Nada en Compostela en 1931, a escritora e poeta Xohana Torres faleceu este martes en Vigo aos 85 anos de idade. Marchou unha das figuras máis relevantes das letras galegas contemporáneas da posguerra, unha voz cuxa obra abrangue poesía, ensaio, narrativa e literatura infantil. Pero que tamén foi moito máis, unha escritora que destacou no teatro, na radio, na defensa inquebrantable da lingua galega ou na reconstrución cultural do país. A súa capela ardente abre este mércores, ás 10 da mañá, no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada ás 21:30 horas.
Marcha unha das figuras máis relevantes das letras galegas contemporáneas, referencia tamén no teatro, na radio ou na reconstrución cultural do país
Criada en Ferrol, mantivo sempre contacto coas raíces da súa familia materna, no Avia, onde aprendeu o galego e a cultura popular. A esa avoa dedicoulle o seu derradeiro libro, Elexías a Lola (2016), unha versión ampliada e enriquecida da homenaxe que xa lle rendera en Estación ao mar (1980), tal e como destaca a Real Academia Galega (RAG), que expresou "o seu fondo pesar" polo pasamento da escritora e tamén académica numeraria. Esta edición inclúe un anaco de Eu tamén navegar, o discurso co que Xohana Torres ingresou na instituciónen 2001.
A autora publicou os seus primeiros versos xa na adolescencia na revista do instituto. Algúns deles, como os do poema "Soidá", formarían parte do seu primeiro libro, ao igual que "Nai", que deu a coñecer en 1953 na revista Aturuxo animada por Ricardo Carballo Calero, o seu profesor de Historia e Literatura no bacharelato. En 1955 recibiu o primeiro premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, que compartiu con Celso Emilio Ferreiro, por outro poema, "A nosa primavera: toxos", e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957), na colección de poesía Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces das letras galegas.
Como poeta, publicou tamén Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001), así como Elexía a Lola (2016). No seu intenso labor como dramaturga, destacan as súas achegas ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984).
Sendo moza participou en diversos espazos emitidos en Radio Ferrol, onde lía textos en galego e poemas de distintos autores. Máis adiante, en 1963, dirixiría en La Voz de Vigo o primeiro programa cultural radiofónico completamente en galego, "Raíz e tempo", que acadou unha notable audiencia durante anos. Así mesmo, colaborou na gravación de discos con escolmas de Castelao e Cunqueiro.
"Innovadora e enriquecedora das tendencias que marcaron a poesía galega desde os anos cincuenta"
Tal e como destacou tamén o Consello da Cultura Galega, esta "autora imprescindible na literatura galega contemporánea" achegou unha obra "escollida e esixente que se construíu orixinalísima nuns tempos complexos". "Innovadora e enriquecedora das tendencias que marcaron a poesía galega desde os anos cincuenta, ao longo das décadas foi elaborando un corpus creativo de gran solidez", di.
Numerosas persoas e institucións amosaron o seu pesar pola morte de Xohana Torres. A Deputación da Coruña anunciou que lle renderá homenaxe no Festival Rosalía que terá lugar os días 29 e 30 de setembro. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, lamentou o falecemento de quen definiu como “unha das grandes figuras da nosa literatura, unha muller cun claro compromiso na normalización lingüística e autora dunha obra dunha calidade extraordinaria tanto en poesía como en prosa ou teatro”.
O de Xohana Torres é “un dos grandes nomes da nosa literatura, unha figura querida e respectada, cunha altísima obra escrita sempre na nosa lingua, pertencente como ela era a esa xeración que se comprometeron fondamente co galego, para sacalo da escuridade e darlle a luz da súa creación”.