0 Gardados para despois

Juan Carlos Fernández Naveiro

Contra a destitución da filosofía na Lomce

Que as tendencias da nosa sociedade non son proclives á filosofía sabémolo dende hai tempo, e que a presenza da filosofía no sistema educativo foi perdendo relevancia dende a implantación da LOGSE nos anos 90 é algo que os profesionais da filosofía coñecemos ben. O que é novo é o alcance, en cantidade e calidade, da nova agresión contra a filosofía coa que se destapou o ministro de Educación José Ignacio Wert co seu anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

De prosperar a LOMCE, de todas estas só permanecería como obrigatoria a Filosofía de 1º BAC, e a Historia da Filosofía pasaría a ser optativa só para os bacharelatos de humanidades. Ética e Educación para a Cidadanía simplemente desaparecerían como tales

Consideremos os datos: no sistema agora vixente, un profesor de Filosofía ten asignadas ata catro materias obrigatorias: Filosofía e Historia da Filosofía en BAC, e Educación para a Cidadanía e Ética na ESO. De prosperar a LOMCE, de todas estas só permanecería como obrigatoria a Filosofía de 1º BAC, e a Historia da Filosofía pasaría a ser optativa só para os bacharelatos de humanidades. Ética e Educación para a Cidadanía simplemente desaparecerían como tales. E no seu lugar, reintrodúcese unha materia de Valores éticos como alternativa á Relixión católica en todos os niveis de secundaria.

Agora o significado destes datos: sen a historia da filosofía como parte do currículo obrigatorio, o alumnado verase privado dunha aprendizaxe fundamental como ferramenta de comprensión e análise da realidade. A historia da filosofía é imprescindible, entre outros aspectos, para coñecer e valorar a propia constitución da cultura e a ciencia occidentais, e para apreciar os valores filosóficos, éticos e estéticos que definen o ser humano. A historia da filosofía é tamén imprescindible para formar unha cidadanía democrática esixente e crítica. E ademais é a materia que capacita máis directamente para “mellorar a calidade” (aquí si) da educación, aumentando a capacidade para a lectura, a reflexión, a argumentación racional e a escritura. Pois ben: de prosperar a LOMCE, no lugar de todas estas cousas teremos unha filosofía reducida a apéndice decorativo, sen valor pedagóxico real, no conxunto do sistema educativo.

A historia da filosofía é imprescindible, entre outros aspectos, para coñecer e valorar a propia constitución da cultura e a ciencia occidentais, e para apreciar os valores filosóficos, éticos e estéticos que definen o ser humano

E por se isto fora pouco, temos a eliminación da Ética e Educación para a Cidadanía na ESO, reconvertidas nunha materia de Valores éticos que non se consideran necesarios para os alumnos que opten pola Relixión. A estes na práctica se lles estará segregando no seu acceso á formación ética e cívica, e estarase mantendo e reforzando o adoutrinamento relixioso no sistema educativo (que é do que realmente se trata). Pero a carga ideolóxica da cuestión da relixión e a súa rendibilidade mediática non debería impedirnos ver o problema de fondo da destitución da filosofía.

A filosofía no bacharelato serve para darlle sentido ao conxunto das aprendizaxes e poder vinculalas ao tecido de ideas vixentes na sociedade, cousas necesarias para a formación dos alumnos como cidadáns e como persoas; e destituír á filosofía do seu papel vertebrador é unha grave merma na formación dun alumno de bacharelato.

A carga ideolóxica da cuestión da relixión e a súa rendibilidade mediática non debería impedirnos ver o problema de fondo da destitución da filosofía

Ante a gravidade desta situación hai que recuperar o que se di no informe A Filosofía, escola de liberdade, elaborado pola UNESCO en 2007 e recollido pola Red Española de Filosofía (REF) na súa Declaración da Filosofía Española do 5 de maio de 2012: que os estudios de filosofía son indispensables para comprender o mundo no que vivimos e para promover unha comunicación racional entre os seres humanos.

Polo tanto a LOMCE debería ser retirada. Agora tocará agardar a cordura e a disposición negociadora do Ministerio de Educación. Así que anímese, señor Wert.

Acerca de Juan Carlos Fernández Naveiro

Doutor en Filosofía, catedrático de Filosofía en Ensino Secundario (2008), profesor-titor de Filosofía e Antropoloxía no Centro Asociado da UNED en Lugo.