0 Gardados para despois

Eladio Santos: "As cancións populares xeran empatía, hai unha especie de chantaxe emocional"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Eladio y los Seres Queridos pecharán o Festival Noroeste este domingo ás 20 horas. Será no Paseo das Pontes, no marco do Mercado da Colleita, unha romaría que durante todo o día unirá a música co fomento da a sustentabilidade do medio rural, con obradoiros, degustacións, xincanas e xogos para os e as máis pequenas.

A finais do pasado ano a banda viguesa presentaba Cantares, un disco de versións pop de cancións tradicionais galegas, dende a "Fonte do araño" de Emilio Cao ata as "Camariñas" ou "A Bruxa" de Milladoiro, pasando por "Havemos de ir a Viana", "O meu país" e "Quen poidera namorala". Un álbum caseiro e autoeditado que está a ser todo un éxito de crítica e de vendas, galardoado como Mellor álbum en galego nos Premios da Música Independente. Un álbum que xa se puido escoitar no Festival de Cans ou nas Festas da Ascensión, en Compostela. Falamos con Eladio Santos sobre o concerto deste domingo (ao chegarán directamente dende o Sonorama de Burgos, onde actúan o sábado), sobre Cantares e sobre os vindeiros traballos do grupo.

Como vai ser o concerto deste domingo? Máis cancións de Cantares? Grandes éxitos?

O concerto terá dúas partes. Unha primeira dedicada a repasar todo Cantares, e unha segunda na que faremos os hit totais dos anteriores discos. E se nos dá tempo estrearemos unha canción. Pero si, en principio vai ser un concerto de Cantares, porque pola hora na que será e polo tipo de escenario [o parque do Paseo das Pontes] vai estar guai.

Estrearedes canción, dis. Haberá novo disco proximamente?

Si, estamos xa traballando moi seriamente no próximo disco, que será seguro autoeditado, e que sairá en outubro. Estamos con algunha dúbida sobre a gravación. Estamos tentando gravalo nós mesmos, pero é complicado gravar baterías na casa, e igual ao final gravamos as baterías nun estudio. Pero nós estamos sempre gravando cousas, de feito comezamos xa a gravar cancións ao día seguinte de publicar o disco anterior.

"Agora os festivais son unha cousa totalmente familiar, porque todos os hipsters teñen xa fillos"

O domingo tocades de día, nun fermoso parque, neste tipo de eventos cada vez máis habituais nos que hai moitos nenos e nenas, os fillos dos e das indies... O tipo de escenario define moito o tipo de concerto?

Si, iso sempre o digo, que agora os festivais son unha cousa totalmente familiar, porque todos os hipsters teñen xa fillos. Eu mesmo vou sempre cos meus fillos a cousas que hai polas tardes. E encántame ese ambiente, eses concertos tranquilos, de tarde. Sempre penso que canto máis cedo toquemos, os concertos teñen máis carga, nós estamos máis frescos e o público tamén, con menos cousas na cabeza. Nun anaco marchamos ao Sonorama e alí tes que facer unha cousa completamente diferente: tes que tirar todas as túas bombas atómicas, non podes facer cancións lentas, porque mesmo se escoita o ruído doutros escenarios...

Cantares está sendo un éxito de crítica, de premios, non sei se mesmo un éxito de vendas, aínda que isto hoxe se cadra non importa tanto...

É curioso o que está a pasar con Cantares. Nós nunca sacamos un disco pensando en vender, porque como ben dis hoxe o tema das vendas é máis secundario que antes, pero a verdade é que está funcionando moi ben, sobre todo tendo en conta que só se vende na web, en concertos e nalgunha tenda de Vigo. Imos xa polos 3000 discos vendidos e dos anteriores nunca pasáramos de 1.500. Pero son consciente de que o disco ten cancións moi coñecidas. Hai unha especie de chantaxe emocional: as cancións populares xeran empatía e é normal que funcionen. Foi un disco barato, ademais, un disco gravado na casa, sen baterías e cunha produción sinxela.

"Imos xa polos 3000 discos vendidos e dos anteriores nunca pasáramos de 1.500. Pero son consciente de que o disco ten cancións moi coñecidas. Hai unha especie de chantaxe emocional: as cancións populares xeran empatía e é normal que funcionen"

Estades satisfeitos, polo tanto, coa experiencia da autoedición e da autogravación?

Estamos sorprendidos polo éxito. A idea que tiñamos era que Cantares ía ser un disco anecdótico, que iamos vender 400 copias. Hai unha cousas que algunha xente chama 'maquetite', pero si que parece que as cousas gravadas de forma caseira teñen algo especial, que gardan o ambiente da habitación, os ruídos da casa, as nenas, un paxaro..., eu opto por deixar eses ruídos na gravación, aprendín a non buscar esa pulcritude absoluta, esa artificialidade, esa obsesión pola orde que teñen os discos modernos. Con todo, ao final a maior parte das decisións veñen impostas pola necesidade e non tanto por unha escolla ou por unha posición de honestidade intelectual.

"Hai moitas ganas de escoitar música en galego, tanto en Galicia como fóra. Estamos aínda necesitados de autorrepresentación"

Comentabas nunha entrevista que o bo da escolla de textos para Cantares era que tiñades mil anos de poesía galega para elixir. Como foi proceso e o criterio para decidir os temas?

Si, había moitísimo onde escoller. E ao final o criterio foi puramente persoal, eran cancións que me gustaban e que quedaban ben. Tamén houbo algúns temas que tentei versionar e non o conseguín. Teño por aí gravadas Negra sombra ou Milho verde e pode que algún día as saque. Esas cancións populares están cheas de poesía, canteinas con moito pracer. Aínda que eu son un castelanfalante total de Vigo, gústame moito cantar en galego: as sete vogais, unha forma especial de frasear... Paseino ben e de feito a maior parte das cancións graveinas sen ter como obxectivo publicalas nun disco. E houbo moita xente que me animou a publicalas: Nico Pastoriza, Carlangas de Novidades Carminha..., e tirei para adiante, pero tiña moitas dúbidas de como sería recibido. E a primeira tirada foi só de 250 copias.

"Cada vez hai menos fronteiras entre xéneros, todo o mundo escoita moitos tipos de música diferentes. Cando eu comezaba na música, nos 80 e nos 90, ou eras dun rollo ou eras doutro, dunha ou doutra tribo. Agora as mentes abríronse un pouco"

Con todo, dá a impresión de que en Galicia custa máis romper as fronteiras entre as cancións tradicionais e o pop. Penso, en cambio, nas fusións que si se fan en Andalucía (por exemplo Los Planetas) ou en Asturias (da man de Lucas15)...

Si, Lucas15 si que me fixo pensar moito neste tema. Pero xa antes, hai moitos anos, tiña a idea de gravar cancións populares, e lembro que o comentara con Xoel López, que tiñamos que sacar un disco de temas populares, como A Carolina. De todos os xeitos, creo que a asociación da lingua galega cuns determinados xéneros musicais está xa sendo superada e afortunadamente hai grupos que cantan en galego de todos os estilos. E hai moitas ganas de escoitar música en galego, tanto en Galicia como fóra. Estamos aínda necesitados de autorrepresentación. Quizais é certo que hai certo pudor a mesturar temas tradicionais con determinados estilos. A música pop e rock é orixinariamente anglosaxona e tamén o é a súa instrumentación. Pero cada vez hai menos fronteiras entre xéneros, todo o mundo escoita moitos tipos de música diferentes. Cando eu comezaba na música, nos 80 e nos 90, ou eras dun rollo ou eras doutro, dunha ou doutra tribo. E agora as mentes abríronse un pouco.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.