'Na Butaca', teatro sobre o esquecemento

Imaxe de 'Na Butaca', interpretada por Pepa Barreiro © ButacaZero

Coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, este xoves 21 estréase en Compostela Na Butaca. A obra, sobre un texto de Esther Carrodeguas, achégase dende o teatro contemporáneo á realidade do Alzhéimer dende o punto de vista da persoa afectada. A representación, que terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Principal, serve tamén para recadar fondos en beneficio de AGADEA (Asociación Galega de Axuda os Enfermos con Demencias tipo Alzheimer).

A obra achégase á realidade do Alzhéimer dende o punto de vista da persoa afectada

O libro co texto de Carrodeguas (autora de Voaxa e Carmín) tamén chega ás librarías este xoves 21 de setembro, nunha coidada edición a cargo de Galaxia. Despois da estrea en Compostela, que conta co apoio do Concello, a obra viaxará a Rianxo (22 de setembro), Cambados (23), A Estrada (29), Ribeira (1 de outubro), Vigo (10, 11 e 12 de outubro), Redondela (21 de outubro), Cee (28 de outubro) e O Porriño (17 e 18 de novembro). 

A obra de ButacaZero "achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras angustia; felicidade ou rabia. E xunto a ela imos do cómico ao escatolóxico pasando polo transcendente", destacan os seus responsables. "N​a Butaca remata por ser un alegato –poético- a favor da vida vivida no presente. Ao fin e ao cabo, quen non pensou algunha vez que o esquecemento nos faría máis felices?", din.

O libro co texto de E. Carrodeguas tamén chega ás librarías este xoves 21 de setembro, da man de Galaxia

Está protagonizada por Pepa Barreiro, que traballou con Esther Carrodeguas dende o primeiro día para conseguir crear un texto que se amoldara perfectamente á poética da escritora pero tamén á potencia escénica da actriz. Decidiron embarcarse neste proxecto xuntas porque ambas tiñan familiares con doenzas relacionadas co esquecemento. Mais reflexionando nas táboas sobre a enfermidade chegaron "a crear un proxecto que en realidade vai máis aló, dando un punto de vista filosófico sobre o vivir no presente, sen a presión continua que adoito sufrimos do noso pasado e o noso futuro: preocupacións, culpas, ambicións...", explican.

O proxecto complétase con obradoiros ​de Teatro e Memoria, deseñados para grupos de envellecemento activo, e cun Foro-teatro para alumnado de Bacharelato

O proxecto Na Butaca vai máis alá do texto e da representación, ofrecendo dúas actividades complementarias que se irán desenvolvendo en moitos dos lugares onde chegue a obra. Por unha banda, obradoiros ​de Teatro e Memoria, deseñados para grupos de envellecemento activo, para coidadores e coidadoras, para alumnado de institutos.... Cada obradoiro virá deseñado particularmente, "demostrando que o teatro é unha ferramenta moi útil para traballar a memoria", destacan. Ademais, a xira de Na Butaca ten previstas numerosas funcións para Bacharelato, para o cal ButacaZero deseñou, da man da psicóloga social Amantia Coello, un teatro foro posterior á obra, para que o alumnado poida reflexionar sobre as temáticas presentes no texto.

 

Cartel da obra © ButacaZero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.