0 Gardados para despois

'Bastións': o refuxio e a coiraza humana como escultura

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Na inhóspita xeografía da creación, os románticos afánanse en outorgarlle ao autor as calidades dos cartógrafos, coma se fose un descubridor de novos mundo e a arte, un océano aínda por navegar no que tan só viven monstros. Así, hai quen na literatura distingue entre escritores de mapa, que antes de trazar a primeira letra xa saben o destino da súa prosa, e escritores de compás, lanzados á aventura sen coñecer nin a palabra inicial. Se aplicamos esta lóxica do explorador a todas as disciplinas e obviamos a visión obreira do individuo que inviste as súas horas na transformación dunha materia prima incerta, ben poderiamos definir a Jose Perozo (Vigo, 1978) como un escultor de compás. “Traballo por impulsos, por emocións e impresións. Céntrome primeiro en imaxinar a forma e non tanto na idea intelectual ou no concepto. A teorización chega despois, coas obras rematadas”. Dese xeito responde Perozo á pregunta sobre a orixe das 24 pezas que conforman Bastións, a exposición que recolle catro anos dun traballo que agora se pode coñecer na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela até o vindeiro 5 de outubro.

O escultor Jose Perozo amosa na súa exposición Bastións na Igrexa da Universidade de Santiago un conxunto de 24 pezas, produto de catro anos de dedicación

O impulso definiu, dese modo, as diferentes obras que Perozo foi confeccionando para unha mostra cuxo concepto acabou por xurdir cara ao final do proceso creativo. Bastións xira ao redor do refuxio como idea de fondo, analizando a través das 24 pezas os modos co que o ser humano procura métodos para protexerse da súa propia fraxilidade, dos seus medos. Os bastións, como construcións defensivas, representan moi ben esa protección”, admite o escultor.

Mais para chegar a esa conclusión, Perozo ten que rubir polo pasado para chegar á que talvez é a verdadeira orixe. O escultor remóntase así até o 2003, cando Santiago se despediu da lembrada Casa Encantada. Ese ano, a casa ocupada do barrio de Sar desapareceu definitivamente baixo as escavadoras. “Tras a demolición, recollín varias das vigas da Casa Encantada. Nese momento non sabía aínda que acabaría facendo con elas, pero tiña claro que debía traballalas. Debíalle unha homenaxe a ese lugar ao que estaba vencellado. Dalgún xeito, gustábame a idea de tallalas para crear pezas que tivesen que ver co seu pasado. A talla, pensei xa daquela, debía ter un sentido coa vida anterior da viga”, apunta Perozo. Malia esa forte intención, as vigas e o seu pasado tiveron que agardar. Durante unha década ficaron no almacén e só a partir de 2013 o escultor botou man delas. Comezaron entón a gañar formas e volumes. Nacían os primeiros bastións da mostra, baixo os títulos de Porto, Miyazaki e Arquímedes.

Sandra Lesta é autora dunha serie de relatos inspirados na obra de Perozo que Auga Editora reuniu nun volume que se pode adquirir na propia mostra

Estas tres pezas, xunto a un cuarto bastión titulado Almayer, son as primeiras obras que Perozo creou a través de vigas de madeira, dando resultado un cuarteto de pezas verticais labradas en forma de torre. O seu aspecto, ademais, recolle elementos das paisaxes industriais e de singulares medios de transporte. “A súa estética ten moito que ver con aspectos postindustriais, algo que entusiasma a Jose Perozo como escultor. Vese incluso nos vehículos que aparece en cada unha delas, como o zeppelin de Miyazaki ou o tranvía en Porto. Son medios de transporte vinculados a esa estética que, na actualidade, contan cun uso diferente ao orixinal”, sinala Sandra Lesta, a autora dunha serie de relatos inspirados na obra de Perozo que Auga Editora reuniu nun volume que se pode adquirir na propia mostra.

Esa é a primeira influencia das esculturas de Perozo, quen tamén achou na literatura e no cine a inspiración. “Almayer leva o nome da pousada de Océano Mar, novela de Alessandro Baricco. E no caso de Miyazaki, a obra titúlase así polo director xaponés e o seu O castelo no ceo, unha película de animación con gran presenza de zeppelins”, admite un Perozo que, para o último dos bastións, viu na cidade do Porto a mecha para a creación. “Nun principio, unha das vigas quería traballala pensando en Lisboa, por iso a idea do tranvía. Non obstante, despois de visitar Porto, pareceume unha cidade máis propia para este traballo, coa estética industrial e elementos tan fascinantes como a ponte de Luiz I”, recoñece o escultor sobre unhas obras que representan lugares habitados, “inventados nun espazo irreal, que non están neste mundo, pero que ao tempo gardan trazos do realismo máxico”.

