0 Gardados para despois

"A Filosofía dálle ao alumnado ferramentas para moverse nun mundo cambiante"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A LOMCE suprimiu a materia troncal de Filosofía en 2º de Bacharelato. 11 comunidades autónomas buscaron fórmulas para que se seguise impartindo para todos os alumnos e alumnas, pero non así Galicia. Dende hai meses un grupo amplo de docentes impulsa unha campaña para que o sistema educativo galego devolva estes coñecementos a un lugar central. Hai dúas semanas presentaron no Parlamento as 8.200 sinaturas recollidas para impulsar unha iniciativa lexislativa popular neste senso e mantiveron xuntanzas con todos os grupos da cámara. Este venres 15 lanzan ademais a campaña Comeza o curso Chiando pola Filosofía na que queren implicar o alumnado e os centros de ensino para que publiquen nas redes sociais textos filosóficos e tuits de apoio á campaña.

"Somos optimistas, sobre todo cando no Pacto de Estado pola Educación se fala de incorporar a Filosofía, cando hai 11 comunidades que xa a inclúen de forma troncal no Bacharelato"

"Gustaríanos que a iniciativa fose asumida por todos os partidos, que non fose cousa dun só grupo. O PP dixo que o ían estudar, para ver as posibilidades de aplicación. Somos optimistas, sobre todo cando no Pacto de Estado pola Educación se fala de incorporar a Filosofía, cando hai 11 comunidades que xa a inclúen de forma troncal no Bacharelato", destaca Carme Adán, unha das integrantes da comisión de docentes que impulsa a campaña Filosofía Si. "De conseguirmos un apoio total do Parlamento non só suporía recuperar a materia de Filosofía en 2º de BAC, senón unha consolidación fronte a futuras ameazas", di. Nos últimos meses mesmo o Partido Popular amosou a súa preocupación pola progresiva desaparición desta ensinanza; Sandra Moneo, voceira popular de Educación no Congreso, chegou a sinalar que “non podemos permitir que ningún alumno remate o ensino obrigatorio sen ter coñecementos filosóficos”, en referencia á consideración de optativa das materias filosóficas na ESO. 

As aulas son espazos fundamentais para construír os imaxinarios sociais das persoas e as súas interpretacións respecto da realidade, xerando unha sorte de senso común que delimita as marxes do posible e do aceptable como normal.  De aí a importancia de que a programación educativa favoreza unhas determinadas visións, valores e competencias. "A LOMCE foi unha lei moi lesiva en moitos aspectos, unha lei que incorporou completamente a perspectiva neoliberal do ensino. Un ensino que non busca formar e educar globalmente a persoa, senón formar para sermos disciplinados traballadores e consumidores acríticos. Unha vez que a LOMCE a desterrou, algunhas comunidades tentaron buscar encaixes diferentes para que permanecese a Filosofía, pero non Galicia", di.

Adán sinala que "non entramos no tema de cantas horas debe dedicar a programación á Filosofía. Iso compete á administración, pero si queremos introducir no debate a cuestión de que importante é que haxa no ensino materias para pensar e reflexionar". "Estamos nun momento no que todo o mundo é consciente de que as cousas non van ben no ensino, que non todo poden ser parámetros PISA, que teñen máis unha perspectiva económica que formativa", explica. "Se queremos falar de cuestións de multiculturalidade, de rachar cos prexuízos sexistas, economicistas, de todo tipo, a formación debe ser o máis global e humana posible", engade. 

"Quérese un sistema educativo exclusivamente encamiñado cara a un mercado laboral moi teledirixido. É un erro, sobre todo tendo en conta a sociedade na que vivimos, na que todo cambia constantemente, as formas de facer, as formas de traballar"

Adán subliña o papel fundamental que a Filosofía debe xogar na formación actual dos alumnos e alumnas, máis aínda no actual contexto. "Independentemente de cal vai ser o percorrido educativo dunha persoa, vai ser moi positivo que pase por unha materia de Filosofía", di. "Quérese un sistema educativo exclusivamente encamiñado cara a un mercado laboral moi teledirixido. É un erro, sobre todo tendo en conta a sociedade na que vivimos, na que todo cambia constantemente, as formas de facer, as formas de traballar", salienta. "Moitas das cuestións que hoxe debatemos nunha sociedade tan convulsa e cambiante coma a nosa son cuestións de calado filosófico. Por exemplo, agora todo o mundo fala de postverdade, a Filosofía leva dende antigo reflexionando sobre isto. Abonda con ler o inicio de 'Sobre verdade e mentira en sentido extramoral' de Nietzsche", comenta. "A educación debe pensarse a longo prazo e debe darlle ao alumnado ferramentas para moverse nun mundo cambiante. A Filosófía é unha desas ferramentas, os alicerces sobre os que se constrúen esa educación", conclúe.

