Filosofía en marcha

Nun país aqueixado de anemia cultural que bote a andar unha nova iniciativa filosófica ten o seu mérito, pero que ademais o faga nunha cidade como Lugo que en tantos aspectos pareceu deterse no tempo, é case un milagre. Así que son merecidos os parabéns ao colectivo DOXA que organizou este novembro o I Foro de Filosofía na cidade das murallas, e agora a agardar que teña continuidade.

Tempo é, desde logo, para tentarse o corpo á procura dos sinais dun shock cidadán do que non se da atopado saída, pero sendo conscientes de que en último termo a defensa das democracias son os cidadáns interesados pola cousa pública

O tema deste I Foro de Filosofía de Lugo foi Volver a pensar a democracia, e nel estiveron o catedrático de Ciencias Políticas na UNED Ramón Cotarelo, os profesores galegos de filosofía Moisés Lozano e Carme Adán, e os xornalistas Lois Caeiro, Caetano Díaz e Xosé Luis Gómez. Politica, filosofía, educación e medios de comunicación artellaron unha Xornadas nas que o público fixo honor á condición de foro e houbo intensa participación.

Tempo é, desde logo, para tentarse o corpo á procura dos sinais dun shock cidadán do que non se da atopado saída, pero sendo conscientes de que en último termo a defensa das democracias son os cidadáns interesados pola cousa pública, os polités que, segundo recordaba Cotarelo, xa os gregos opoñían aos idiotés que só se ocupan dos seus asuntos privados.

Cando por moitos motivos xa fraqueaba a fe cidadá na xustiza, a reforma de Ruiz Gallardón pode supor unha puntilla que estableza distancias definitivamente siderais entre a cidadanía e os pazos de Xustiza

Sabemos ben que a historia das democracias está chea de contradicións e mesmo directas traizóns ao ideal, e que contra diso non temos arma mellor que a preservación dos mecanismos básicos dun Estado de dereito, entre os que está o acceso igualitario ao sistema xudicial. Cando por moitos motivos xa fraqueaba a fe cidadá na xustiza, a reforma de Ruiz Gallardón pode supor unha puntilla que estableza distancias definitivamente siderais entre a cidadanía e os pazos de Xustiza; o mérito que si parece que vai acreditar é o de poñer por unha vez de acordo, na súa contra, a asociacións de xuíces e fiscais tanto conservadoras coma progresistas.

Remedios filosóficos contra tanto desatino? Necesarios desde logo que son, e pola educación teñen que pasar. Pero temos que insistir aínda nas graves eivas do noso sistema educativo, incapaz realmente de educar, ocupado como moito na mera instrución e no disciplinamento?

Tamén é certo que se constata a falta de follas de ruta mesmo por parte das elites intelectuais, que só parecen ser capaces de constituír vectores de resistencia contra un avance de forzas que se amosan imparables (iso que ás veces chamamos mercados, para simplificar), e que para máis dificultade de combate se identifican no imaxinario de moita xente coa modernidade, a novidade, o futuro e cousas semellantes. Faise moi difícil loitar cos papeis tan cambiados, e carecendo das ferramentas conceptuais que se precisan.

Descorazona bastante escoitar aos xornalistas presentes no foro (eles, os máis próximos aos novos medios) facer as honras fúnebres do vello periodismo, e confesar que non sabemos cara onde vamos, e que é moi difícil neste pequeno país noso ir a algures fóra da caverna

Unhas ferramentas que para moitos parece que poden estar na rede, coas súas novas estruturas non xerárquicas de saber que poderían alterar as estruturas de poder (coas primaveras árabes aínda no retrovisor). Mais descorazona bastante escoitar aos xornalistas presentes no foro (eles, os máis próximos aos novos medios) facer as honras fúnebres do vello periodismo, e confesar que non sabemos cara onde vamos, e que é moi difícil neste pequeno país noso ir a algures fóra da caverna.

Así que, de momento, celebrar iniciativas como o Foro de Filosofía de Lugo; e saudar tamén a recente constitución da Red Española de Filosofía, que naceu para defendela dos novos recortes académicos previstos na Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa (LOMCE) impulsada polo ministro Wert. Para facer realidade o informe da UNESCO en 2007 titulado A Filosofía, unha escola de liberdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.