0 Gardados para despois

Brais Arribas

Violencia de xénero, Ética e Relixión

Os datos son os seguintes: Galicia é a sexta comunidade con máis chamadas ao 016, o número que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade pon a disposición das mulleres co fin de ofrecer  información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero, e a sétima comunidade con  máis falecidas. Esta semana ademais coñecemos un dato terrorífico, pero que desgraciadamente non pode sorprendernos, e é que se detectan comportamentos machistas xa en nenos de 10 anos. A resposta institucional foi ao seguro: segundo a Secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abellá, a prevención é a mellor arma contra a violencia de xénero, debéndose traballar tanto nos colexios coma nos institutos cos rapaces para evitar condutas violentas en idades adultas. Todo moi apropiado. Pura corrección política. O problema é que vindo de quen ven, non propiamente a persoa, senón ao Partido que representa, tales afirmacións son unha mostra da incoherencia das súas propias políticas educativas.

Esta semana ademais coñecemos un dato terrorífico, pero que desgraciadamente non pode sorprendernos, e é que se detectan comportamentos machistas xa en nenos de 10 anos

Por que, a que materia debe competerlle o ensino das ferramentas teóricas que permiten ser conscientes do patriarcado e, en razón diso, dos comportamentos que evitan a súa reprodución e o discuten? Onde, ou en que contexto académico, se analizan que son os micromachismos e os prexuízos que soportan e xustifican a submisión da muller sobre o home e a súa lexitimación social? Moitos responderían que tales cuestións son transversais, e que é responsabilidade do profesorado en xeral dotar ao alumnado dos coñecementos específicos para impedir que continúe a lacra da desigualdade de xénero e o seu correlato físico: a violencia machista. Mais semella que é á Ética, se chame como se chame –Valores morais, Educación para a cidadanía, Ética cidadá- o espazo pedagóxico propio para o tratamento coidadoso, crítico e analítico das causas, do argumentario e da historia específica nas que se xeran as situacións de discriminación e violencia cara a muller –onde se pode pensar, incluso! que é a “muller”-.

Non parece que o Goberno actual teña moita lexitimidade para suxerir que para loitar contra o machismo hai que incidir nos aspectos educativos, cando marxina á única materia que ten como fin específico promover o ensino das virtudes cidadás básicas

Sobra dicir que a Ética apenas ten espazo no currículo académico actual. Xunto co resto das materias vinculadas á Filosofía foi apartada a unha esquina, convertida na opción alternativa á Relixión (católica) e cunha carga lectiva de unha (!) hora á semana. Non parece que o Goberno actual teña moita lexitimidade para suxerir que para loitar contra o machismo hai que incidir nos aspectos educativos, cando marxina á única materia que ten como fin específico promover o ensino das virtudes cidadás básicas –entre elas, por suposto, a loita contra a violencia de xénero, pero tamén contra o racismo ou a homofobia-. No entanto, quizais o máis grave sexa a propia percepción dentro do contexto escolar da irrelevancia da ética. 

Dúas anécdotas vividas en primeira persoa, ambas ocorridas ao longo desta semana, ilustran perfectamente o que estamos a dicir. Nunha reunión de profesorado, e no medio dun debate sobre a idoneidade de facer un minuto de silencio co gallo da morte dunha muller asasinada pola súa parella, unha profesora comentou que iso estaba moi ben, pero que era necesario incidir máis sobre o alumnado previndo ese tipo de condutas, e que para iso debían vir persoas de fóra –de ONXs, Psicólogos, Orientadores, que sei eu- para impartir obradoiros de prevención. Non puiden non comentar que que pensaba que facíamos nas horas de Ética.

No seu curso, 2º da ESO, dez alumnos escollen Ética, o resto, uns trinta, Relixión. Verán películas sobre como previr a violencia de xénero?

A outra refire ao propio alumnado. Coa entrega de notas un estudante especialmente vago me preguntou que como podía ser que suspendera Valores –pseudónimo da ética na actualidade-, respondinlle que non entregara ningunha das tres ou catro prácticas necesarias para a superación da materia. Bastante enfadado contestoume que xa sabía el que non tiña que ter collido “Valores”, xa que en Relixión só ven películas e todo o mundo aproba. No seu curso, 2º da ESO, dez alumnos escollen Ética, o resto, uns trinta, Relixión. Verán películas sobre como previr a violencia de xénero?

Acerca de Brais Arribas

Doutor en Filosofía. Profesor de Ensino secundario. Pertencente a Proxecto Derriba