Andrés Goteira: "Dhogs pregunta se imos quedar, como sociedade, aí sentados sen facer nada"

Fotograma da película Dominio Público Praza Pública

“DHOGS é unha longametraxe de ficción “Made in Galicia” formada por moita xente e que medra dende o rural galego. A tales efectos únense novas tecnoloxías, novas formas de traballo e un motivado equipo que o levará a cabo coa maior da dignidade posible, a iso andamos!”. Así se presenta Dhogs, a primeira película de Andrés Goteira, que vai ser o primeiro filme rodado en galego que estará no festival de Sitges. Dhogs é, ademais, mostra dun tipo de cinema bastante escaso en Galicia. Ficción, fantasía. Homenaxe aos filmes de xénero. Ás novas narrativas. E advertencia. De cara onde pode camiñar unha sociedade que permanece, tantas veces, pasiva ante a dor. 

A película estivo no Bafici, vai estar no Frighfest de Londres e en Sitges… Está a irlle ben...

Está indo ben, si. E ao mellor despois de Sitges segue por aí circulando… Hai que buscar festivais algo potentes para despois poder ir a outros que non o son tanto. Se comezas polos pequenos despois non che collen a película nos grandes… É así.

Cando concibiches a película pensabas que podería ter este percorrido?

Non. Foi xurdindo. Nun principio ía ser un traballo máis pequeno, que ía rodar en Meira (Lugo)… Pero o proxecto foi medrando pouco a pouco.

Está rodada, de feito, entre Galicia e Almería. A paisaxe inhóspita e seca de Almería reforza a historia…

Escribín a historia cando estaba en Escocia traballando nun hostel. Alí xa pensei que tería unha parte de día, no deserto, e outra de noite… Claro, nese momento non pensaba que despois non me ía ser nada fácil levalo a cabo… Para poder facelo, o que fixemos foi rodar por partes. Primeiro gravamos un teaser en Lugo, con Celso Bugallo que, despois, por diversas circunstancias, non puido facer a película con nós. Fixemos o teaser como xeito de presentación, para poder captar diñeiro… Despois fixemos a primeira parte da rodaxe: a parte escura, da noite, na Coruña, para o que tivemos os cartos do crowdfunding. Despois veunos, por fin, a axuda de Agadic, e entón puidemos rodar a parte do deserto, en Almería. Non podía ser aquí porque, claro, en Galicia desertos non hai. E si que é verdade que o feito de estar rodada nun deserto axúdalle moito á película, á historia…

Tes un reparto de luxo: ‘Morris’, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Melania Cruz, Iván Marcos, María Costas… E era a túa primeira película. Como os convenciches?

Eu nunca traballara antes con actores, ademais. Pensei que serían menos accesibles… Eu penso que aceptaron porque o guión parecíalles atractivo, porque é un tipo de cine que aquí non se fai. Eu entendo que a película é rara… Melania mesmo díxome que tivera que ler o guión dúas veces para entendelo, pero que quería facer a película. Con ‘Morris’ o mesmo: quedamos con el varias veces, e dicíanos que non tiña claro que queriamos que fixese… Pero nunca dicía que non.

"Eu penso que aceptaron porque o guión parecíalles atractivo, porque é un tipo de cine que aquí non se fai"

Ti mesmo dixeches que querías facer unha película de xénero. En realidade, lévanos a distintas referencias: o western, a roadmovie, certos filmes de terror… Xoga moito co espectador, engánao...

É que era a miña primeira película, eu non sabía que ía acabar en Sitges -por exemplo- e sentinme libre para facer o que me apetecía. O produtor, -Suso López, que somos amigos de toda a vida-, tampouco me puxo ningún problema… Eu o que pensaba é que quería facer o tipo de película que eu querería ver, como espectador. Hai distintas referencias, si, xogos co espectador… E tampouco é unha película pechada, no sentido de que o que me interesa é que o espectador complete a historia. Non quero darllo todo pensado. A historia está contada desde distintos puntos de vista e eu, como director, non me posiciono. Penso que iso correspóndelle ao espectador.

"Eu o que pensaba é que quería facer o tipo de película que eu querería ver, como espectador"

Hai uns espectadores anónimos -non lles vemos as caras- que miran unha película. Poderían representar a pasividade social ante acontecementos terribles. Ou podería ser coma un cuestionamento do propio espectador. Por que segues a mirar? Que buscas?