 

A campaña Filosofía Si

A campaña nas redes sociais comezará o venres 15 e chegará ata o mércores 27. A proposta é que os centros de ensino a convertan nunha actividade para realizar co alumnado, animándoo a tuitear contidos de pensamento, frases de filósofos e filósofas e outras mensaxes cos hashtags #FilosofíaSI e #ChíapolaFilosofía. O obxectivo é que a campaña se intensifique os mércores 22 e 27, para ser trending topic no Estado.

Ademais, a partir do día 25 publicaranse unha serie de vídeos baixo o título Voces pola Filosofía en Galiza e buscarase o apoio de persoas relevantes do mundo cultural e científico. Finalmente, convocarase unha Concentración-Festa diante do Parlamento o día que se debata a iniciativa lexislativa popular, que debería ser tomada en consideración ao longo do mes de outubro.

 

A materia, necesaria no contexto actual

A iniciativa presentada en abril insta o Goberno galego a "realizar as adaptacións necesarias para incluír na oferta educativa do Bacharelato a obrigatorieadade da Historia da Filosofía como materia troncal". O texto manifesta a súa preocupación pola desaparición do estudo da Filosofía, o que considera "síntoma dunha grave crise no noso sistema educativo" e considera a materia moito máis necesaria "nun contexto nada pasaxeiro de fondos cambios de todo tipo (tecnolóxicos, sociais, económicos, políticos, comportamentais, de valores) que afectan fondamente ás nosas vidas". A petición conclúe que "non hai cidadanía, no senso máis fondo do termo, sen filosofía".

"Non me resisto a que a Filosofía desapareza das aulas como se nada, como a cousa máis normal nesta burocratización da formación que soportamos", escribía hai uns meses Carme Adán

"Non me resisto a que a Filosofía desapareza das aulas como se nada, como a cousa máis normal nesta burocratización da formación que soportamos. De aí, que non atopo nada máis revolucionario que reivindicar o dereito a ter tempo para pensar", escribía en Praza hai uns meses a propia Carme Adán. Dende o campo docente son moitas as voces que levan anos reclamando a recuperación dun papel central para estas materias. "A historia da filosofía é imprescindible, entre outros aspectos, para coñecer e valorar a propia constitución da cultura e a ciencia occidentais, e para apreciar os valores filosóficos, éticos e estéticos que definen o ser humano", subliñaba Juan Carlos Fernández Naveiro, profesor-titor de Filosofía e Antropoloxía no Centro Asociado da UNED en Lugo, que noutro texto facía fincapé na especial importancia que cobra a Filosofía no tempo presente: "Tempo é, desde logo, para tentarse o corpo á procura dos sinais dun shock cidadán do que non se da atopado saída, pero sendo conscientes de que en último termo a defensa das democracias son os cidadáns interesados pola cousa pública".

"Se renunciamos a unha escola que forme no humanismo (...) acabará por espertar o monstro que nos encamiña á barbarie", alerta Xabier P. Docampo

Tamén Brais Arribas, profesor de ensino secundario, salientaba recentemente que "Non parece que o Goberno actual teña moita lexitimidade para suxerir que para loitar contra o machismo hai que incidir nos aspectos educativos, cando marxina á única materia que ten como fin específico promover o ensino das virtudes cidadás básicas", reclamando o papel da materia de Ética no sistema educativo. E Xabier Docampo vén de afirmar -nun texto publicado este mesmo mércores- que "se renunciamos a unha escola que forme no humanismo, na capacidade do individuo de interrogarse sobre si mesmo e sobre o mellor xeito de vivir en relación harmónica cos seus semellantes, daquela a alternativa que nos ofrecen non é só a dun camiño que nos levará á ignorancia, algo temíbel, pero remediábel, senón a dunha institución escolar que acabará por espertar o monstro que leva dentro, aquel que nos encamiña á barbarie".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.