micromecenado na que podes colaborar premendo aquí. Será nese libro onde reaparezan todos os capítulos da historia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.