Podería ser o que dis, si, pero eu tampouco quero explicar o que é o público porque quero que cada persoa interprete o que lle pareza. Si está claro que sinalo moito o público, e que podemos ser nós mesmos, a nosa pasividade como sociedade e a nosa busca do morbo como público. Mais o  público é un punto clave que eu marquei. Só unha vez aplaude, como se fose dominado por alguén… Iso tamén me interesa.

A sinopse explica que a película retrata os malos nun mundo perverso de amos e escravos no que unha sociedade pasiva o permite todo… O título xoga coas palabras ‘Dogs’ e ‘Hogs’. O animal fiel -e submiso- e o animal salvaxe e porco…

Si, na película hai persoas perversas e persoas submisas. Ningún dos dous tipos debería existir, pero existe. E a ese tema acáelle moi ben o xogo de palabras do título. 

"Na película hai persoas perversas e persoas submisas. Ningún dos dous tipos debería existir, pero existe"

Falabamos antes un pouco da narrativa. Ten unha estrutura fragmentaria, con flashbacks, repeticións… Hai bastantes homenaxes aí tamén.

Hai homenaxes, claro. É a miña primeira película e aparecen moitas cousas que me gustan, si. Haberá xente que a vexa por divertirse, e xente cinéfila que recoñeza cousas… Hai distintas cousas, e que tentei foi mesturalas con coherencia. Xogo cos xéneros, pero sutilmente, tampouco é que queira seguir todas as convencións de cada xénero. Como me dicía Miguel de Lira, é unha película multicapa: hai teatro, cine…

"Como me dicía Miguel de Lira, é unha película multicapa: hai teatro, cine…"

Tamén pode haber algo de literatura. A película lévanos ao presente e, ao mesmo tempo, a un futuro que non tardaría en vir. Como unha advertencia: isto é o que pode pasar se non reaccionamos. É ficción distópica…

Por aí vai, si, tal como dis. O que pasa pode entenderse coma unha metáfora. Hai moita metáfora na película. É cine e é ficción. Non está traballado desde o realismo, pero si hai metáforas da realidade. Pero si, é un preguntarse cara onde vamos. Dhogs pregunta se imos quedar, como sociedade, aí sentados sen facer nada diante do que está a pasar. É unha película moi dura, iso tamén. Tiña que ser dura.

Dura sobre todo polo que lle pasa á personaxe de Melania. Que sobrevive, malia todo. Cunha actitude de forza, despois de sufrir moitísimo.

Iso é o que dicía ela, que o seu personaxe é unha sobrevivente, que se ergue e que mira para o horizonte e segue para adiante.

Hai un detalle un pouco tópico de xénero, -como en certas películas de terror para adolescentes-. Despois do sexo chega a cadea de violencia extrema. Estaría ben que a violencia viñese despois de, eu que sei, ir á misa, porque senón pode interpretarse coma unha sorte de castigo, de condena.

A verdade é que non pensei niso, pero tampouco era a miña intención. E si que hai estereotipos do xénero, claro.

Falando diso, o personaxe de Melania é se cadra o máis traballado. Os outros son tipos, esteotipos, case caricaturas… Pedíao a historia -non podemos espoilear- pero tamén parece unha opción.

Si, claro, porque é coma un comic, cos seus tipos. Pero eu xogo con iso, con eses tipos, para levalos a outro tipo de película, a outro contexto… Tampouco me daba conta a contar máis da historia dos personaxes porque todo é moi inmediato. Os propios actores axudaron moito niso, a crear os seus propios personaxes. Xa me dicían eles que non sabían nada dos seus personaxes: de onde viñan, quen eran… Foron máis alá do guión.

"Os propios actores axudaron moito a crear os seus propios personaxes"

Co personaxe de Melania si que parece que buscas a empatía do espectador… Non era nada fácil atoparlle o punto, supoño.

Non era fácil, non. Pero ela ten un método moi bo… É moi… non sei como dicilo. Vive moito o personaxe, é moi sensible, moi visceral… Ponse nun recuncho co guión e de repente, xa está, como se explotase. Ten unha enerxía moi especial.

