0 Gardados para despois

Xabier P. Docampo

Filosofar é vivir

Imos ver, señores.  Deixémonos de lerias, a xente manda os seus fillos á escola para que esta llelos devolva preparados para a vida. Así foi sempre e así segue a ser. A escola estaba aí para escorrentar a ignorancia e darlle poder ao saber, e por aí iamos ben. Onde descarrilou, logo, a máquina e o tren colleu un camiño desvariado? Moi doado, no momento no que se valorou máis a velocidade do tren que a seguranza de que chegase con ben ao destino. Nese punto onde alguén pensou que había carga da que podíamos prescindir e a cambio conseguiriamos correr máis.

Vémolo ben estes días nos que nos ameazan coa desaparición da filosofía nos planes de estudo de bacharelato. É dicir, que alguén chegou á conclusión de que o estudo da filosofía lastraba a velocidade do estudantado, porque a fin de contas para que precisa un ser humano saber analizar o pensamento, propio e alleo, á luz da construción de vieiros de pensamento que a humanidade fixo ao longo da historia? Para nada. A resposta universal á pregunta “por que?”, está aí e funciona de marabilla: porque si, porque así foi sempre. Para que queres saber máis? Déixate de pensar, pensar non te vai levar a ningures.

Pero é que non se trata só da filosofía, caen e decaen cada día a literatura (que necesidade teñen os pícaros de aprender a analizar a linguaxe para dar co valor último de cada palabra?); a historia (que nos importa saber a verdade dos feitos e aprender deles?); a música (para que esa capacidade de ir procurar ao fondo da alma humana os límites da comunicación e da expresión na procura do que está máis aló??); as artes plásticas (que necesidade hai de transformar o visto no vivido e exprésalo como novas realidades); ou a ciencia (que falta temos dese camiño de saber de nós e do universo no que vivimos e ir substituíndo o imaxinado polo experimentado para que haxa algo que afasta a superstición da verdade científica?)

… E non fago caricatura, todas son materias do saber humano que foron perdendo valor na escola até chegar a caer no limbo do “optativo” ou no inferno das materias desaparecidas.

A cambio proponse unha escola orientada a facer do individuo un ser dedicado “ao práctico”, isto é á produción de bens de consumo e, xaora, de demandalos e consumilos de forma compulsiva, porque o neoliberalismo devora insaciabelmente aos seus fillos.

Se renunciamos a unha escola que forme no humanismo, na capacidade do individuo de interrogarse sobre si mesmo e sobre o mellor xeito de vivir en relación harmónica cos seus semellantes, unha escola que encamiñe cara o saber e a felicidade, daquela a alternativa que nos ofrecen non é só a dun camiño que nos levará á ignorancia, algo temíbel, pero remediábel, senón a dunha institución escolar que acabará por espertar o monstro que leva dentro, aquel que nos encamiña á barbarie, ese punto sen volta atrás que se enxendra no desprezo ao saber, que se alonga na desigualdade social e remata no cataclismo moral do desprezo por quen temos por inferior, por débil ou por incapaz.

Acerca de Xabier P. Docampo