Evolución

"Un segundo tipo de pezas busca desenvolver aínda máis a idea de refuxio. Son obras que fusionan a arquitectura e o ser humano en forma de simbiose. As pezas falan de como o ser humano crea coirazas polos seus medos e inseguridades. Enténdese así o corpo humano como un bastión en si mesmo, como un lugar de defensa”

Deste xeito, eses catro bastións constitúen a primeira parte do conxunto expositivo que ten como gran leitmotiv a idea de refuxio. Non obstante, co paso do tempo, Perozo tamén se lanzou a explorar outra vía creativa que ten no corpo humano e a arquitectura os seus principais piares. “Este segundo tipo de pezas busca desenvolver aínda máis a idea de refuxio. Son obras que fusionan a arquitectura e o ser humano en forma de simbiose. As pezas falan de como o ser humano crea coirazas polos seus medos e inseguridades. Enténdese así o corpo humano como un bastión en si mesmo, como un lugar de defensa”, explica Perozo ao referirse a unha segunda parte da mostra, constituída por pezas como Templo, Ática, Menino e Menina, que combinan diferentes edificios con partes do corpo humano. Noutras, o corpo convértese na base por onde medran os edificios. É o caso de Cidade ou de Home Habitado, cuxa presenza lembra ás históricas Casas Colgadas de Cuenca. 

Por último, Perozo distingue unha terceira fase da mostra, na que vai máis alá na fusión entre arquitectura e anatomía. “Contamos cunha terceira parte da exposición centrada en diferentes obras en que a arquitectura está tallada directamente no corpo humano. En certo xeito, a arquitectura desa coiraza xorde dende o corpo para fóra”, apunta o escultor ao explicar obras como Tatoo ou Tatoo muller.

Esta evolución no discurso débese, por unha banda, ao xeito de traballar do escultor, mais tamén responde ao tempo que levou a construción. “O primeiro dos Bastións fíxeno en 2013. O segundo e o terceiro creáronse no 2014 e no 2015. E o resto, acabaron por facerse entre 2016 e 2017, anos nos que me centrei unicamente na exposición e apartei o meu traballo”, explica Jose Perozo, quen durante moitos anos se dedicou á confección de escenografías e decorados de obras teatrais, películas ou series de televisión. “Nun momento, decidín aparcar a miña vida laboral e dedicarme á mostra. Foi unha aposta arriscada. Agora, o que pretendo é poder combinar o traballo coa escultura. Facer ambas as dúas cousas, até que poida dedicarme unicamente á escultura, se é posible”, conclúe Perozo.

Literatura

“Coñecín a Jose Perozo cando estaba a traballar co primeiro bastión e, ao ver o proceso de creación, comecei a imaxinar a xente que vivía nunhas esculturas que me parecen moi escenográficas, moi teatrais”, di Sandra Lesta, autora dos relatos

As obras de Perozo, que vén agora á luz na exposición na Igrexa da Universidade, non lle chegan ao público en soidade, senón que contan coa compaña literaria que lles quixo brindar Sandra Lesta. A autora publica con Auga Editora un volume que inclúe diversos relatos inspirados nos Bastións de Perozo. “Coñecín a Jose Perozo cando estaba a traballar co primeiro bastión e, ao ver o proceso de creación, comecei a imaxinar a xente que vivía nunhas esculturas que me parecen moi escenográficas, moi teatrais”, sinala a propia Lesta sobre a orixe dos seus textos recollidos nun libro, titulado igual que a mostra: Bastións.

Lesta levou á literatura os bastións Miyazaki, Porto e Almayer en tres relatos que atopan nas esculturas de Perozo a inspiración e na ruptura e a soidade os seus fíos condutores. “As obras transmítenme moita soidade. Son grandes bastións, son estruturas defensivas e illadas. Imaxineinos sempre nun plano xeral, desconectadas entre si, pero rodeadas dun mesmo mar”, sinala Lesta que, afeita a escribir textos teatrais, lanzouse nesta ocasión pola prosa.

A soidade convértese, polo tanto, no punto de partida destes relatos que teñen na ruptura o seu punto álxido. “Os bastións están sumidos nese illamento e os seus habitantes sofren a soidade e unha rutina que só se rompe coa chegada dos medios de transporte que hai nas esculturas. Así o tranvía, o barco ou o zeppelin representan a ruptura co cotiá, coa forma de vivir no interior dos bastións”, conclúe Lesta ao referise a un volume que conta, ademais, coas ilustracións que desenvolveu o propio Perozo.

A mostra Bastións, cuxo deseño dependeu de Mauro Trastoy e a súa produción de Llerena Perozo, despedirase da Igrexa da Universidade o vindeiro 5 de outubro.

Ática

Bastión Almayer

Bastión Miyazaki

Home habitado

Menina

Tatoo muller

Templo

Bastión Porto

Exposición 'Bastións' (Fotos: Tacho Jiménez)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.