Tivestes claro desde o principio que a rodaxe ía ser en galego? Digo porque vos puido complicar as cousas para movela polos festivais…

É unha película en galego e nada máis, sen dobraxe nin nada. Para os festivais mandámola con subtítulos en inglés e castelán. Ademais, é moi visual. Iso tamén pode axudar para que guste á xente nova… Os escenarios son galegos, polo que é moito mellor que estea en galego...

Ademais dos 300 investidores do micromecenado e da axuda de Agadic e da Deputación Provincial de Lugo tiveses algún patrocinio...

Si, Galipizza, da Cerveza Áncora -que se fixo para financiar a película- do concello de Meira… Fomos facendo como puidemos, aprendendo tamén a iso. Uniuse a nós PixelFilms… E estamos moi contentos. Non era fácil conseguir o diñeiro e menos cun guión así…

"Non era fácil conseguir o diñeiro e menos cun guión así…"

Falabamos antes un pouco do xeito de contar a película. Narrativamente está moi coidada. Como pensaches a estrutura? -Que ten como capítulos, con voltas adiante e atrás-.

Non son nada conformista co guión, fun dándolle voltas. O cine que me gusta a min, moitas veces, é o desestruturado, e iso tamén axuda a manter a tensión... En todo o proceso de escrita de guión vin moito cine, lin libros… e empecei a estruturar a película segundo o que a min me gustaría ver como espectador, como dicía antes. Cando escribes, na túa mente xa vas vendo como será…

"O cine que me gusta a min, moitas veces, é o desestruturado"

Falabamos antes tamén de multiperspectiva. Escenas, por exemplo, que se repiten para que as vexamos a través de distintos ollos.

Son riscos que quixen asumir. Unha escena vese desde o punto de vista do personaxe de Melania, con cámara en man, e despois ábrese moito o plano e vémola desde os ollos doutra persoa, abrindo outro camiño para a historia…

Nesa caso si se procura unha empatía co personaxe dela. Non se busca no de Miguel de Lira…

O de Miguel de Lira ten as súas ambigüidades…

Si, ben, tamén ela ten as súas dobreces, obrigada polas circunstancias.

Si, pero a idea é que sexa o espectador quen decida de que lado quere estar. O de cambiar o punto de vista tamén é unha maneira de que o espectador saia da historia, se distancie, e poida respirar, pensar, reflexionar un pouco… Ademais que xogar coa cámara é moi bonito.

"A idea é que sexa o espectador quen decida de que lado quere estar"

E ti moito no xogaras antes. Tiñas algunha curtametraxe ou algo? Estudaches Imaxe e Son…

Fixera algunha cousa en Meira, sen ningunha pretensión. Pero tiven un equipo técnico e de actores moi bo. Non sei como saíu a película, co medo que tiña eu ao principio... Eu tiña moitos planos na cabeza que despois fun eliminando porque me fun dando conta de que non facían falta. Ademais tivemos só 16 días de rodaxe, e 2 choveunos. Despois, na fase de montaxe podes facer moitas cousas. Eu estudei Son na Escola de Imaxe e Son. Eu non era de imaxe, pero tiña envexa cando vía a xente traballar coa cámara… Tamén fixen Teleco, pero non ten nada que ver.

"Os actores non son só bos actores, son xente boa. Se non fosen boa xente a cousa non iría para adiante"

Algo máis que queiras dicir?

Que tiven un equipo brutal que me axudou moitísimo. Os actores non son só bos actores, son xente boa. Se non fosen boa xente a cousa non iría para adiante. Foi un proceso duro. É unha película escura, de malos, feita por xente boíña. Teño que agradecerlle tamén moito a Suso, o produtor, que é tamén actor na película -o mozo da gasolineira- e ademais fai unha das cancións. Eu penso que Suso foi quen peor o pasou, co traballo que lle demos. Foi un caos. Pero facer unha película é sempre un caos… E eu xa dicía: eu penso que lle vai gustar a 3 espectadores de cada 10…

Melania Cruz e Carlos Blanco, nun momento do filme Dominio Público Praza Pública
Suso López, produtor e actor Dominio Público Praza Pública
Antonio Durán “Morris” é candidato ao premio á mellor interpretación masculina de reparto, ao igual que Carlos Blanco e Miguel de Lira © Dhogs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.