A décima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) entregou este sábado pola noite os seus premios. Fox (Grecia), de Jacqueline Lentzou, foi a peza gañadora, impoñéndose aos restantes traballos seleccionados para a sección oficial e levando a Ánfora de Ouro. Na gala foron así mesmo homenaxeados Antonio Durán Morris (Premio Cine Galego) e Nieve de Medina (Premio de Honor).
A Ánfora de Prata foi para RUAH (Suíza, Florin Ginger). Niebla obtivo o premio á mellor curtametraxe galega. O premio a Mellor dirección foi para Luz Olivares, directora de Wald der Echos. O premio ao Mellor guión foi para Leni K. O premio á Mellor actriz foi recibido por Nina Mazodier por Un grand silence; e Lila Gueneau (Clèo) recibiu unha "mención especial". O Mellor actor foi Amjad Prawej por Disco Obu; ademais, Tin Vulovic, de tan só oito anos, recibiu unha "mención especial" polo seu papel en Srecno, Orlo! Foron premiadas igualmente La Plage (fotografía), Samedi (montaxe), Bier & Calippo (música), Irregulars (dirección artística), Dadyah (vestiario), Valparaíso (son) e Ses Souffles (maquillaxe).
Na gala, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou que “o cine e a cultura nos fan felices” e que o FICBUEU "consegue cada ano ilusionar o corazón de moitas persoas”, amosando “como unha vila pequena se pode converter nunha gran cidade da cultura”. O festival “converteuse nun proxecto social e cultural, que está por riba das institucións e que ten que ter autonomia”, engadiu, para concluír: “Grazas e todas e todos por facer posible este soño colectivo”.
Pola súa banda, Antonio Durán Morris salientou que "este é un festival detallista, moi ben rematado, que coida moito o trato coas persoas convidadas; xa o primeiro día me fun impresionado". E o mesmo subliñou Nieves de Medina: "Pasei por unha chea de festivais e este é unha xoia marabillosa, por favor coidádeo".