"Os estudantes de ciencias saen sen formación filosófica, cando é o xerme de todas as preguntas científicas"

Recollida de sinaturas. Eva Garea, primeira pola dereita © Filosofía si

Este venres comeza a campaña #FilosofíaSi, que reclama que a materia volva ser troncal para todo o alumnado de Bacharelato. Dende o venres e ata o mércores 27 a campaña Comeza o curso Chiando pola Filosofía busca implicar os centros de ensino e os e as estudantes para que publiquen nas redes sociais textos filosóficos e tuits de apoio á iniciativa. Falamos con Eva Garea, unha das docentes da comisión que impulsa a reivindicación.

"Hai dúas tendencias no mundo do ensino, un tanto esquizofrénicas. Por unha banda o tema da utilidade inmediata a nivel laboral. E pola outra, toda unha serie de mensaxes sobre a necesidade de obter persoas creativas"

Iniciastes en abril a campaña e nas últimas semanas mantivestes xuntanzas cos grupos parlamentarios, de cara a que a vosa iniciativa sexa aprobada pola cámara. Que resposta tivestes dos partidos e, en xeral, cal está a ser a reacción da xente?

Os grupos da oposición xa nos manifestaron o seu apoio dende o minuto un. O PP foi máis cauto, aínda que sentimos que o grupo parlamentario estaba con nós nesta iniciativa. Na recollida de de sinaturas que fixemos a resposta da xente sorprendeunos. Practicamente non fixo falla explicar a relevancia da Filosofía. Só tivemos que explicar que a materia estaba desaparecendo do sistema educativo, e moitas persoas non tiñan nin idea, ao non ter fillos e fillas no ensino medio. Non houbo que salientar que a Filosofía é importante para elevar a capacidade de comprensión dos rapaces, para que entendan os problemas fundamentais do mundo contemporáneo e para mellorar o nivel noutro tipo de estudos

Nos últimos anos está primando unha visión utilitarista do ensino. Recollendo ese concepto de utilidade, para que serve a Filosofía?

Hai dúas tendencias no mundo do ensino, un tanto esquizofrénicas. Por unha banda o tema da utilidade inmediata a nivel laboral. E pola outra, toda unha serie de mensaxes sobre a necesidade de obter persoas creativas, que sexan capaces de pensar globalmente, que se reciclen para distintos ámbitos laborais. Esta última parte non se cumpre se ti non tes un coñecemento amplo dos nexos entre os distintos ámbitos e coñecementos, como se retroalimentan as distintas materias. Se se perde este coñecemento xeral, posiblemente non se consiga tampouco ese outro resultado inmediato que a sociedade está reivindicando.

A materia foi pouco a pouco sendo reducida á consideración dun estudo optativo, recluída na área de humanidades... Non hai espazo para a Filosofía na ciencia?

A nós preocúpanos como docentes, pero tamén como persoas e a min persoalmente como nai, que se considere a Filosofía unicamente como unha materia de Humanidades. A Filosofía non é unha materia de Humanidades, senón que é unha materia que necesitan tamén os estudantes de ciencias. E as dúas últimas promocións de estudantes de ciencias saíron do instituto sen ningún tipo de formación filosófica, cando a Filosofía é o xerme de todas as preguntas científicas e de todas as preguntas humanísticas. É un erro reducila a unha materia optativa e especializada, para o alumnado de Letras, mentres que o alumnado de Ciencias quedan orfos de todo ese coñecemento, que os liga a toda a tradición do pensamento occidental. Por iso reivindicamos que Filosofía sexa unha materia troncal para todos os alumnos.

"Ata agora a campaña realizouse a pé de rúa, dirixíndose a toda a sociedade, porque queriamos que non se vise isto simplemente como unha reivindicación docente"

Na campaña que comeza este venres queredes implicar os centros de ensino e, sobre todo, ao alumnado, para que faga súa a reivindicación a través das redes sociais. É esta a clave?

Ata agora a campaña realizouse a pé de rúa, dirixíndose a toda a sociedade, porque queriamos que non se vise isto simplemente como unha reivindicación docente. Queríamos chega á sociedade que non ten que ver directamente co ensino e creo que o conseguimos. Agora toca o traballo cos centros de ensino, no comezo de curso, debe ser a comunidade educativa a que se manifeste. E pareceunos que as redes sociais eran un campo interesante para chegar ás novas xeracións, para que entendan que son un instrumento de transformación social.

"É verdade que chegan á Filosofía con moito medo, porque é unha materia e na que non teñen percorrido. Aí está o labor dos profesores e profesoras de Filosofía, que deben ser capaces de tratar as grandes discusións dende unha perspectiva práctica"

Como se enfrontan os alumnos e alumnas de ensino medio á Filosofía? Con medo, con interese...?

A min sorpréndenme sempre. Porque é verdade que chegan á Filosofía con moito medo, porque é unha materia e na que non teñen percorrido, á que acceden por primeira vez en 1º de Bacharelato, ou de forma optativa en 4º da ESO. A diferenza doutras materias que tamén lles poden dar medo, como Historia ou Matemáticas, pero que si estudan dende Primaria. Ten unha linguaxe moi específica, un nivel de abstracción bastante elevado e require un esforzo intelectual. Aí está o labor dos profesores e profesoras de Filosofía, que deben ser capaces de reconducir ese medo, de tratar as grandes discusións dende unha perspectiva práctica, que lles permita ter acceso. Pero na miña experiencia a resposta dos rapaces e rapazas case sempre é boa.

 

Recollida de sinaturas. Eva Garea, primeira pola dereita © Filosofía si

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.