0 Gardados para despois

Carme Adán

Pensar… Ese pracer esquecido

Acostumadas como estamos a celebrar algo cada día, este dezasete de novembro tócalle á Filosofía. Esa disciplina arrinconada polas diferentes reformas educativas até ter unha carga horaria case inexistente no currículum escolar. Ese saber confinado en facultades cada vez máis pequenas, tan diminutas como a nosa capacidade crítica nun mundo que fai do banal o seu maior logro.

A Filosofía, esa que defenden os manifestos do inútil. Esa que aborrecen os sacerdotes do pragmatismo. Ás veces confundida coa teoloxía ou malinterpretada polas disciplinas que en tempos recentes conseguiron a súa independencia epsitémica e se senten maiores de idade por denominarse ciencias sociais,  a Filosofía  segue o seu lento e agónico camiño cara compartir estantería cos libros de autoauxuda nas bibliotecas.

No entanto, erramos se cremos que a Filosofía cabe nos marcos da súa Historia, nos libros que escribiron unha lista inmensa de señores, e señoras… si tamén señoras. A Filosofía é iso que levamos dentro cada vez que nos facemos as preguntas máis simples. Sobre o que somos, o que coñecemos, o que debemos facer en público e privado, o que  agardamos, o que desexamos…. Custa recoñecer que o importante non é a resposta, o valor reside na propia formulación da pregunta, no proceso que nos leva a establecela, a mimar as palabras que nos permiten pensala.

Se hoxe celebramos que pensamos, benvida sexa a celebración. Se necesitamos un día para recoñecérmonos no humano como posuidores da capacidade de compartir a palabra, o logos, pois celebremos. Vivimos baixo o réxime do pracer do inmediato e efémero, do momento fugaz dun golpe de sorte por proxecto vital, do seguimento acrítico dos profetas da pos-posmodernidade, se cadra por iso a Filosofía non ten cabida nos centros escolares. Como alumna de ciencias que fun escoitei moitas veces se estaba tola por querer matricularme en Filosofía, seguramente o estaba. Mais como defendín hai uns meses nunha charla na Facultade de Filosofía sobre o tema do Feminicido nunca me arrepentín.

Non me resisto a que a Filosofía desapareza das aulas como se nada, como a cousa  máis normal nesta burocratización da formación que soportamos. De aí, que non atopo nada máis revolucionario que reivindicar  o dereito a ter tempo para pensar

Non me resisto a que a Filosofía desapareza das aulas como se nada, como a cousa  máis normal nesta burocratización da formación que soportamos. De aí, que non atopo nada máis revolucionario que reivindicar  o dereito a ter tempo para pensar. Pensar como ese proceso compartido que nos permite vivir en colectividade, poñer en común, camiñar na coincidencia e no disenso.

Como non me resisto a que nos extirpen o pracer de pensar cada vez gozo máis deses momentos de Filosofía que exceden aos muros das academias. Bromeo moitas veces na perruquería sobre as grandes teorías que alí trazamos entre unhas risas mañanceiras, nin é brincadeira nin frivolidade. Os espazos para o pensar compartido son tan múltiples e diversos que se hoxe celebramos algo non é que teñamos grandes tratados de ontoloxía, epistemoloxía ou ética, senón a posibilidade de deternos un instante para comprobar que pensamos, que existimos. Por obvio e simple que semelle.

Acerca de Carme Adán

Doutora en filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre os anos 1999 e 2005. En 2003 publica “Feminismo e Coñecemento”. Secretaria xeral de Igualdade (2005-2009) da Xunta e deputada do Parlamento galego polo BNG ata 2016.